Vivimos tempos dunha insufrible crise de valores. A humanidade está envolta nunha regresión insostible, e cada día golpéannos os periódicos e o resto de medios de comunicación con barbaries que algúns non imaxinabamos posibles a estas alturas da historia.

Afortunadamente, volvemos de vacacións e encaramos unha nova apertura de curso universitario e dalgún xeito atopamos esperanza e consolo. Porque temos as aulas cheas de mozas e mozos que aspiran a un mundo mellor que o que van herdar, e porque seguramente seremos quen de sementar ideas que sirvan para formar unha sociedade mellor, máis luminosa, máis humana. Unha sociedade baseada no coñecemento.

Así vemos algúns á institución universitaria: como un faro que permite alumear as nosas vidas. Achegando novos coñecementos e facéndonos máis felices polo que o propio coñecemento forma parte dos nosos alicerces de do noso destino. Pero tamén porque a comprensión maior do mundo que nos rodea permitirá abordar os retos que como humanidade temos diante. E cada quen achegará o seu grao de area para a construción desa sociedade futura.

Pero sobre todo, o noso labor é a formación dos nosos egresados e egresadas. Por suposto, dándolles todas as ferramentas para que desenvolvan do mellor xeito posible a súa actividade profesional. Pero tamén axudándolles a ser quen de ter conciencia crítica, capacidade de formar as súas propias opinións e posicionarse cara á construción dunha sociedade máis xusta, máis amable, máis solidaria e máis xenerosa.

A abofé que o que vemos nas nosas aulas chama á esperanza. Porque, lonxe dos clixés que abondan, podemos atopar un xermolo de sensibilidade, de preocupación polos retos que temos como sociedade, pola xustiza social, polo respecto polo medio ambiente, pola igualdade real, pola busca de solucións para os grandes problemas do mundo.

Espero que o paso pola Universidade de Vigo sirva para acadar un forte compromiso coa sociedade, ademais de darvos as capacidades para un magnífico desenvolvemento persoal e profesional. Na actual xeración, seguramente a mellor preparada da historia do noso país, podemos deixar moitas esperanzas. Para que o seus anhelos sexan posibles, eles van poñer o seu talento e o seu esforzo ao servizo da sociedade. Pero iso non abonda. Precisamos tamén claridade de ideas, para que os desexos de facelo ben que ten a nosa mocidade non se estrele ante un tecido que non axuda, que segue na procura do beneficio cortoplacista e persoal, no asoballamento dos dereitos colectivos e na falta de visión de futuro.

A Universidade de Vigo constituíuse sobre alicerces que conseguiron que, en breve tempo, esteamos ocupando posicións destacadas na sociedade, nas clasificacións internacionais e nos efectos sobre o territorio no que desenvolvemos o noso labor.

En primeiro lugar, sempre tivemos claro que o noso principal cometido é a mellor formación dos nosos egresados. E somos agarimosos co talento que se achega ás nosas aulas, aos nosos seminarios e aos nosos laboratorios. E durante toda a vida da nosa institución, temos investido en contar cos mellores medios materiais para a docencia. De feito, o noso estudantado atópase, cando viaxa en programas de intercambio, que a nosa universidade non ten nada que envexar a institucións académicas superiores de outros países.

A segunda característica é que somos unha universidade de marcado carácter investigador. Levamos impreso no noso ADN a promoción do talento e do esforzo investigador e o recoñecemento ás carreiras. Por iso, temos acadado, a pesares da xuventude da institución un lugar nas clasificacións internacionais. É cuestión de tempo que, ademais de ter altas puntuacións na parte dos ránkings que se fai con datos obxectivos, comecemos a subir tamén nas avaliacións subxectivas que se obteñen a base de enquisas. Cada vez somos unha institución máis valorada internacionalmente. Este carácter investigador, que é un sinal de identidade forte, tamén redunda nunha docencia de máis calidade. Ao final, os nosos egresados poden competir internacionalmente e son moi apreciados por iso tamén.

A terceira cuestión que é importante para nós como universidade ten que ver dalgún xeito coa rendición de contas. Se o nosa primeira misión é influír na sociedade a través da formación dos nosos egresados e a segunda, inesquecible, é a xeración de coñecemento, a terceira ten que ver coa influencia sobre a nosa contorna. Desde a súa creación, a Universidade de Vigo está comprometida co noso territorio, estando sempre aberta á colaboración coas empresas e as institucións en todo aquelo que podamos servir de panca para a xeración de valor, para mellorala competitividade e para construír unha sociedade máis xusta e máis igualitaria.

Sería tráxico que, tendo unha mocidade que aposta pola formación, non sexamos quen de aproveitar esa combinación de talento e esforzo para construír unha sociedade do coñecemento. E aí a Universidade de Vigo tamén quere formar parte da ecuación e mantén as súas portas abertas para todo aquelo que supoña sumar forzas.

E para ese obxectivo, marcámonos varios obxectivos estratéxicos. En primeiro lugar, apostamos por unha sociedade que permita aproveitar o 100% do talento. Precisamos, daquela, que exista igualdade de oportunidades entre homes e mulleres. Non facelo así é unha garantía de que non imos ser tan potentes á hora do desenvolvemento das misións da universidade, nin teremos unha sociedade que podamos considerar xusta, nin eficiente. En segundo lugar, apostamos pola galeguización. Somos unha institución galega, e temos un firme compromiso coa cultura galega, cultura universal que engade as súas características, en pé de igualdade co resto de pobos da terra. E, por suposto, dentro da cultura, adoptamos un especial compromiso coa nosa lingua, que é un tesouro que non debemos desaproveitar. O terceiro eixo no que queremos desenvolvernos, ten que ver coa internacionalización. Dado que somos unha universidade magnífica, temos que ser un faro que atraia talento doutros recunchos do mundo; debemos manter as portas abertas a todo o coñecemento, a todas as contribucións e aproveitar as correntes que traballan para a construción dun mundo mellor. E, por suposto, debemos internacionalizar a nosa cultura, que tamén pode enriquecer a outras e axudar en outros puntos do mundo.

En fin, gustaríanos que as galegas e galegos coñezan mellor a nosa institución. Que a valoren, e que se sintan orgullosos do traballo desenvolvido. E que saiban que os seus impostos están sendo útiles para poñer a Galicia nos mapas da sabedoría, a través dunha xeración moza que está a traballar arreo na súa formación, duns grupos de investigación que compiten e cooperan cos mellores do mundo... e das nosas portas abertas a colaborar tamén con empresas, con ONGs, con institucións e con particulares en todo aquelo que sirva para que o coñecemento se expanda, sexa útil e faga máis doada a vida das persoas.

Manuel Reigosa Roger

Reitor da Uvigo