Rosa Crujeiras, reitora da Universidade de Santiago: "O desenvolvemento de Galicia non se entende sen a USC"
Rosa Crujeiras, reitora da Universidade de Santiago: "O desenvolvemento de Galicia non se entende sen a USC"
A problemática da vivenda, a descentralización do grado de Medicina, potenciar o Campus de Lugo, "simplificar" a burocracia... Rosa Crujeiras fala con 'Quincemil' sobre os retos e liñas de traballo aos que se enfronta como nova reitora da USC, e tamén sobre ser a primeira muller en dirixir unha universidade galega
Máis información: Rosa Crujeiras tomará posesión como rectora de la Universidad de Santiago el 10 de abril
O próximo 10 de abril, Rosa Crujeiras tomará posesión como nova reitora da Universidade de Santiago (USC) no acto de investidura que se celebrará no Salón Nobre do Colexio de Fonseca. Tras alcanzar casi o 66% dos votos ponderados nas pasadas eleccións do 11 de marzo, Crujeiras convertíase na primeira muller en dirixir unha universidade galega.
A catedrática fala con Quincemil sobre os retos ao que se terá que enfrontar como reitora da USC, como a inminente descentralización do grado de Medicina, ou as liñas de traballo a seguir para alcanzar un "sentimento de pertenza" na comunidade universitaria durante os próximos seis anos.
Estas foron unhas eleccións históricas e cun alto nivel de participación, nas que en ambas voltas conseguiches ser a candidata máis votada nos catro sectores da Universidade. Como viches desde dentro estes meses?
Con moita intensidade, percibindo moita ilusión por parte da xente, demandando sobre todo o diálogo, a escoita e un cambio. Unha maneira que debe ter o goberno da universidade para relacionarse, escoitar a súa comunidade.
Foron semanas, meses, de moito traballo, de moitos quilómetros, de moitas visitas, de moitas xuntanzas. Pero eu creo que foi moi positivo, a nós axudounos moito para configurar mellor o noso programa e tamén para entender como quere a universidade que se achegue á comunidade o equipo de goberno.
Era algo no que insistimos moito na segunda volta. Este contacto tan directo que tivemos en campaña cremos que é o que temos que seguir facendo: seguir estando nos centros, estando nos servizos, nos centros docentes, nos centros de investigación e falando coa xente e escoitando, estando realmente onde se fai a universidade.
Cales cres que foron as liñas cos que máis conectaches coa comunidade universitarias nestes meses?
Neste momento a universidade tiña algúns retos, como comunidade universitaria, perfectamente identificados e isto tamén se viu nas propostas programáticas de todas as candidaturas. Sabemos que a intelixencia artificial é unha das grandes transformacións sociais que estamos a vivir, a universidade non pode estar de costas e nós aspiramos a ser unha universidade pioneira no uso dunha IA responsable.
Sabemos que temos que avanzar na simplificación administrativa e para iso presentábamos tamén unha estratexia específica, abordando ámbitos concretos da nosa xestión. Sabemos tamén que a internacionalización da universidade ten que ser tamén unha aposta de mellora e de futuro, pero digamos que estas eran cuestións que eran transversais a todas as candidaturas.
Realmente é unha diagnose de universidade. Eu creo na aposta pola excelencia científica en todos os ámbitos, por poñer en valor non só os grandes centros que temos, senón en dar un pulo a toda a investigación que facemos en ámbitos como as ciencias sociais, xurídicas, humanas e artísticas, que facemos moita e moi boa investigación, onde tamén temos referentes.
Temos que apostar por un recoñecemento á investigación nestes ámbitos e a súa visibilización, a súa posta en valor. E, por outro lado, está a cuestión do social, a perspectiva social que ten que ter a universidade. Non só na nosa relación coa sociedade, senón na atención ás novas demandas que ten a nosa comunidade, ás novas realidades que nós estamos vivindo nas nosas aulas.
"Aspiramos a ser unha universidade pioneira no uso responsable da Intelixencia Artificial"
Precisamente un dos puntos centrais do teu programa era un novo modelo de universidade, tendo en conta as demandas sociais e a transferencia de coñecemento. Que medidas son importantes para levar a cabo este novo modelo?
Hai dúas cuestións na relación coa sociedade. Unha principal é que nós temos que recuperar a nosa posición como axente fundamental para o progreso social e económico. Xeramos coñecemento, temos a obriga de facer que o coñecemento sexa un ben común e temos que tratar, por suposto, de poñelo en valor e de transferilo á sociedade.
