Henrique Monteagudo, presidente da Real Academia Galega
Henrique Monteagudo, presidente da RAG: "O sistema educativo leva anos funcionando como un espazo de presión castelanizadora"
O presidente da Real Academia Galega advirte da perda de transmisión interxeracional da lingua e reclama políticas máis ambiciosas para garantir o futuro do galego nun contexto marcado polas redes sociais, a inmigración e a intelixencia artificial
Te puede interesar: El PSOE contrapone la inversión en lengua: Galicia destina 6 euros, Cataluña 35 y Euskadi 90
A situación do galego preocupa á Real Academia Galega. O presidente da institución, Henrique Monteagudo, alerta de que Galicia atravesa "un problema serio" relacionado coa percepción social da utilidade do idioma.
Nesta entrevista analiza o papel das escolas, das redes sociais e das novas tecnoloxías na supervivencia do galego, defende que a lingua segue tendo "un espazo garantido no futuro" e insiste en que perder o galego significaría tamén perder unha parte esencial da identidade cultural e social de Galicia.
Os datos sociolingüísticos amosan unha caída do uso habitual do galego, especialmente entre a mocidade e nas cidades. Cre que o galego mantén prestixio social en determinados ámbitos urbanos ou profesionais?
Eu creo que non é tanto unha cuestión de prestixio, dende logo non de prestixio cultural, que o galego definitivamente si ten. Outra cousa é a utilidade que se percibe do galego para o progreso social. Nese sentido está claro que hai un desnivel moi grande entre o castelán e o galego. Polo tanto, si que hai un problema serio.
Segundo o informe da Real Academia Galega, só o 7 % dos nenos de 5 a 14 anos fala sempre en galego. As redes sociais e os novos creadores de contido poden cambiar a relación da mocidade co galego ou existe a posibilidade de que esa presenza sexa só superficial?
As redes sociais son importantes, sen ningunha dúbida. Precisamos dunha maior presenza de produtos en galego destinados á infancia e á adolescencia nese ámbito. Pero tampouco nos podemos confundir e pensar que esa é a chave de todo. O problema de fondo está en que o sistema educativo leva anos funcionando como un espazo de presión castelanizadora. Nós, dende a Academia, somos moi contundentes neste sentido. A lingua das aulas e dos docentes xoga certo papel, pero a maior presión castelanizadora está nos corredores: é a lingua que falan os rapaces e rapazas entre si. O que vemos é que os nenos galegofalantes coa súa familia, en lugares onde o galego é minoritario, síntense presionados nos centros educativos para adoptar o castelán na súa vida cotiá, e iso é un factor moi importante que non resolverían as redes sociais.
A intelixencia artificial pode ser moi favorable para as linguas minorizadas
Nun contexto no que a intelixencia artificial vai condicionar cada vez máis internet e a creación de contidos, corre o galego o risco de quedar tecnoloxicamente marxinado?
A vida social das linguas é moi complexa e enmárcase nun sistema que interrelaciona moitas cousas. Unha delas, por suposto fundamental, son as novas tecnoloxías. Se nos remontamos á historia e analizamos como unhas linguas progresaron e outras recuaron, vemos que o factor das novas tecnoloxías sempre foi importante, dende a imprenta e a prensa até os medios audiovisuais. Agora temos a intelixencia artificial que, na miña opinión, pode ser moi favorable para as linguas minorizadas. Pode dar enormes facilidades no terreo da tradución, da aprendizaxe de linguas, etc. Polo tanto, é necesario que o galego estea presente nesta revolución tecnolóxica e, evidentemente, os gobernos da Xunta e do Estado teñen que apostar estratexicamente nisto, de tal xeito que as novas tecnoloxías sexan útiles para a nosa lingua.
A Real Academia Galega naceu grazas ao impulso da emigración galega na Habana. Hoxe o movemento é inverso: Galicia recibe inmigración e retorno da diáspora, pero o galego raramente funciona como lingua de acollida. Como se pode converter o galego nunha ferramenta de integración e identidade compartida tamén para quen chega?
