El Español
Treintayseis
Opinión
|
Tribuna Abierta

Dignificar o Castelo de San Antón

Francisco Jorquera Caselas, voceiro do BNG no Concello da Coruña, pide por en valor o patrimonio arqueolóxico da cidade
Francisco Jorquera
Por Francisco Jorquera
Acceso al Castillo de San Antón, en A Coruña.
López
Acceso al Castillo de San Antón, en A Coruña.

“Excavar está moi ben... E o museo onde se deben conservar os materiais... Como está? Onde está? Que persoal ten?”

Éstas eran as preguntas que se facía Filipe Senén, director do Museo do Castelo de San Antón entre 1975 e 1997, após o achado dun treito do muro e fragmentos de cerámica prerromana na cidade vella.

E é que a situación do museo convida a preguntarse se o Goberno Municipal  se esqueceu del. Dende setembro de 2017, carece de director/a. Pero é que por non ter, tampouco ten arqueólogo/a, conservador/a nin documentalista.  Todo descansa no traballo incansábel dunha técnica que merece todo o noso recoñecemento.

Temos a sorte de contar en Elviña cun dos principais expoñentes da cultura castrexa do noso país. A iso hai que lle sumar outros achados, como a aparición de restos arqueolóxicos de época prerromana na cidade vella.  Mais, en troca, carecemos dos medios para asegurar a catalogación, correcta conservación, exhibición e posta en valor de todo ese patrimonio.

Unha situación, segundo o criterio de expertos na materia, que debería levarnos a repensar a estratexia no que ten a ver coa protección e divulgación das pegadas do noso pasado.

Apuntan os expertos que o Castelo de San Antón non reúne as mellores condicións para albergar determinados fondos por ser un edificio con moita humidade, cun espazo reducido e unha configuración pouco apropiada para un museo arqueolóxico, dada a súa condición de antiga fortaleza militar e prisión. 

Por tanto, habería que pensar noutras ubicacións para a conservación, catalogación e exhibición dos restos arqueolóxicos. 

E, dentro desa estratexia, por suposto, teríamos de impulsar un plan para a  posta en  valor do Castro de Elviña e de toda a súa contorna. 

Quizá o futuro do Castelo de San Antón sexa albergar un museo histórico vencellado á propia historia da fortaleza e a súa relación co pasado da nosa cidade. Mais, en calquera caso, urxe dignificar o que é, sen dúbida, un dos nosos monumentos máis emblemáticos. 

Francisco Jorquera Caselas
Voceiro do Grupo Municipal do BNG

Francisco Jorquera
Francisco Jorquera
FacebookTwitterLinkedIn
Voceiro do Grupo Municipal do BNG. Estudei Historia na USC, estou casado e teño un fillo e unha filla. Son ferrolano de nacemento e coruñés de adopción, cidade na que botei raíces e sinto como miña. Iniciei a miña militancia aos 17 anos e pertenzo ao BNG dende a súa fundación. Fun dirixente de ERGA e os CAF nos anos mozos e logo desenvolvin distintas responsabilidades organizativas e institucionais, defendendo con orgullo e dignidade os intereses de Galiza nas Cortes e no Parlamento Galego. Dende 2016 ata 2019 fun Presidente da Fundación Galiza Sempre. Agora teño a honra de poder traballar en primeira liña pola miña cidade. Gosto do mar, da lectura, do cinema e da boa música. Son nacionalista por convicción e necesidade, porque na Galiza ser nacionalista é unha cuestión de supervivencia como país.