Cando falamos de poñelo en valor e transferir, non é unicamente a través da prestación da mellora de produto, da mellora de prestación de servizos, senón que nós tamén transferimos coñecemento histórico, coñecemento cultural, e creo que aí tamén temos que estar. Pero temos, sobre todo, que tratar de reivindicar ese espazo da Universidade de Santiago de Compostela como grande axente de transformación social e económica de Galicia. E a nosa historia aválanos niso.
Despois está a outra parte: precisamos implicarnos máis no tecido social de Galicia e, en particular, das cidades nas que habitamos, de Lugo e Compostela. Nese senso, pensamos que temos que poñer en marcha iniciativas comunitarias nas que a universidade sexa de verdade parte da vida da cidade, que as cidades se sintan orgullosas da súa universidade e que as universidades tamén se sintan orgullosas das súas cidades, temos que tratar de establecer máis iniciativas comúns.
Xa hai moitas no ámbito cultural, pero, ademais como é un tema que tamén afecta outro ámbito do social, pensamos que dentro das iniciativas no ámbito da vivenda, dentro das accións que nós podemos levar a cabo para poder contribuír a mellorar a situación de accesibilidade da vivenda, temos que poñer en marcha programas de convivencia interxeneracional. E, se é posible, tratar de avanzar nalgún programa de convivencia comunitaria no que necesariamente temos que ir da man dos nosos concellos.
"Temos que tratar de reivindicar ese espazo da USC como gran axente de transformación social e económico de Galicia"
No referido a vivenda, é unha problemática que afecta tanto ao estudantado, como a outros ámbitos da comunidade universitaria, como o profesorado asociado. A USC non ten as competencias para levar a cabo políticas de vivendas, pero si ferramentas para intentar solucionalo. Que medidas se contemplan?
Isto lévoo remarcando todo este tempo. O problema de accesibilidade á vivenda efectivamente non é só un problema do estudantado. é tamén un problema para a xente que se incorpora a traballar na nosa universidade. O persoal investigador que empeza como persoal en formación, onde os salarios son moi pouco competitivos, o profesorado axudante doutor que se incorpora nas primeiras vías, nos primeiros estadíos de acceso á carreira académica, pero tamén o persoal que se incorpora a traballar connosco nos postos base da parte técnica de xestión. Entón, é para todo o persoal e para todo o estudantado. É un problema de comunidade universitaria.
É certo que nós non temos competencias en materia de vivenda, pero que non teñamos competencias non quere dicir que debamos caer na inacción. Que podemos facer nós? Podemos demandar e podemos tratar de poñer o noso problema sobre a mesa e tratar de que entre nas axendas das autoridades, das administracións que si que teñen competencias en materia de vivenda.
Tamén podemos tratar de impulsar algúns programas. Neste sentido, coas entidades do terceiro sector de acción social, queremos tratar de poñer en marcha os Programas de Convivencia Interxeneracional e que teñen outras universidades, isto si que xa entra tamén dentro das políticas sociais dos concellos. Pensamos que nos pode permitir tratar de levar a cabo proxectos sociais de distintas administracións e, ao mesmo tempo, nós tratamos de solventar parcialmente, moi parcialmente, a problemática da vivenda.
Somos conscientes de que non tendo nós as competencias, imos ter que traballar en moitos ámbitos e apelar á colaboración entre as institucións e as administracións públicas.
"Imos ter que traballar en moitos ámbitos e apelar á colaboración entre institucións e administracións públicas"
Cales son os maiores retos aos que te enfrontas agora xa como reitora da universidade?
Empezaba moitas intervencións nos centros dicindo "agora vén a parte que todos queredes escoitar: imos simplificar a burocracia". Que supón simplificar a burocracia neste momento? Eu creo supón repensar como facemos as cousas, cometeriamos un erro se o que facemos agora é coller os nosos procesos e poñerlles unha capa dixital.
Creo que temos que repensar como facemos, porque seguimos con moitos procesos que veñen de hai 20 ou 30 anos, aos que se lles puxeron arriba distintas capas dixitais a través de aplicacións, pero non se pensaron en como se facía. Temos que volver á orixe e temos que pensar os nosos procesos, a nosa maneira de facer, desde un contexto que é de seu nativo dixital. E isto é o gran reto.
Para min non é un reto coller un proceso de asignación de docencia e poñerlle unha aplicación por diante. É pensar, de verdade, como refacemos os nosos procesos tendo en conta que a nosa contorna é dixital. Isto é moi ambicioso.
