Laura Castro é a nova vicerreitora de Intelixencia Artificial da UDC
Ofrecido por:
Laura Castro, a enxeñeira que liderará a IA na UDC: "A pregunta non é a quen substituirá, senón que tipo de traballo"
Docente e investigadora, Laura é dende esta semana a vicerreitora de Estratexia Dixital e Intelixencia Artificial da universidade coruñesa
Califícase como "unha persoa normal", que descubriu a paixón pola Informática cando estudaba: "O único que tes que facer é poñer empeño naquilo que cres que che gusta"
Más entrevistas: Gala Llano, la ingeniera gallega que creó la primera empresa de accesibilidad en Perú: "Jamás te debe frenar el entorno"
Laura Castro Souto chegou á Universidade da Coruña para estudar Enxeñaría Informática sen ter moi claro que se ía atopar. Viña dunha familia modesta e sen apenas referentes universitarios ou vinculados á tecnoloxía, polo que aquela carreira era, en boa medida, unha aposta por un futuro mellor.
Na carreira, cando empezou a programar e a coñecer o mundo da investigación, descubriu que aquilo lle gustaba. Desde entón, o seu camiño estivo ligado á UDC: é enxeñeira en Informática e doutora en Computación pola universidade coruñesa, onde hoxe é docente no Grao en Enxeñaría Informática e investigadora no Grupo de Cidadanía Dixital.
Agora dá un paso máis para poñerse á fronte da estratexia dixital e da Intelixencia Artificial da UDC. Pero Laura, como ela mesma nos confesa nesta entrevista, e "unha persoa normal". Os seus referentes tenos claro, as mulleres da súa familia.
E a esas mulleres máis novas que hoxe dubidan de se estudar informática, dálles unha mensaxe: non hai que ser unha superheroína, so unha persoa normal. "Son unha persoa normal e era como ti. Ti tamén es unha persoa normal. O único que tes que facer é poñer empeño naquilo que cres que che gusta e ir descubrindo o que che gusta a medida que avanzas, sen pecharte portas"
Estudaches Enxeñaría Informática na Universidade da Coruña. Que recordas daquela Laura Castro que chegou á universidade como estudante?
Lembro que non tiña moitas expectativas do que era a Enxeñaría Informática. Viña dunha familia modesta, na que pouca xente tiña referentes de persoas que estudaran na universidade ou unha enxeñaría. Tiña unha curmá que estaba estudando Arquitectura naquel momento, pero tampouco tiñamos moitos referentes. Entón, era un pouco a aposta familiar por algo que se supoñía que tiña que darme un futuro mellor, unha profesión, pero non tiñamos tampouco moita idea do que significaba a informática, construír software ou todas as partes que están involucradas nese coñecemento tecnolóxico.
O primeiro curso, como en moitas enxeñarías, non me axudou moito, porque había moita matemática, física, electrónica... Pero, a partir de segundo, cando empezamos a programar en linguaxes distintas e a entender que construír software era moito máis que programar -que programar era a base, por suposto, pero tamén había que pensar nos datos, nas persoas e nos procesos-, a verdade é que me conquistou. Era algo que non sabía que existía, pero cando o vin por dentro pensei: "Isto gústame".
E ao longo da carreira fuches descubrindo esa vocación. Despois chegaron o doutoramento, a investigación e finalmente a docencia. En que momento descubriches que querías dedicarte á universidade?
Os estudos de Enxeñaría Informática que fixen eran de cinco anos. Durante os veráns de terceiro a cuarto e de cuarto a quinto fun buscando prácticas porque quería ter algo de experiencia profesional para que, cando saíse co título, tivese máis posibilidades de atopar un traballo nunha empresa e non empezase completamente de cero. Nese proceso non tiña ningunha expectativa de dedicarme á vida académica. Para min, a saída natural era buscar un traballo de enxeñeira informática cando rematase. Pero, durante os dous últimos cursos, o traballo de fin de carreira que fixen cun profesor estaba conectado co traballo que desenvolvía o seu grupo de investigación. Foi aí cando descubrín que nas facultades non só se dá clase, senón que as persoas que nos ensinan tamén fan cousas moi interesantes detrás das aulas. Cando rematei o traballo de fin de carreira, dixéronme se quería continuar. Pensei que podía probalo, porque non sabía que existía esa vida detrás das aulas. Pasoume un pouco como coa carreira: quedei alucinada. Abriuse ante min outro mundo completamente novo, no que era moi atractiva esa parte de compartir coñecemento. Desde entón pensei que, se algún día me cansaba, sempre podía marchar á empresa, pero non volvín marchar.
Agora asumes o reto de ser a vicerreitora de Estratexia Dixital e Intelixencia Artificial, unha nova vicerreitoría. Como afrontas esta nova etapa?
