O mundo está en crise, mais a electricidade ibérica resiste: a explicación é renovábel
O mundo está en crise, mais a electricidade ibérica resiste: a explicación é renovábel
Un artículo de Xurxo López, Enxeñeiro Industrial e Director Executivo en E.nova Enerxía
Estamos a vivir un momento complexo a nivel global. A propia directora A propia directora da Organización Mundial do Comercio advertía estes días de que estamos ante a maior disrupción do comercio internacional desde as guerras mundiais. E, sen embargo, hai algo que chama a atención: esta vez, polo menos en Europa e nomeadamente na Península Ibérica, o prezo spot da electricidade non está a reaccionar como o fixo en 2022. Moita xente lembra ben aquel momento, cando a guerra en Ucraína provocou unha escalada brutal dos prezos do gas que acabou trasladándose directamente á factura da luz, xerando unha incerteza difícil de asumir para fogares e empresas.
Hoxe o contexto xeopolítico continúa a ser tenso, mesmo máis aínda, con conflitos activos e presión sobre materias primas como o petróleo e o gas. De feito, nas últimas semanas vimos fortes tensións nestes mercados. E, aínda así, o impacto sobre a electricidade está a ser moito máis contido. A explicación está, en boa medida, en que Europa fixo os deberes tras a crise de 2022 a respecto da súa dependencia do gas: reforzáronse as infraestruturas gasísticas, incrementáronse as reservas de gas natural e diversificáronse os provedores, facendo o sistema máis resiliente e menos vulnerábel a interrupcións externas.
Para alén diso, hai un segundo factor chave, e definitivamente determinante no caso ibérico: o avance das enerxías renovábeis. O peso do vento, do sol e da auga no mix eléctrico medrou de forma moi significativa, permitindo que o prezo spot da electricidade en OMIE dependa cada vez menos do prezo do gas. É o que podemos denominar como un novo paradigma chamado “escudo renovábel”. Grazas a este cambio estrutural, a Península Ibérica está a manter prezos da electricidade máis baixos que outras áreas do continente europeo máis dependentes do gas, mesmo en momentos de forte tensión internacional. Incluso estanse a dar situacións que hai poucos anos parecerían impensábeis, como horas con prezos moi baixos ou negativos, favorecidas por unha boa combinación de recursos renovábeis e condicións climatolóxicas favorábeis.
Este novo paradigma, ademais, non é só conxuntural, senón estrutural. Non responde unicamente a unha boa semana de vento ou a uns encoros cheos, senón a unha transformación do sistema eléctrico que se leva construíndo nos últimos anos. Un modelo no que os recursos propios —o sol, o vento e a auga— gañan peso fronte ás fontes externas, reducindo a exposición ás crises internacionais e mellorando a capacidade de resposta ante escenarios de incerteza.
Agora ben, isto non significa que todos os desafíos do sistema eléctrico fiquen resoltos. O sistema segue en transformación e presenta novos retos, como garantir a estabilidade da rede ou asumir certos custos asociados ao seu funcionamento, como agora os Servizos de Axuste. Mais iso é xa outro desafío que se debera tratar tamén.
Porén, hai unha lección clara: ser dependentes é unha debilidade, e reducir a dependencia é a mellor protección fronte á incerteza. Estamos mellor preparados, certo, mais non debemos baixar a garda. Nun mundo en crise e transformación, avanzar cara unha maior autonomía enerxética —tamén a nivel local, en empresas, explotacións e fogares— é unha decisión estratéxica. Porque, ao final, a mellor forma de enfrontar as crises non é prever todas, senón depender menos da próxima que veña.