O que pensamos é actuar en distintas parcelas que teñen un alcance importante na comunidade universitaria: na xestión académica, na xestión económica e na xestión da investigación. Vamos tratar de ir avanzando nestes tres ámbitos e se ao cabo dos seis anos, desde marzo de 2026, podemos ter, cando menos, os procesos destes ámbitos revisados, xa sería un avance importante.
Para min o gran reto non está en poñer unha capa dixital ao que facemos é repensar as cousas nun contexto dixital.
Outro dos grandes retos é a descentralización do grado de Medicina, que é inminente. Como o afrontas?
Eu fun moi crítica con como se levou ese acordo, pero chegouse a un acordo institucional, e os acordos institucionais están para cumprilos e facelos cumprir con todas as garantías.
Neste momento, por parte da Universidade de Santiago de Compostela, temos que seguir traballando con total lealdade institucional, pero sobre todo garantindo as condicións para o noso estudantado e para o noso profesorado.
Creo que si que é positivo que como Universidade de Santiago de Compostela, como a única facultade de Medicina e Odontoloxía de Galicia, como o único grao de Medicina de Galicia, se faga un bo aproveitamento de todas as capacidades do sistema sanitario. Pero, sobre todo, temos que garantir que o noso estudantado se forma en igualdade de condicións e que se manteñen todos os seus dereitos, e temos que traballar nesa liña. Para iso está a comisión de seguimento cos grupos de traballo que se crearon e hai que seguir avanzando.
No referido ao Campus de Lugo, que liñas se van a seguir para potenciar o seu uso?
O primeiro que fixemos foi apostar por unha vicerreitoría específica de campus. Vai haber unha vicerreitoría de coordinación do Campus de Lugo que ocupará Roberto Bande, que é o actual decano de Administración e Dirección de Empresas, porque pensamos que, ademais, é tamén o máis operativo. Primeiro porque permite darlle a entidade que merece o campus, e tamén é o máis operativo de cara ás relacións institucionais que temos dentro da cidade, dentro da provincia, pero ademais dentro do Campus de Lugo.
Dentro da estrutura xeral da universidade, hai dúas vicerreitorías cuxos responsables van ser docentes do Campus de Lugo: a de Innovación e Transferencia e a de Cultura, Lingua e Patrimonio, na que estaría Ana Cabana, que é profesora da Facultade de Humanidades; e a vicerreitoría de Innovación e Transferencia do Coñecemento, con Marcelo Maneiro, profesor da Facultade de Ciencias. Pódese gobernar de Compostela para Lugo e de Lugo para Compostela. Eu creo que iso tamén é un xesto importante, sen cuestionar, por suposto, a valía das persoas que van ocupar os cargos.
Pensamos que no Campus de Lugo hai varios retos por diante. Un deles é a recuperación dos servizos que se foron perdendo. Por exemplo, o noso estudantado non ten orientación laboral, non hai normalización lingüística, non hai servizo de atención psicolóxica.
Outros hai que implantarlos. Temos que garantir que haxa unha igualdade de condicións tanto para o noso estudantado como para o noso persoal. E despois hai que avogar e apostar por esa especialización que temos no campus lucense, un campus apegado ao territorio, ao desenvolvemento rural. Temos a iniciativa do Campus Terra, do campus de especialización, que é unha iniciativa na que cabe toda a formación, a investigación e a transferencia que se fai dentro do campus de Lugo. E creo que aí temos que apostar.
A universidade como axente de transformación social e económica, máis se cabe no campus de Lugo pola especialización que ten. No Campus de Lugo temos as plataformas tecnolóxicas: a aula de produtos lácteos, a plataforma da madeira estrutural, o sistema de información territorial, todos vinculados ao desenvolvemento territorial. Isto é fundamental darlle un pulo e entramos xa nunha colaboración moi directa coas administracións, co tecido produtivo.
Realmente pensamos que no Campus de Lugo hai unha grandísima oportunidade de desenvolvemento, xustamente polas características que ten. Fai moitos anos que o Ibader, un dos institutos do campus lucense, colabora no desenvolvemento lexislativo, no desenvolvemento de normas, de protocolos, dentro do ámbito do desenvolvemento rural, o coñecemento como ben común que o poidamos trasladar.
Eu son moi optimista co Campus de Lugo, paréceme que é unha xoia que temos e que creo que temos que potenciar, que se visibilice e que cumpra a súa misión. Porque realmente, nun país como Galicia, co sector primario que temos, ten que ser fundamental o que nós fagamos dentro do Campus de Lugo.
