Begoña Caamaño con compañeiros de Radio Popular.
A muller detrás de Begoña Caamaño: unha lectora da realidade e unha activista comprometida
O carácter curioso e reivindicativo da homenaxeada nestas Letras Galegas marcou tanto a súa carreira como a quen a coñeceron
Contido relacionado: Begoña Caamaño, a contadora de historias feminista que se atreveu a reinterpretar os mitos
Quen a coñeceron recordan a Begoña Caamaño como unha "nena e unha muller grande. O que foi de maior tamén o era de pequena. Inconformista, imposible de estar calada, sempre expresando a súa opinión, o seu punto de vista e a súa posición. Sempre defensora ante as inxustizas, mesmo de pequena. E sempre sorrinte e con moita imaxinación". Así é como a define Bea Caamaño, irmá da homenaxeada este ano polas Letras Galegas.
"Era unha nena especial. Iso non quita que non tivera esa parte de sufrimento, porque era unha nena diferente", recorda tamén a súa irmá.
Bego e Bea levábanse moi pouco, apenas 13 meses que facilitaron que medraran xuntas, primeiro no barrio do Calvario en Vigo e despois en Coia, na mesma cidade.
Begoña Caamaño coa súa familia de nena.
Unha infancia en liberdade
"A nosa infancia foi estupenda", conta entusiasmada. "Vivíamos nun barrio que era entón case rural e vivíamos en liberdade total", engade.
As tardes tras o cole pasaban entre bocatas e aventuras coa pandilla do barrio "subindo árbores, xogando ao escondite ou a polis e cacos ou marchando de excursión buscando sitios máis inóspitos ou descoñecidos. Esta maneira de medrar estivo presente nas nosas vidas. O non atopar freos axuda a que teñas unha visión do mundo da que esa liberdade forma parte".
Cos anos, Begoña Caamaño, que estudou Maxisterio, rematou sendo unha xornalista de radio e posterior escritora. Porén, o que ela quería ser de pequena, confesa a súa irmá, era veterinaria
"Logo miña nai quería que fose cirurxana ou médica, porque ela era moi lista, moi preocupada polos estudos e moi curiosa. Pero cando rematou COU non tiña unha vocación clara e non lle parecía honesto que meus pais fixeran o esforzo económico de pagarlle os estudos fóra", explica.
Avida lectora
A súa curiosidade levouna a facer un curso de locución e probar sorte na radio, onde atopou a súa paixón traballando en Radio Noroeste e en Radio Popular.
"Foi facelo e namorou efectivamente da profesión. Así rematou sendo unha apaixonada do xornalismo", comenta Bea.
Nese momento, no Vigo dos anos 80, foi cando Víctor F. Freixanes a coñeceu.
"Era unha mociña de 19 ou 20 anos que entrou a colaborar en Radio Popular de Vigo. Levaba a programación cultural da emisora. Era unha rapaza chea de vida, chea de enerxía e cunha alegría contaxiosa e cunha enorme curiosidade intelectual e con moitas lecturas. Estaba por riba da media", recorda agora o tamén xornalista.
Os seus inicios laborais foron nunha emisora "que potenciaba moito a lingua galega na radiodifusión. Era unha emisora con moitísima audiencia non só en Vigo, senón tamén en Santiago entre os estudantes. Ela estaba nese entorno con María Xosé Porteiro, Xosé García Palmeiro...".
Begoña Caamaño traballando con Rosa Martínez na Radio Galega en Vigo.
Na súa etapa como xornalista, comenta Bea Caamaño, a viguesa namorouse dos informativos e "da inmediatez, estar na rúa e saber, entender e coñecer todas as partes dunha noticia. Desa intensidade" pero tamén dos programas culturais. "Interesáballe moito o mundo da cultura. Era unha grandísima lectora desde moi nena".
"Era unha friki", confesa entre risas a irmá pequena.
Ambas compartían algunhas lecturas pero só "a dos libros fáciles. Cando ela se metía noutras cousas, para nada. Haberá poucos nenos que se lle parezan nese sentido. O seu nivel de lectura era moi potente. Que con 10 anos tiñas lido a Odisea ou a Iliada... Eu non o fixen nin agora e xa teño 60", recoñece.
Unha muller comprometida
Tanto na súa faceta como xornalista, como máis adiante como escritora, e tamén como muller, Begoña Caamaño foi unha muller comprometida.
Anos despois chegaría a oportunidade de traballar na Radio Galega.