Intento afrontala con toda a serenidade que podo, porque probablemente é o proxecto máis grande ao que me enfrontei na miña vida profesional. Igual que en todos os problemas, antes de formar unha idea ou ter un obxectivo, non ten sentido formulalo se non coñecemos as bases. Primeiro temos que coñecer moi ben como está a institución por dentro e as persoas que están a cargo da tecnoloxía ou que a están utilizando: o estudantado, o profesorado, o persoal investigador e o persoal de administración e servizos.
O primeiro é aproveitar ese coñecemento para ter unha visión que nos permita formular obxectivos concretos, non sobre o baleiro. Outra cousa que aprendín moito cos anos é a importancia de formar desde o principio un equipo. Vou ter dúas persoas adxuntas e tamén unha persoa experta en seguridade da información na Universidade da Coruña. Ese será o núcleo de persoas coas que contrastar e compartir as ideas para que xurdan propostas en común desde o principio.
Xa houbo unha primeira promoción de titulados en Intelixencia Artificial. Que balance fas desta formación?
É unha formación moi especial e moi relevante porque responde, como moitas veces é necesario, a unha demanda social desde as administracións públicas e desde as universidades públicas. É importante que a sociedade vexa que, cando hai unha necesidade, as universidades públicas podemos responder a ela e facelo como mellor sabemos: empezando por ofrecer formación especializada.
A intelixencia artificial está moi vinculada ao sector tecnolóxico e informático, pero desde o teu punto de vista, como docente e agora como vicerreitora, debería ser unha ferramenta que aprendesen a utilizar todos os estudantes, independentemente da carreira que cursen?
Probablemente aínda sexa cedo para dicilo. Moitas veces facemos esa reflexión cando aparece un produto que parece que, se non o usas, quedas fóra. A min lémbrame o que pasou no seu momento coas redes sociais. Ao principio parecía que todo o mundo tiña que ter unha rede social e que todas as institucións públicas tiñan que ter presenza nelas. Co paso do tempo vimos tamén o que ocorre cando unha administración se liga moito a un produto que, ao final, é privado e está sometido ás decisións empresariais que lle corresponden. Agora parece que estamos nunha situación semellante coa intelixencia artificial, pero temos esa experiencia previa. Por iso gústame ser prudente.
É absurdo dicir que podemos vivir sen saber como funcionan os chatbots baseados en modelos de linguaxe ou a intelixencia artificial xerativa, que podemos esperar dela e que riscos ten. Necesitamos coñecemento e pensamento crítico para saber máis sobre un produto antes de utilizalo. Tampouco debemos esquecer que un produto tecnolóxico non é unha lei da física da que non podemos escapar, senón que os produtos tecnolóxicos teñen o seu propio ciclo de vida asociado ao negocio que hai detrás.
Non creo que a educación teña que centrarse unicamente en aprender a utilizar estas ferramentas. Interésame non só o uso mecánico, senón tamén un coñecemento maior sobre como se construíu esa tecnoloxía, de onde veñen os datos que están detrás do seu funcionamento, que datos hai e que datos non hai. Hai fendas que existen na nosa sociedade que agora están incorporadas a unha tecnoloxía que se comporta dunha determinada maneira. Corremos o risco de pensar que, como unha calculadora que non se equivoca nunca, todos os chatbots son iguais. E non o son. Ante a mesma pregunta poden comportarse de maneira diferente.
Non me interesa tanto que a xente saiba preguntar cousas, senón que entenda como se xeran esas respostas e por que unhas poden ir nunha determinada dirección e non noutra. A tecnoloxía non é unha ferramenta máis. A potencia que hai detrás e todo o que implica, incluso en termos de sustentabilidade, require ir un pouco máis alá.
"É moi difícil substituír unha persoa que ten capacidade para facer moitas máis cousas que as máquinas aínda non poden facer"
Descripción del sumario...
A intelixencia artificial chega para destruír empregos, como cren algúns, ou para transformar a maioría deles? Neste caso, cales cres que van cambiar de maneira máis radical?
Penso que aquí hai dúas vertentes. Case sempre que houbo unha tecnoloxía ou unha ferramenta que axudou a mellorar a vida das persoas xurdiu tamén a pregunta de a quen vai substituír. Pero penso que a pregunta debería ser outra: non a quen vai substituír, senón que tipo de traballo se substitúe. As persoas non desaparecemos. Non somos como unha máquina que podemos apagar, meter nun recuncho e xa non necesitamos comer. A cuestión non é a quen se substitúe, senón que tipo de traballo se substitúe e, grazas a que ese traballo está agora automatizado, se fai máis rápido ou mellor, que pode facer a persoa no seu lugar. Que oportunidades xorden para que esa persoa poida atender outras cousas que as máquinas non poden facer? E son moitísimas as cousas que as máquinas non poden facer.