"Son moi optimista co Campus de Lugo, paréceme que é unha xoia que temos e que creo que temos que potenciar"
A USC é unha das institucións claves tanto a nivel galego, como nacional e internacional, en materia de investigación científica. Como se ponteciará aínda máis este papel?
Nestes últimos anos fíxose unha aposta para a estruturación da investigación, que imos continuar agora actuando nos grupos, pero creáronse centros de investigación. Agora é o momento de botar a andar algúns, a outros darlles un impulso e intentar que alcancen todo o seu potencial. Temos aí o Instituto de Humanidades, temos o IPsiUS de Psicoloxía, temos o Cispac e o Ecobas, que son centros interuniversitarios. E hai centros que veñen de antes, que xa teñen unha traxectoria como, por exemplo, o Idega , o Instituto de Desenvolvemento Económico de Galicia.
Temos que apostar xustamente polo desenvolvemento das súas axendas científicas e tratar de apoialos para que alcancen o nivel que poden alcanzar realmente. Cando vemos onde estamos posicionados tamén coas nosas investigadoras e investigadores, temos grandísimos referentes nas humanidades. Bota de contas os Premios Nacionais de Historia, de Ensaio, que temos na nosa universidade de académicas e de académicos.
Que é o que faltou? Faltou a estrutura. Agora temos a estrutura, agora tratemos de potenciar esa estrutura, que aglutina máis masa investigadora e que ademais permite abordar proxectos de maior calado.
A nós como universidade a creación desas estruturas apórtanos tamén mecanismos que nos permiten poder ir a proxectos máis ambiciosos, por exemplo, pensando no novo programa Marco Horizonte Europa dentro da planificación investigadora da Comisión Europea. É importante que teñamos ese amparo destas estruturas de investigación, que son as que poden realmente axudarnos a xerar estas sinerxías.
Agora que temos creados os centros, creo que é o momento de darlles un impulso, porque estou segura de que esta estruturación vai ser maior. A estruturación é sempre positiva, une esforzos.
En 2025, a USC alcanzaba un novo máximo do uso do galego nas aulas, preto do 30%. Aínda así, a diferenza entre facultades é bastante significativo, chegando nalgunhas o seu uso a máis do 90%, como a Facultade de Ciencias da Comunicación, e outras a menos do 5% como a Facultade de Medicina. Como se vai actuar?
Vemos unha tendencia positiva, creo que é importante que nos quedemos coas tendencias, máis que co global. O que nos están indicando é que hai que facer actuacións máis polo miúdo, máis focalizadas. Haberá centros onde o que toca é manter, e para manter eu creo que hai que recoñecer esa boa labor en prol da dinamización e do uso prestixiado do galego en todos os ámbitos de actividade da nosa universidade. E nos outros centros onde haxa que apoiar, haberá que tomar accións específicas e focalizar aí os esforzos. Nós avogamos polo acompañamento.
Estamos incorporando un relevo xeracional importante, estamos incorporando persoal, tanto no ámbito do cadro docente como no cadro técnico de sistema de administración e servizos. E pensamos que o que compre facer é acompañar a estas persoas desde o primeiro día para que, obviamente, sendo o galego a lingua propia da universidade, unha persoa que se incorpora a dar clase non teña medo a usalo nas aulas, que poidamos darlle o soporte para que, acompañados desde o comezo, dea a súa docencia en galego.
Creo que aí é onde temos que actuar e temos que recoñecer a quen o fai ben. Penso que debemos ir cara a medidas de recoñecemento positivo. Apuntabas a Facultade de Ciencias da Comunicación, recoñezámoslle esa labor do uso do galego. Se se conseguen esas porcentaxes, tratar de ver o exemplo e que se pode facer, que a docencia se pode dar en galego, pero creo que temos que actuar de xeito máis focalizado naqueles centros ou incluso títulos onde a porcentaxe de uso da docencia en galego é menor.
A cultura tamén xoga un papel fundamental na vida universitaria, non só no ámbito social, tamén como fonte de coñecemento e de accesibilidade para o estudantado. Cal será o papel que xoge a cultura neste mandato?
Apuntabas ao estudantado, e é certo que a cultura veu ligada sempre a estudantes, pero nós separámolos.
