Skadelos, sextos gañadores de Onda Chicha: "A música en galego rompeu todas as barreiras posibles"
Ofrecido por:
Skadelos, sextos gañadores de Onda Chicha: "A música en galego rompeu todas as barreiras posibles"
Skadelos volve aos escenarios tras tres anos de descanso. A volta vén da man de converterse no sexto proxecto gañador de Onda Chicha, un recoñecemento que reciben coma "un privilexio e á vez unha responsabilidade". A banda do Carballiño está traballando no seu primeiro EP e así "devolver todo este apoio no escenario"
Máis información: Onda Chicha: A nova onda de talento galego
Queda pouco para saber os sete gañadores de Onda Chicha, un programa impulsado por Chichalovers e Radio Líder Santiago coa colaboración de Quincemil Santiago e que busca apoiar, visibilizar e dar impulso a novas propostas musicais.
As tres bandas gañadoras subirán o vindeiro 13 de xuño ao escenario da Sala Capitol no Chichafest, con música en directo, talento emerxente e unha sesión vermú que desde Chichalovers prometen que vai ser "histórica". Alí, Garaxeland entregará o gran premio: a gravación dun EP profesional para a banda gañadora.
Ata que non chega a data, o concurso vai desvelando os seus últimos gañadores. A banda Skadelos, directos do Carballiño, convertéronse no proxecto gañador dasexta convocatoria de Onda Chicha. Tras uns anos de parón, a banda regresa este 2026 cun formato renovado onde resoarán os seus sons de rock, ska e pop sobre o escenario, facendo vibrar ao público. En Quincemil falamos con Darío, guitarrista e membro da banda, para coñecer máis sobre Skadelos e sobre os novos proxectos en camiño.
Como nace Skadelos?
Skadelos nace en 2019 cando un grupo de amigos decide levar ós escenarios a festa que creábamos en campings, festivais, romarías e xuntanzas. O que empezou como algo espontáneo e informal, converteuse nun proxecto musical real.
Este 2026 volvedes aos escenarios despois de tres anos de parón. Que vos levou a facer esta pausa?
Realmente non houbo un motivo concreto. Debido a outros proxectos tanto musicais coma persoais, cada vez resultaba máis complicado compaxinarnos e manter o ritmo da banda, ata que chegou un punto no que preferimos parar.
Como está sendo a volta?
Esta sendo incríble. Volvemos cun formato totalmente renovado, con cinco incorporacións que achegan aire fresco, novas ideas e moita motivación. Estivemos case un ano traballando na sombra, moitos ensaios e composición, construíndo un directo potente e coidado ó detalle, preparado para facer de calquera escenario unha festa. Coa incorporación de guitarras eléctricas, baixo, batería e novos ventos logramos un son moito máis completo e enérxico.
"O que empezou como algo espontáneo e informal, converteuse nun proxecto musical real"
Darío, membro de Skadelos
Seguramente esta volta aos escenarios traia consigo nova música. Podedes contarnos algo destes novos proxectos en mente?
Si, a principal novidade desta volta é o cambio a formato banda, algo que sempre tivemos en mente no pasado. Traballamos moito en adaptar os temas que xa tiñamos a este novo son, gañando forza sen perder esencia e ADN Skadelos.
Por suposto durante todo este tempo apareceron novas composicións que están chamados a formar parte imprescindible do repertorio. Moi pronto sairá o primeiro lanzamento en plataformas, que será tamén a nosa primeira canción neste novo formato banda. Ademais, a idea é dar un paso máis e comezar a traballar na gravación do noso primeiro EP, presentando o resto de temas novos.
A vosa volta aos escenario viu acompañada de ser os sextos gañadores de Onda Chicha. Que supón para vós este recoñecemento?
Un impulso de ilusión tremendo, a mediados de marzo anunciabamos de forma oficial a volta do grupo nas redes sociais despois de case tres anos “desaparecidos”, en poucas horas a nova tiña miles de visualizacións e interaccións e en menos dun mes eramos gañadores dos Onda Chicha que estaba a ter un nivel altísimo nas bandas participantes.
Ser un dos sete gañadores dos Onda Chicha é un privilexio e á vez unha responsabilidade. A sensación é a de ter gañas de demostrar e devolver todo este apoio no escenario, facendo desfrutar da nosa música a toda a xente.
"A sensación é a de ter gañas de demostrar e devolver todo este apoio no escenario, facendo desfrutar da nosa música a toda a xente"
Darío, membro de Skadelos
Na vosa música mesturades ska, rock, punk e pop, sempre en galego. Actualmente son inumerables os proxectos que fan música en galego -e en diversos estilos-. Como estades vivindo este auxe da música en galego?
Vivímolo con moito orgullo. Nos últimos anos a música en galego rompeu todas as barreiras posibles, aparecendo con moita forza novos estilos que conseguiron abarcar moito máis público, o que parecía que antes estaba “acotado” a un estilo en concreto pasou a ser un boom que parece que non ten fronteiras, quizais estamos ante unha nova era que lembraremos e daremos valor nun futuro.
Nada de isto tería sido posible sen o traballo que durante moitos e duros anos fixeron as bandas de Galiza mantendo a súa aposta pola música en galego sen deixala morrer.
Que buscades transmitir coa vosa música ao público?
Alegría, festa e conciencia. As nosas letras falan de emocións, etapas e a celebración da vida, así como da crítica social, a defensa da terra e da cultura galega. Nos nosos concertos queremos que a xente desconecte, desfrute, se mova e sinta unha enerxía positiva que transforme todas as súas emocións e bo rollo. Todo isto resúmese no nome que define esta xira 2026: Cantas, Bailar, Rir.
"Nada de isto tería sido posible sen o traballo que durante moitos e duros anos fixeron as bandas de Galiza mantendo a súa aposta pola música en galego sen deixala morrer"
Darío, membro de Skadelos
A Sala Capitol albergará o Chicha Fest coas tres bandas gañadoras do certame. Como afrontades este posible concerto nunha das salas máis emblemáticas de Galicia?
Se como banda nos puxeran uns obxectivos ou soños de lugares onde tocar, sen dúbida nesa lista está a Sala Capitol, referencia a nivel galego e estatal coma unha das mellores salas. Poder subirnos ó escenario onde vimos ás nosas bandas favoritas e que tantos e tantos concertos nos deu, sería para nós un orgullo e sen dúbida unha oportunidade de poder demostrar que Skadelos tamén fai cantar, bailar e rir á Sala Capitol.