En paralelo está todo o debate social e económico sobre o que supón para as condicións de traballo das persoas. Sempre se di que se destrúen empregos, pero tamén podemos preguntarnos por que non se reducen as xornadas laborais ou por que non cambian as condicións de traballo. Son debates que teñen que producirse a nivel social e dos que non podemos quedar coa parte fácil de dicir: "Agora teño unha máquina que fai isto, xa non necesito esa persoa".
É moi difícil substituír unha persoa que ten capacidade para facer moitas máis cousas que as máquinas aínda non poden facer. Cando temos unha mellora que nos libera deste tipo de tarefas, iso non debería repercutir negativamente nas condicións socioeconómicas da sociedade no seu conxunto, senón ao revés. E, se non é así, algo estamos facendo mal, reclamando mal ou supervisando mal os nosos dereitos.
A presenza de mulleres en carreiras vinculadas á tecnoloxía, como Informática, segue sendo minoritaria en comparación cos homes. Por que seguimos tendo este problema?
Como todos os problemas complexos, é unha cuestión multifactorial. Desde que somos moi pequenos existen certas expectativas que, directa ou indirectamente, trasladamos ás crianzas. Antes pensabamos que a adolescencia era o momento adecuado para lembrarlles ás persoas que, en sociedades democráticas e con igualdade efectiva, calquera pode perseguir o futuro que queira. Pero vimos que era demasiado tarde. A ciencia foi investigando e dinos que esas ideas sobre o que se nos dá ben ou mal, sobre onde temos sitio e onde non, aparecen xa incluso aos seis anos. É cando aparecen pensamentos como "as matemáticas non son para min" ou "isto é moi difícil, así que a min non se me vai dar ben".
Durante bastante tempo diriximos moitas iniciativas a idades máis temperás, tanto infantil como primaria. Pero vemos que as mensaxes de que a tecnoloxía tamén é para as nenas si que calan nalgunhas delas, pero tamén nalgúns nenos que non se estaban sentindo aludidos. Ao final, repercute tanto en nenos como en nenas. O efecto neto é que non necesariamente vemos máis nenas, pero si máis diversidade entre os homes que estudan Informática.
Cando eu estudaba había un perfil máis uniforme: un rapaz que tivera moito contacto coa informática na casa, que tivera ordenador ou consola. Agora hai unha diversidade moito maior e xente que, cando chega á facultade, non tivo necesariamente un ambiente que lle fixese ver a informática como o seu futuro. Quizais o que estamos facendo é dicir que a informática é para todos, pero tamén temos que mandar outras mensaxes. Hai moitas profesións feminizadas nas que non estamos dicindo que tamén son traballos necesarios e que deberían incorporar mulleres e homes. Necesitamos que os homes se impliquen nos coidados para que toda a sociedade entenda que non só se trata de crear tecnoloxía, senón tamén de coidar, e que tamén hai ferramentas tecnolóxicas para coidar.
Probablemente veremos desenvolver este proceso nos vindeiros anos, especialmente no norte de Europa, e seguramente irá calando cara ao sur. Temos que intentar contrabalancear noutros lugares para non ter o problema de que haxa poucas mulleres en Informática simplemente porque tamén veñen moitos homes. Temos que conseguir máis mulleres na informática, pero tamén que haxa homes noutros ámbitos nos que non os temos e nos que tamén son necesarios.
Nun foro que fixemos en Quincemil escoitaba a unha experta que falaba do risco de que, se quen deseña unha tecnoloxía é maioritariamente un home, se creen tecnoloxías que reproduzan unha visión masculina. Necesitamos máis mulleres deseñando tecnoloxía?
Por suposto. A día de hoxe podemos dicir que está contrastado pola investigación e pola práctica que a tecnoloxía pode reproducir determinadas visións. E xa non se trata só do binomio entre homes e mulleres. Hai múltiples exemplos de como a tecnoloxía se adapta ás persoas racializadas, ás persoas maiores ou ás persoas con diversidade funcional. Moitas interfaces non son amables para xente con menor mobilidade nas mans. Tamén existen diferenzas de clase. Podemos asumir que os requisitos mínimos dun software están ao alcance de calquera, pero pode existir unha fenda económica á hora de comprar un móbil ou un portátil coas características necesarias para utilizar unha determinada aplicación ou programa.