Aquí coincidiu con Ana Romaní, quen acabaría por converterse ademais de compañeira en amiga.
"Tiña unha gran capacidade de entusiasmo, de traballo e cun compromiso radical pola transformación do mundo. Era unha feminista que desenvolveu a súa actividade profesional cun obxectivo claro de transformación social", sinala.
Begoña Caamaño, con chapeu, posa con Avelina García, Xulia Mariño, Rosa Álvarez, Rosa Martínez e María Xosé Porteiro.
A voz que queda nas súas novelas
A súa familia tamén condicionou o seu carácter lector, conta a súa irmá, cun avó "que se inventaba moitas historias sempre en base a personaxes" e unha nai "que nos achegaba moito á mitoloxía e a todo tipo de lecturas".
Precisamente desa vontade de reinterpretar os mitos nace a súa literatura. Romaní sinala que "no seu feminismo adolescente é cando percibe que hai poucas personaxes femininas. Tamén aí comezou a súa implicación con distintos movementos e asocaicións".
Mesmo no instituto, unha das súas profesoras, Carme Panero, a definía como "unha moza moi experta, moi esperta e moi activa na reflexión sobre as discriminacións ou as inxustizas".
A súa primeira novela, Circe ou o pracer no azul, escribiuna cando tiña 45 anos. A súa irmá recorda que chegou como unha sorpresa: "Non era das que escribía contos de pequena. Recordo ter o libro na man e dicir: 'Ostras. Bego escribiu!'. E atoparte con esa pedazo de historia tan ben contada, con esa linguaxe e ese nivel de escrita.
Porén, botando a vista atrás, "a toda a súa maneira de expresar e ao seu traballo, vai cobrando sentido".
Agora, case 20 anos despois de Circe e tras a publicación tamén de Morgana en Esmelle no 2012, dous anos antes de falecer, para Bea Caamaño estas obras son "as sobriñas que nos que Bego nos deixou á familia. Son as súas criaturas e o seu legado. Eu sinto a responsabilidade de protexer, de coidar e de comunicalas tamén para que cheguen á maior xente posible".
O académico Víctor F. Freixanes foi entón o seu editor. Ambos compartían o interese pola literatura e pola cultura clásica, uns temas que ocuparon horas de conversas na cafetería Flamingo da rúa Príncipe de Vigo.
Cando leu o orixinal, antes da súa publicación, Freixanes recoñece que "empecei a ler un sábado e rematei un domingo. Pareceume fascinante".
Begoña Caamaño, á esquerda da imaxe con vaqueiros, cos seus pais e os seus irmáns.
Bea ve nestas novelas "a súa voz. Aí está Begoña ao 100%. Está o seu pensamento, a súa reflexión, a súa ideoloxía, a súa maneira de ver o mundo e a súa vontade de cambialo".
"Que diría Begoña?"
Entre quenes a coñeceron, anos despois do seu pasamento queda sempre unha pregunta no aire: "Que diría agora Begoña?".
"Eu concordo coas súas amigas", comenta Bea en relación ás palabras de Goretti Sanmartín no documental realizado pola Real Academia Galega. "Sempre que hai algo novo, a primeira pregunta que me fago sempre é: 'Que diría Begoña disto?'. Tiña esa maxia e ese talento para facer unha reflexión e levarte ao punto exacto onde mirar".
"Era unha gran lectora da realidade. Facía moi ben as preguntas", apunta Romaní, quen bota en falta "a súa lucidez, a súa capacidade de análise".
Para Bea, "ela é moi actual e cada vez máis. Ao contrario de perder vixencia, as súas obras gañan máis. Morgana é unha reflexión sobre a ética e a política. A mensaxe é importantísima e máis nun momento coma este. Nunca foi Begoña Caamaño tan actual como é agora".
Begoña Caamaño retratada no parque de Bonaval de Santiago de Compostela.
Por todo isto, estas Letras Galegas teñen un sentido aínda máis especial.
A súa irmá pequena recoñece que o seu significado "é difícil de expresar. É un recoñecemento extraordinario á vida dunha persoa, á súa traxectoria, ao seu pensamento... É moi complicado, moi bonito e agotador", recoñece emocionada, indicando que "dalgunha maneira, despois de máis de 10 anos, volver estar presente nas nosas vidas. É algo moi bonito para celebrar, máis sendo como era ela. Dicía que na vida hai que celebrar as cousas".