El Español
Opinión
|
Tribuna Abierta

A finais de marzo e agardando aínda polo Presco 2021...

O portavoz do BNG no Concello da Coruña urxe ao goberno municipal a que poña en marcha canto antes o PRESCO 2021.
Francisco Jorquera
Por Francisco Jorquera
Sistema de bonos PRESCO en 2020
Concello da Coruña
Sistema de bonos PRESCO en 2020

Estamos xa na recta final do mes de marzo e continuamos sen termos en vigor o Presco 2021. A lentitude na tramitación por parte do Goberno Local é exasperante e deixa ver até que punto o Goberno Local non está á altura das circunstancias. Cando máis necesario sería termos un executivo áxil e eficaz para enfrontarmos os retos socio-económicos que nos coloca a pandemia o que vemos é unha preocupante incapacidade para planificar con tempo e para dar respostas a sectores –nomeadamente a hostalaría, o pequeno comercio e a cultura- que están a sofrer especialmente a contracción da actividade económica.

Nunha entrevista publicada no rotativo coruñés La Opinión, a alcaldesa tentaba desviar a responsabilidade dos retrasos na tramitación do PRESCO ao conxunto da Corporación. A todos e cada un dos grupos municipais. Ben, é obvio que a alcaldesa non ten razón. O único responsábel da demora é o Goberno Local.  Se o executivo que Inés Rey dirixe non se tivese obstinado en prorrogar os orzamentos –e non sería porque o BNG non o advertise!-, non estaríamos nesta situación. Se o executivo que Inés Rey dirixe tivese feito os seus deberes, tampouco estaríamos nesta situación.

Na última reunión da Comisión de Facenda, témonos que retrotraer ao 25 de febreiro, o Goberno Local entregounos un rascuño do Presco 2021. Nesa xuntanza o concelleiro de Facenda comprometeuse a nos fornecer dous datos básicos para a oposición formular propostas: os remanentes orzamentarios disponíbeis e unha información detallada sobre o estado de execución do Presco 2020.

Pois ben, os días foron pasando sen recibirmos esa información. Mais nós non estamos para ficarmos de brazos cruzados, así que elaboramos un conxunto de propostas que presentamos aos medios, en conferencia de prensa, o pasado xoves 18 de marzo. Tres semanas despois da última reunión da Comisión de Facenda! Non podíamos agardar máis, como tampouco poden agardar máis as veciñas e os veciños da Coruña atinxidos  polas secuelas socio-económicas da pandemia.

Ese mesmo día, coñecemos pola prensa o dato dos remanentes, 3,6 millóns de euros. Naturalmente valoramos que esa cantidade é francamente insuficiente para financiar un novo Presco (o de 2020 acabou ascendendo a uns 13 millóns de euros), polo que na comparecencia perante os medios defendín que o Concello subscriba un crédito e reasigne partidas no orzamento para tirar recursos daqueles capítulos que pola súa natureza non teñan carácter urxente e podan ser desviados para paliar a situación dos sectores máis damnificados pola pandemia.

Subliñamos que facíamos as propostas un pouco ás cegas –por esa falta de información por parte do Goberno Local-, mais que pór nós non ía quedar. E resaltamos tamén que as nosas achegas, moitas delas suxestións de colectivos sociais cos que mantivemos unha comunicación moi fluída, eran abertas e con vocación de as dialogarmos co Goberno Local e co resto dos grupos municipais. Trátase de chegarmos a un consenso na Comisión de Facenda para logo o trasladarmos ao Pleno en forma de acordo sobre os necesarios modificativos de crédito que dean corpo ao novo Presco.

En que consisten as nosas propostas? Basicamente en mellorarmos o funcionamento da primeira edición do Presco. Ou sexa, que o Concello lance unha campaña informativa que publicite masivamente os contidos do plan e que chegue a todas as persoas que se podan beneficiar del, que se introduza a declaración responsábel por parte da cidadá ou cidadán de que cumpre os requisitos esixidos para seren beneficiarias das achegas, que se salve a fenda dixital coa introdución de bonos físicos e que se reforcen os servizos administrativos para axilizarmos o proceso, de maneira que as axudas se executen ao 100%. Iso por un lado. Polo outro, estender as achegas a colectivos non contemplados no primeiro Presco (salóns de peitados, axencias de viaxes, taxis, descontos para a hostelaría, teatros, cinema, salas de concertos...) e, ao tempo, reforzar a área social do Concello, de modo a dotar de suficientes recursos a renda social municipal e as axudas de emerxencia social, flexibilizando tamén as condicións de acceso a estes programas.

O obxectivo final ten que ser o de atender ás persoas máis necesitadas e o de garantir o mantemento da actividade económico e o emprego, gravemente danados.

Esa é a prioridade número un para o BNG. Tena que ser tamén para o Goberno Local. A xulgar pola súa falta de dilixencia até o de agora temos dúbidas de que o sexa.

Francisco Jorquera
Francisco Jorquera
FacebookTwitterLinkedIn
Voceiro do Grupo Municipal do BNG. Estudei Historia na USC, estou casado e teño un fillo e unha filla. Son ferrolano de nacemento e coruñés de adopción, cidade na que botei raíces e sinto como miña. Iniciei a miña militancia aos 17 anos e pertenzo ao BNG dende a súa fundación. Fun dirixente de ERGA e os CAF nos anos mozos e logo desenvolvin distintas responsabilidades organizativas e institucionais, defendendo con orgullo e dignidade os intereses de Galiza nas Cortes e no Parlamento Galego. Dende 2016 ata 2019 fun Presidente da Fundación Galiza Sempre. Agora teño a honra de poder traballar en primeira liña pola miña cidade. Gosto do mar, da lectura, do cinema e da boa música. Son nacionalista por convicción e necesidade, porque na Galiza ser nacionalista é unha cuestión de supervivencia como país.