Bandera de Galicia.
Hai xa máis de 100 anos, e con diferentes denominacións, cada 25 de xullo celébrase o Día de Galicia, festividade reivindicativa, nos seus inicios, e de exaltación e reafirmación da nosa identidade, máis recentemente.
As arelas de autonomía política e de recuperación dos sinais de identidade que nos singularizan -lingua, cultura,...- latexaban intensamente no corazón dos galeguistas que principiaron a celebración do Día de Galicia no primeiro cuarto do século pasado.
Décadas despois, coa chegada e consolidación da democracia, aquelas aspiracións convertéronse en realidade, con resultados reais que redundan en beneficio de todas as galegas e galegos. Galicia perdeu trens de máis ao longo da historia. Se o conxunto de España se incorporou con retraso á revolución industrial, Galicia fíxoo aínda máis tarde.
A democracia e a autonomía fixeron posible que Galicia superase definitivamente o atraso secular que arrastraba. Coa autonomía dotámonos de institucións sólidas desde as que administrar os nosos recursos, decidir o noso futuro e reverter radicalmente as dinámicas negativas dun pasado onde as dificultades tomaban con frecuencia o rumbo da emigración. A América primeiro; a Europa e outros puntos da Península, despois.
Da man do autogoberno, a Galicia dos nosos días conta con algún dos mellores hospitais públicos de Europa nun territorio onde hai medio século operaban aínda menciñeiros e compoñedores; as corredoiras deron paso ás redes de datos; e as escolas unitarias abriron a porta a unha educación pública de calidade, que prima o esforzo individual do alumnado a través de iniciativas como a matrícula universitaria gratuíta, converténdonos en pioneiros absolutos neste ámbito. Pasamos de exportar man de obra, a reter e captar talento, tamén persoal cualificado entre os descendentes dos galegos que outrora emigraron na procura de oportunidades.
Son só algúns exemplos da Galicia contemporánea que aspira a liderar o futuro desde a excelencia: con formación de calidade e con equipamentos punteiros, cunha aposta pola ciencia que nos sitúa á vangarda da Península.
Ciencia e tecnoloxía, capital humano formado, pero tamén recursos naturais abundantes e renovables, unha localización xeográfica privilexiada para o tráfico marítimo de mercadorías, e mesmo unha meteoroloxía benigna, constitúen os alicerces sobre os que Galicia constrúe o seu futuro. Nuns casos con proxectos concretos que xa comezan a tomar forma; noutros con proposta sólidas que o farán en breve. Sempre desde o traballo honesto, o escrupuloso respecto a á lei e a man tendida a cantos podan aportar o seu grao de area.
Temos recursos, certo; pero cómpre tamén unha predisposición individual e colectiva para superar a “tentación do non”. Porque competir no mundo esixe mentes abertas e actitudes proactivas, sempre co obxectivo de construír o futuro en positivo, pensando no mellor para Galicia e para os galegos.
Nun mundo polarizado en exceso, Galicia demostra, con feitos, que se pode gobernar desde a mesura e con sentido común. Nós, ao noso.
E o noso é ocuparnos dos asuntos que preocupan aos galegos, tamén de apostar pola nosa lingua e a nosa cultura, principais sinais e identidade de Galicia e protagonistas dun verdadeiro rexurdimento que toma forma a través de manifestacións artísticas, literarias e intelectuais. Sempre desde o convencemento, xamais desde a imposición. Desde a moderación que caracteriza ao noso pobo.