Sabemos que gran parte da tecnoloxía que consumimos actualmente está desenvolvida por homes dun determinado segmento de idade, dunha determinada clase social e dunha determinada procedencia xeográfica. E iso reflíctese na tecnoloxía. Eu digo sempre que serían superheroes se non fose así, porque todas as persoas vemos o mundo a través da nosa experiencia vital e é normal que sexa así. O importante é ser conscientes e intentar ver de que maneiras podemos facer que iso non sexa así, entendendo que non ten por que ser así. Pode ser un efecto esperable, pero desde logo non é desexable.
Que significa para ti que se cree esta vicerreitoría de Intelixencia Artificial e que sexa unha muller a que estea á fronte?
En certa parte, supón unha oportunidade de proxectar publicamente que cuestións que moitas veces se vinculan a mundos masculinizados, como a estratexia dixital, a tecnoloxía ou a intelixencia artificial, tamén poden estar lideradas por unha muller. Para min supón unha oportunidade como portavoz ou como cara visible para falar deste tema. A min apélame moito porque, aínda que eu non tiña a conciencia que ás veces vexo na xente máis nova, as alumnas que entran agora teñen moita máis conciencia feminista da que eu tiña no seu momento. Son conscientes de que a tecnoloxía e moitas outras cousas na sociedade nos tratan de maneira diferente por ser homes ou mulleres, sen que sexa culpa nosa, pero sen que poidamos dicir que as cousas cambian á velocidade que nos gustaría.
Se non intervimos antes, desde o lugar que me vai tocar ocupar nos próximos anos dáme a oportunidade de dicir que a tecnoloxía non ten que ser como é. Temos que facela como queremos que sexa. Para iso hai que abrir a mente á diversidade da poboación. No caso da Universidade da Coruña, á diversidade do estudantado, do profesorado e das áreas de coñecemento. No caso da sociedade galega, á diversidade social: o rural, o urbano, o mar, o interior e todas as características que nos definen. Todo iso ten que formar parte da tecnoloxía para que a tecnoloxía nos sirva a todos e non só a unha parte.
"Os meus referentes con as mulleres da miña familia"
Falabamos antes deses freos que ás veces, de maneira inconsciente, nos poñemos todos: "Non vou ser capaz", "isto non é para min". Que lle dirías a unha rapaza que está pensando en estudar algo relacionado coa tecnoloxía, a Informática ou a intelixencia artificial?
Os pensamentos limitantes están moi ben definidos: limítannos porque é moi difícil escapar deles. Parece que nos encerramos nese "non podo", pero hai que preguntarse: "Por que non podes? Que che di que non podes?". Ás veces parece que intentar ser a primeira en algo require ser unha superheroína. Tamén vemos na prensa mensaxes como "a primeira catedrática" ou mulleres que foron as primeiras en conseguir determinados recoñecementos.
A miña homónima, Laura Castro, a primera catedratica en construccións navais. Na Facultade de Informática temos tamén mulleres que foron primeiras en diferentes ámbitos, como Amparo Alonso ou Verónica Bolón, con recoñecementos e premios a nivel galego e estatal. Pero esa grandiosidade das que chegan primeiro tamén pode dar medo. Unha pode pensar: "Para a xente de Informática si se pode, pero as que están aí son excelentísimas. Eu son normal".
Eu tamén tiña ese pensamento, que son unha persoa normal. Podo aparecer nun xornal ou falar nunha radio, pero non son excepcional. Son unha persoa normal e era como ti. Ti tamén es unha persoa normal. O único que tes que facer é poñer empeño naquilo que cres que che gusta e ir descubrindo o que che gusta a medida que avanzas, sen pecharte portas. A min foi o que me pasou. O único "máis alá do normal" que fixen foi probar. Non ter unha idea preconcebida do que era a informática. Probar. Non ter unha idea preconcebida do que era o mundo académico. Probar. E así foi como fun descubrindo, con empeño, traballo e constancia, que, sen ser nada máis que unha persoa normal, hoxe estou aquí.
Para rematar, cal foi o teu referente?
Falando de ser persoas normais, os meus referentes son simplemente persoas que traballan e que predican co seu exemplo. Son as mulleres da miña familia. Viña dunha familia humilde e modesta, onde as mulleres eran traballadoras: cosendo, limpando ou simplemente coidando da familia. Non dun xeito consciente, pensando cando era pequena que eran "supermulleres", senón a través dese exemplo constante do día a día, dese esforzo e desa disciplina. Traballar, ter esa disciplina no teu traballo, ir á escola, facer as cousas... Ese exemplo de liderar co exemplo no día a día e no común penso que probablemente fixo gran parte do que son hoxe, nese sentido de ser simplemente unha persoa normal que traballa. Non é unha resposta moi orixinal, pero é moi sincera. Penso que son as mulleres que temos ao redor: nai, tías e avoas.