Separamos e levamos ao estudantado, igualdade, diversidade e benestar por un lado, con Lorena Añón, que é profesora de Ciencia Política e Socioloxía, que vén do Traballo Social para poder poñer esa vía social; e separamos cultura, lingua e patrimonio, que levaría Ana Cabana, que é historiadora.
Como entendemos a nosa proposta cultural? Como debemos entender a cultura? Co Plan de Dereitos da Unesco: a cultura ten que ser un dereito. Temos que tratar de garantilo a toda a comunidade universitaria e á sociedade. Temos que xogar ese rol.
Temos a obriga como universidade de contribuír a facer que a cultura sexa realmente un dereito. Dentro do programa levamos unha serie de iniciativas culturais que están ligadas a outras liñas estratéxicas das universidades: iniciativas de cultura verde, que precisamos ser unha universidade sostible; cultura situada, relacionada tamén coa nosa cultura, coa cultura do país; cultura democrática, que no tempo que estamos a vivir, penso que temos a responsabilidade como universidade tamén de actuar desde esa perspectiva.
Queremos tamén achegar a cultura á comunidade universitaria, por suposto á sociedade, pero sobre todo á comunidade universitaria, e tratar de promover iniciativas culturais que veñen de abaixo arriba. A cultura ten que ir onde está a comunidade, non ao revés.
Facemos unhas exposicións fantásticas, pero moitas veces nin a xente da propia comunidade as vive. De feito, ligamos cultura, lingua e patrimonio, vivimos nunha universidade de máis de 500 anos, e eu teño ás veces a impresión de que temos xente que pasa polas nosas aulas e persoas que traballan aquí e que viven unha universidade que parece que ten 30.
Temos que tratar de ligalo tamén a todas as iniciativas que levaremos a cabo desde esta Vicerreitoría de Cultura, Lingua e Patrimonio, que, á parte de promover que a cultura sexa un dereito, tamén axudan a crear identidade e a crear comunidade. A cultura ten que ser tamén un espazo de encontro da comunidade universitaria, somos todos comunidade, non somos estudantado, profesorado e persoal, e é importante crear eses espazos de encontro.
En materia de igualdade, sempre defendiches unha USC feminista, diversa e inclusiva. Que se debe facer para conseguilo?
Dentro da Vicerreitoría de Estudantado, Igualdade e Diversidade Xeral distinguimos o ámbito da igualdade entre mulleres e homes. Despois temos un ámbito de diversidade que contemplaría, por unha banda, diversidade LGTBI+, e por outra banda, diversidade funcional, necesidades específicas de adaptación educativa.
Necesitamos garantir que a universidade sexa un espazo seguro para todas as persoas, nun contexto onde non é sinxelo, porque o espazo no que nos movemos e nos relacionamos vai máis alá dos espazos da universidade, como as redes sociais. Isto supón un grandísimo reto de como o abordamos. De feito, na primeira fase da campaña, vimos como unha estudante desta universidade sufriu un ataque tránsfobo por redes, daste conta do que podemos facer para que isto non aconteza.
Temos que facer en todos os ámbitos moita labor de sensibilización e de formación. Pero, ademais, temos que dotarnos dos protocolos e das normas que permitan que a universidade sexa un espazo seguro e que sexa un espazo igualitario. No ámbito de igualdade, por exemplo, temos o noso plan de igualdade que hai que renovar xa, pero non todo pode quedar no plan. É importante que implantemos medidas específicas de conciliación e que garantan a igualdade de condicións para as mulleres e para os homes desta universidade.
Pode parecer estraño, nunha universidade pública, onde se supón que todo vén por categoría, a nosa progresión vén por igualdade de mérito e capacidade. Pero no ano 2023, tendo a Oficina de Igualdade de Xénero e en coordinación co Cifex, fíxose un estudo sobre a fenda salarial, que é importante. Na progresión académica, as mulleres que chegamos ás cátedras somos menos, cústanos máis avanzar na carreira académica. Pero incluso no mesmo estadio da carreira académica, por exemplo, no estado de titular, o que percibimos salarialmente é menos. Por que? Pois temos menos complementos de investigación, porque a nosa carreira investigadora, que se empezan a percibir na maternidade, vese ralentizada aí.
Agora si que xa se foron poñendo medidas, pero van tardar un tempo en que as deixemos reflectidas, e temos que tratar de poñer medidas internamente. Movémonos menos a congresos, a estadías, porque asumimos, isto é un feito, máis responsabilidades familiares. Entón, é certo que os nosos salarios son os mesmos, pero o que condiciona a nosa progresión académica e salarial, a nosa condición de muller e a convención social na que vivimos, fai que avancemos a outro ritmo ou que en moitos casos as nosas carreiras se vexan truncadas.
