Opinión
|
Tribuna Abierta

Cultura sen dirección

O portavoz do BNG na Coruña e candidato á alcaldía nas vindeiras eleccións, sinala a falta de dirección cultural do actual goberno local
Por Francisco Jorquera

O Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses ten perto de 60 anos de historia. Naceu en 1964 para honrar e poñer en valor a memoria do ilustrado coruñés José Cornide Saavedra e desde a súa fundación até hoxe converteuse nunha institución fundamental para o estudo e a divulgación da historia da Coruña.

Porén, desde hai máis de dous anos o Instituto carece de dirección e os membros do José Cornide denuncian a falta de compromiso dun Concello que, infelizmente, parece querer deixalo morrer por inacción.

A páxina web está inoperativa. Nas dependencias do José Cornide só traballa unha persoa funcionaria. Se está de baixa ou pide permiso, o Instituto ten que permanecer pechado ao público, incluídas persoas investigadoras.

Unha situación que é unha metáfora do estado da cultura na cidade da Coruña naquilo que depende do Concello: a Banda Municipal está sen director desde hai dous anos e, desde hai cinco, o Museo Arqueolóxico está en idéntica situación.

Namentras, a directora do Teatro Colón segue compatibilizando esta función coa de directora da Área de Cultura do Concello da Coruña.  

A nosa cidade ten un tecido de institucións, entidades e creadores culturais enormemente rico. Por iso reúne condicións para ser a verdadeira capital cultural de Galiza.  Mais a política cultural non consiste nunha simple sucesión de convocatorias e eventos.  Correspóndelle ao Concello facer un labor de dinamización, dialogando cos axentes culturais e facéndoos copartícipes, para mobilizar e poñer en valor ese inmenso potencial e converter A Coruña nun referente no eido da cultura.

Para iso é necesario ter vontade e trazar unha estratexia. Pero iso non é posíbel cando na Coruña, no que atinxe ao Concello, a cultura non ten dirección.

Francisco Xesús Jorquera Caselas, Voceiro do Grupo Municipal do BNG

Francisco Jorquera
Voceiro do Grupo Municipal do BNG. Estudei Historia na USC, estou casado e teño un fillo e unha filla. Son ferrolano de nacemento e coruñés de adopción, cidade na que botei raíces e sinto como miña. Iniciei a miña militancia aos 17 anos e pertenzo ao BNG dende a súa fundación. Fun dirixente de ERGA e os CAF nos anos mozos e logo desenvolvin distintas responsabilidades organizativas e institucionais, defendendo con orgullo e dignidade os intereses de Galiza nas Cortes e no Parlamento Galego. Dende 2016 ata 2019 fun Presidente da Fundación Galiza Sempre. Agora teño a honra de poder traballar en primeira liña pola miña cidade. Gosto do mar, da lectura, do cinema e da boa música. Son nacionalista por convicción e necesidade, porque na Galiza ser nacionalista é unha cuestión de supervivencia como país.
Lo más leído