El Español
Treintayseis
Cultura
|
Audiovisual

Janet Novás: "Se gaño o Goya será un recoñecemento para todo o equipo de O Corno"

A coreógrafa e intérprete de danza sorprendeu no seu debut no cinema e este sábado é unha das favoritas para gañar o premio a Mellor Actriz Revelación
La actriz, coreógrafa e intérprete de danza, Janet Novás.
Cedida
La actriz, coreógrafa e intérprete de danza, Janet Novás.
Ofrecido por:

Coreógrafa e intérprete de danza cunha ampla traxectoria, Janet Novás sorprendeu ao mundo do cinema co seu primeiro papel nunha película. A galega é a protagonista de O Corno, unha película esquecida nos Goya, pero que se alzou cunha histórica Concha de Oro en San Sebastián, sendo a primeira en galego e a primeira para unha directora española, Jaione Camborda.

A actriz, que é o único nomeamento da película nos premios da Academia do cinema español, fala con este medio sobre a importancia de gañar o galardón, a preparación deste papel e a necesidade de dar visibilidade ao mundo da danza.

Estás nomeada a Mellor Actriz Revelación, como recibiches este recoñecemento?

Pois o recibín dunha forma contraditoria. Contenta polo nomeamento, é a miña primeira película e non contaba con isto. Doutra banda decepcionada de que non se tivese en conta un nomeamento para Jaione, parecíanos que era moi merecida. Por unha banda moi alegre, pero ao final estou grazas á súa dirección e ao traballo de todo o equipo. Se gaño o Goya será un recoñecemento para todo o equipo de O Corno.

Tes posibilidades de gañar o premio, hai nervios?

Nervios si teño, é todo unha tolemia o mundo do cinema, veño afeita traballar máis en solitario, con menos exposición. Ponche noutro estado moi estimulada todo o tempo.

Tes pensando o discurso por se gañas?

Estás só un minuto e mirarei como poder encaixar para poñer a todos dentro, xa que unha non chega a estes recoñecementos soa.

Este foi o teu primeiro papel no cine, como xurdiu esa oportunidade?

Jaione coñecía o meu traballo e desde hai tempo temos amigos en común. Ela estaba a buscar un personaxe moi físico, sabía que tiña un traballo de presenza, proboume e encaixei no papel. Para min todo isto é un agasallo, non estaba proxectado na miña cabeza e é bonito

Foi difícil para ti preparar o papel?

Para min non é difícil cando gozo facendo as cousas. Sentíame como unha nena nun terreo novo querendo aprender moitísimo. Poñer os meus coñecementos ao servizo dun personaxe. Hai momentos baleiros de ter que esperar e estar concentrada para non perder a emoción. É un traballo de moito aguante, tes que estar preparada mentalmente, pero o equipo coidoume moitísimo.

Este personaxe cambiou algo no teu pensamento e na túa vida?

Cambioume unha chea de cousas, pero reafirmoume moitas cousas nas que creo, no poder do corpo, como o corpo fala. Con esta película quedou moi presente que o corpo está por encima da palabra. Para min é unha maneira de reivindicar o corpo desde outro lugar.

Estes meses falouse moito de ti pola película, pero tamén tes unha ampla experiencia no mundo da danza, que diferenzas hai co cine?

Non me gusta este discurso, pero é unha arte máis precaria (ri). É un traballo precioso, en España hai grandes artistas. Veño de estar en París presentando dez artistas que residimos en Cataluña e facía tempo que non miraba o traballo dos meus compañeiros e emocionoume moito ver todo o talento. Cada vez temos menos espazos e programación, desde este lugar gustaríame darlle voz para que se xere máis público.

De cara ó futuro, veste no mundo do audiovisual?

Por agora non me chegou ningunha oferta. Estou a buscar para presentar o meu último traballo, que fixen a estrea no festival TNT. É unha peza que funcionou ben, pero atópome a dificultade coa falta de espazos. A nivel de cinema se aparecen ofertas estaría feliz de volver a través doutras miradas, o mundo do cinema paréceme moi máxico, é distinto á danza, é máis efémera, pero o cinema queda gravado para toda a vida.

Cultura