Algunhas universidades o que teñen despois dos períodos de maternidade, que é onde se empeza xusto a notar esta fenda, son exencións de docencia para o persoal docente e investigador, para as mulleres que se incorporan despois dunha maternidade, dun acollemento, para tratar de recuperar ou de non ralentizar a súa progresión investigadora. Que, ao final, é o que condiciona despois que teña sexenios e que teña esa cátedra. É todo unha cadea, pero hai que actuar moi pronto.
"Os nosos salarios son os mesmos, pero o que condiciona a nosa progresión académica e salarial, a nosa condición de muller e a convención social na que vivimos, fai que avancemos a outro ritmo ou que en moitos casos as nosas carreiras se vexan truncadas"
Como catedrática de matemáticas, nun contexto no que as carreiras científicas e tecnolóxicas son "máis masculinizadas", viviches algunha situación de desigualdade?
Fun directora do Centro de Investigación de Tecnoloxía e Matemática de Galicia, e na primeira xuntanza de directores e directoras de centro, de 17 personas eu era a única muller. Paraste a pensar e é imposible. Non hai mulleres capacitadas? Que acontece? Cito a Nuria Varela, que nun libro, O Síndrome de Borgen, fala dos mecanismos sutís de expulsión das mulleres cando estamos en postos de responsabilidade. Incluso nos postos de responsabilidade a nosa condición de muller está por encima de todo. E isto vivímolo durante a campaña electoral, cando reiteradamente se nos preguntaba polas nosas circunstancias familiares, dubido moito que se foran candidatos homes, se estivera preguntado polas súas condicións familiares.
Cando che preguntan que vai pasar cos teus fillos, obviamente fanche pensar, e é unha maneira de cuestionarse. E é unha maneira de que ti te cuestiones tamén o prezo que ten o que estás facendo en termos familiares. Non é un acoso, non é unha agresión, pero é algo moi sutil que fai que ti mesma te cuestiones.
Creo que é moi san que todas e todos fagamos o exercicio, porque isto ás veces non vén só de homes, estes cuestionamentos veñen de nós mesmas como mulleres. Que fagamos o exercicio de se eu isto estaría dicindo ou estaría preguntando se o que tivera enfronte fose un home.
O relevante é a nosa traxectoria, a nosa competencia, a nosa profesionalidade, non as nosas circunstancias familiares, porque non serían relevantes se non fósemos mulleres. Creo que isto tamén é unha mensaxe a sacar destas eleccións.
Estas eleccións escolleron a primeira muller reitora da USC tras máis de 500 anos. Na Universidade de Vigo, o 6 de maio, tamén comezarán as eleccións á reitoría, no que hai dúas mulleres candidatas. Como te ves no papel de referente?
Eu traballo aquí e quero traballar pola universidade e realmente non foi ata gañadas estas eleccións que me dei conta do simbolismo, do que supón ser a primeira. E non quero ser a última, agora teñen que vir outras detrás. O principal é que isto, por suposto, non quede na anécdota.
Enfoquei a carreira cara á reitoría foi con traballo, con coñecemento, con vontade de servir á universidade e gustaríame ser a primeira de moitas. Isto é unha débeda que ten a Universidade, e é unha débeda social.
Estamos aí na universidade, somos maioría en todos os estamentos, entón creo que tamén é importante o feito de que unha muller estea á fronte, porque estivemos en todas partes: hai directoras de departamento, hai directoras de centro, hai decanas, hai vicerreitoras, houbo xerentas, secretarias xerais e faltaba o reitor.
Como che gustarían que recordasen os teus anos como reitora?
Vou ser moi ambiciosa niso, porque quixera que, despois destes seis anos, se ti lle fas esta pregunta a alguén que pasou polas nosas aulas, que traballa ou que traballou aquí, que lle preguntas que supuxo a Universidade de Santiago, a xente estea orgullosa de ser parte desta universidade e de ter traballado, de ter estudado nesta universidade. Creo que ese sentido de comunidade universitaria, ese sentido de pertenza, é o entender.
Eu creo que, como universidade, nos falta o que debemos aspirar: realmente ser unha comunidade e que a universidade teña o papel relevante no desenvolvemento social.
O desenvolvemento de Galicia non se entende sen a Universidade de Santiago de Compostela, non se entende no pasado e non se pode entender no futuro e aí temos que estar.