El Español
Treintayseis
Opinión
|
Tribuna Abierta

Política de pasarela

O portavoz do BNG na Coruña e candidato á alcaldía opina sobre as recentes polémicas sobre a pasarela da ría entre As Xubias e Santa Cristina
Francisco Jorquera
Por Francisco Jorquera
Así era el proyecto de la pasarela entre A Coruña y Oleiros.
Xunta
Así era el proyecto de la pasarela entre A Coruña y Oleiros.

A Xunta lanzou un ultimato aos Concellos da Coruña e Oleiros para que dean o visto bo á unión de Oza e Santa Cristina por unha pasarela. Á Xunta gústanlle as pasarelas. De feito, durante varios anos o investimento máis importante da Xunta na Coruña foi a pasarela a Marineda City.

É de sentido común que antes de falar dunha pasarela entre As Xubias e Santa Cristina, o  primeiro que tería que ter feito, e non fixo o Goberno galego, foi contar cos Concellos da Coruña e Oleiros e coa Demarcación de Costas e acometer outras tarefas, como rexenerar a fachada marítima entre Oza e A Pasaxe; avaliar o impacto paisaxístico e ambiental da instalación da pasarela (en particular a súa afectación a correntes, bancos marisqueiros e ao sistema dunar da Praia de Santa Cristina) e estudar a súa utilidade para resolver necesidades de mobilidade. 

Pero non. A Xunta prefiriu facer unha infografía e usala para facer campaña electoral. Niso consiste a política de pasarela. Na apariencia e no exercicio de exhibicionismo en vez de en resolver necesidades reais.

Após lanzar o ultimato, a Xunta, presionada pola reacción cidadá contraria ao proxecto, chamou a unha reunión aos gobernos locais de Oleiros e A Coruña. Á xuntanza veu precedida dunha chantaxe: ou se aceptaba a proposta ou os 8 millóns de euros orzamentados para esta obra voarían da cidade e da comarca, como se estas non estivesen necesitadas dun maior investimento por parte do Goberno galego! O encontro, polo demais, saldouse coa ausencia do Concello de Oleiros –que se reafirma na oposición á pasarela- e cunha posición relativamente ambigua dun Goberno Local á quen a estas alturas habería que demandar unha maior clareza sobre a proposta da Xunta.

O episodio –convocar unha reunión precedida dun ultimato con sabor a chantaxe- móstranos que estamos ante unha cortina de fume por parte dunha Xunta que, en virtude do Estatuto de Autonomía, detenta competencias en materia de transporte dentro do noso terrotorio. 

Por tanto, estaría ben que, en exercicio desas competencias, a Xunta se preocupase da mellora da liña de buses ente Ferrol e A Coruña e do autobus metropolitano.  

Para cando, por exemplo, un carril bus nas vías de acceso á Coruña que incentive o uso do transporte público ao acurtar o tempo de duración do traxecto respecto do vehículo privado?

Estaría ben que reclamase, coa dotación económica correspondente, a xestión dos servizos ferroviarios de cercanías, como a teñen Catalunya e Euskadi, para acabar coa vergoña de que as áreas da Coruña e Vigo sexan as máis poboadas do Estado que carecen destes servizos.

Como tamén estaría ben que a Xunta impulsase a recuperación do transporte marítimo na nosa ría, en vez de poñer pexas ao establecemento destes servizos.

Pero non. En vez de atender ás necesidades reais é máis barato e luce máis a política de pasarela.  

Francisco Jorquera é voceiro do BNG no Concello e candidato á Alcaldía

Francisco Jorquera
Francisco Jorquera
FacebookTwitterLinkedIn
Voceiro do Grupo Municipal do BNG. Estudei Historia na USC, estou casado e teño un fillo e unha filla. Son ferrolano de nacemento e coruñés de adopción, cidade na que botei raíces e sinto como miña. Iniciei a miña militancia aos 17 anos e pertenzo ao BNG dende a súa fundación. Fun dirixente de ERGA e os CAF nos anos mozos e logo desenvolvin distintas responsabilidades organizativas e institucionais, defendendo con orgullo e dignidade os intereses de Galiza nas Cortes e no Parlamento Galego. Dende 2016 ata 2019 fun Presidente da Fundación Galiza Sempre. Agora teño a honra de poder traballar en primeira liña pola miña cidade. Gosto do mar, da lectura, do cinema e da boa música. Son nacionalista por convicción e necesidade, porque na Galiza ser nacionalista é unha cuestión de supervivencia como país.