El Español
Quincemil
Opinión
|
Tribuna Abierta

O desenvolvemento rural: clave no desenvolvemento de Galicia e dos seus concellos

O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) reflexiona sobre a importancia da colaboración entre administracións no deseño de medidas para afrontar o reto demográfico
Alberto Varela Paz
Por Alberto Varela Paz

A Casa do Concello da Fonsagrada acolleu o pasado venres 26 de abril a ‘Xornada de Promoción do Emprego para Repoboar o Rural’, unha iniciativa organizada dende a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) xunto co Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) "Montes e Vales Orientais".

Na xornada, ademais de varios faladoiros, presentacións sobre o apoio público ao aluguer de vivenda e a visita ao proxecto agroecolóxico da Cooperativa Ribeira do Navia, en Negueira de Muñiz, presentáronse dúas ambiciosas propostas que forman parte do proxecto "Montes e Vales Orientais Territorio Rural Intelixente".

As dúas iniciativas presentadas na xornada son un programa de videoasistencia dirixido a maiores de 65 anos que se está realizando xunto cos Servizos Sociais do Concello da Fonsagrada, e a proposta “Aldeas Vivas”, como plataforma que pretende atopar solución ao problema da falta de vivendas, locais e terras de alugueiro para os mozos do territorio e para o asentamento de novos poboadores. Ambas propostas están a ser promovidas dende a FEGAMP e o GDR "Montes e Vales Orientais” e contan co financiamento do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico do Gobierno de España, mediante a Secretaría General para el Reto Demográfico, con máis de 200.000 euros e do que conseguimos, da man do GDR, unha nova dotación de recusos na convocatoria de axudas de 2023 de outros 190.000 euros.

A FEGAMP, como organización representante do municipalismo galego, traballa de cotío buscando vías de colaboración coas administración públicas e coas organizacións sectoriais, para promover procesos en común que dean resposta e solucionen os principais problemas que afectan aos concellos e á cidadanía galega.

Este labor da FEGAMP é consecuencia da nosa decisión de converternos nun activo na captación de recursos económicos para ser de axuda aos concellos. Neste tempo puxemos en marcha un espazo novo de prospección e xestión de recursos para as entidades locais involucrándonos en proxectos nacionais e europeos.

Estes proxectos están orientados a aportar recursos e oportunidades económicas e sociais aos concellos do rural galego, que son a maioría no noso territorio. Concellos do rural que son entidades pequenas, con escasos recursos económicos e de persoal, e cunhas circunstancias que en moitas ocasións condicionan o seu desenvolvemento.

E dende o primeiro momento apostamos por traballar sobre o terreo coordinados cos Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) que, co seu coñecento do territorio e dos seus axentes, das súas dinámicas e necesidades, e coa súa experiencia achegan aos proxectos unha orientación práctica e eficiente para abordar o reto que se pretende en cada un deles.

Dende a FEGAMP reclamamos o papel dos concellos no deseño de políticas públicas de impulso demográfico que consideren criterios de dispersión e envellecemento da poboación no reparto de fondos entre as entidades locais galegas, e damos un paso adiante achegando aos territorios recursos para xerar oportunidades desenvolvemento socioeconómico e demográfico.

Como xestores públicos temos a obriga de facer fronte ao gran reto demográfico e a outro, non menor, de coordinación das administracións e dos territorios para que as aprendizaxes derivadas destes proxectos sexan útiles e replicables noutras zonas de Galicia.

Desta maneira imos continuar desenvolvendo o compromiso da FEGAMP en representación do municipalismo galego de crear e traballar dende espazos de colaboración que sempre melloran os resultados das actuacións públicas sobre os principais retos que teñen por diante os concellos do rural en Galicia e as súas xentes.

Alberto Varela Paz
Alberto Varela Paz
Nado en Vilagarcía en 1975, é alcalde de Vilagarcía de Arousa desde o 2015 polo PSdeG-PSOE, e presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) desde novembro de 2019.
Más artículos de opinión de Alberto Varela Paz