É certo que Galicia hoxe acolle máis poboación da que exporta. En principio, esa é unha dinámica que, se non se fai nada, irá en prexuízo do galego, porque esa inmigración procede en boa parte de países castelanfalantes. Pero tamén é verdade que, se a xente que chega de fóra percibe no galego e no seu coñecemento unha ferramenta útil para a integración no país de acollida, iso tamén pode xogar ao seu favor. Hai moitos exemplos de inmigrantes que se decatan disto, de que unha maneira de seren aceptados pola xente de aquí pasa por usar o galego coas persoas que o falamos. Evidentemente, tamén se precisa unha política para facilitar o acceso desta poboación á lingua.
Hai moita xente nova que está facendo cultura en galego con boa acollida
A defensa do galego adoita percibirse ás veces como unha posición ideolóxica concreta. Como romper esa asociación e devolverlle á lingua un espazo transversal?
Ese é un esforzo que temos que facer. A Real Academia Galega ten un papel aí, porque socialmente é percibida como unha entidade que está fóra da loita partidaria e que non ten unha postura ideolóxica definida, máis alá do galeguismo que a caracteriza dende os seus inicios. Por outra banda, tamén corresponde buscar ferramentas e instrumentos para que os sectores sociais que simpatizan co galego (e que ás veces se retraen precisamente porque existe esa asociación un tanto prexudicial para a lingua de que, se falas galego en determinados ámbitos, es automaticamente nacionalista) non se retraian. Se conseguimos iso, esa asociación iríase diluíndo. De feito, eu considero que xa está a acontecer na actualidade, pois hai moita xente nova que está facendo cultura en galego con boa acollida (por exemplo, no ámbito da música) e que non ten unha identificación política moi marcada.
Son as políticas lingüísticas actuais da Xunta suficientes ou bota algo máis en falta?
Son claramente insuficientes. Sen entrar a valorar as intencións e simplemente valorando os resultados, é innegable que nas últimas décadas houbo melloras como o galego no ensino, a creación da Radio e Televisión de Galicia e o estímulo da produción cultural en galego. Pero hai elementos fundamentais para o futuro da lingua, como a transmisión interxeracional, que non están a ser eficaces. E non podemos dicir que isto sexa só responsabilidade das familias, porque é algo totalmente condicionado pola percepción que as familias teñen do peso social de cada unha das linguas; ou sexa, cal é a lingua que ten máis utilidade para o progreso social, e niso poden e teñen que intervir as políticas públicas.
Que perdería Galicia se o galego deixase de ser unha lingua viva para converterse só nun símbolo cultural?
Pois sería unha rexión máis ou menos indefinida, caracterizada por cousas tan pouco estimulantes como o clima. É dicir, Galicia perdería un sinal de identidade que nos identifica como grupo étnico-cultural, pero tamén as empresas galegas perderían un sinal de marca moi forte para destacar nun mercado mundial no que todo se parece e no que dispoñer de elementos de diferenciación é un activo inmaterial importantísimo.
Imos cara a un panorama mundial no que se valora a diversidade lingüística
É posible unha Galicia plenamente moderna e globalizada mantendo unha personalidade lingüística propia? Segue sendo o galego unha lingua de futuro?
Sen ningunha dúbida. É certo que poderiamos ir cara a un panorama internacional dominado por catro ou cinco linguas que borrasen todas as demais, o triunfo da homoxeneización lingüística da humanidade, pero a verdade é que hai moitos elementos para crer que non, que imos cara a un panorama mundial no que se valora a diversidade lingüística, en parte grazas á tecnoloxía e aos avances na comunicación. Cando as persoas chegan a certo nivel cultural e educativo, non ven a diversidade lingüística como un problema, senón como unha riqueza. Por outra banda, hai que ter en conta as posibilidades que o galego abre para a conexión co portugués, unha das linguas máis faladas do planeta. Cunha política intelixente, o galego ten un espazo garantido no futuro.