Rosa Crujeiras, candidata a la rectoría de la USC.

Rosa Crujeiras, candidata a la rectoría de la USC. Rosa Crujeiras

Educación

Rosa Crujeiras, candidata a liderar a Universidade de Santiago: "Necesita abrir unha nova etapa"

Tras alcanzar o 41% do voto ponderado na primeira volta das eleccións á reitoría da USC, sendo a candidatura máis votada, Crujeiras afronta esta segunda volta con "serenidade e responsabilidade" na que o principal reto "é seguir escoitando e sumando"

Más información: Rosa Crujeiras gana en votos en las elecciones de la USC, pero se enfrentará a Maite Flores en una segunda vuelta

Publicada

Este venres 27 de febreiro deu comezo a campaña electoral da segunda volta das eleccións á primeira reitora da historia da Universidade de Santiago (USC), tras non alcanzar ningunha das candidaturas o 50% dos votos na primeira volta da votación celebrada o pasado 12 de febreiro.

Nesta primeira volta, María José López Couso e Alba Nogueira quedaron en terceira e cuarta posición, respectivamente, enfrontándose así nesta segunda volta as catedráticas Maite Flores (con 563 votos, superando por só 33 votos a López Couso) e Rosa Crujeiras, quen obtivo o voto maioritario da comunidade universitaria, cun 41% do voto ponderado. Crujeiras fala con Quincemil para comentar como se enfronta a esta segunda volta e do apoio recibido durante a primeira.

Tras unha primeira volta na que fuches a candidatura máis votada, como te atopas nesta segunda volta?

Afróntoa con serenidade e responsabilidade, e tamén con moitas ganas de seguir traballando pola nosa Universidade. A primeira volta confirmou que o proxecto que propoñemos para a Universidade de Santiago de Compostela é compartido por unha ampla maioría da comunidade universitaria. Iso dálle sentido ao traballo feito e reforza o compromiso de seguir dialogando e explicando con claridade o noso programa nesta segunda volta.

Gañaches nos catro sectores nos que se divide a comunidade universitaria, sendo a candidatura máis votada entre o profesorado doutor con vinculación permanente (quen se volcou nestas eleccións con case o 96% de participación) e entre o estudantado. Como sentiches ese apoio?

Vivino con enorme agradecemento e humildade. A elevada participación e o respaldo en todos os sectores amosan que fomos quen de construír un proxecto de Universidade no que non queda fóra ninguén, e que ten que aspirar a seguir sumando apoios. Para min é unha mensaxe clara: a comunidade quere estabilidade, diálogo e ambición académica sen perder a identidade pública da USC.

"A primeira volta confirmou que o proxecto que propoñemos para a USC é compartido por unha ampla maioría da comunidade universitaria"

Rosa Crujeiras, candidata a la rectoría de la USC

Cales son os retos aos que te enfrontas nesta segunda volta?

O principal reto é seguir escoitando e sumando. Esta segunda volta é unha oportunidade para incorporar achegas, aclarar dúbidas e reforzar consensos, demostrando que este é un proxecto colectivo pensado para toda a comunidade universitaria.

As polémicas tampouco faltaron nestas eleccións. Tiveches que prescindir do teu equipo a Luís Miguel Macho, tras ser denunciado por discursos de odio por parte de varios sindicatos de estudantes. En poucas horas da denuncia, anunciabas que xa non formaba parte do teu equipo. Como viviches esta situación?

Foi unha situación difícil a nivel persoal e político. Actuamos con rapidez e coherencia, demostrando que ante todo está o proxecto para a USC.

Botando a vista atrás, fuches unha das primeiras en postularse para dirixir o reitorado da USC. Que foi o que che motivou a dar este paso?

Non é un proxecto que xurda con motivo das eleccións. A través dun grupo de claustrais, comezamos fai anos a xuntármonos para falar de Universidade. Persoalmente, motivoume o convencemento de que a USC necesita abrir unha nova etapa e o apoio das compañeiras e compañeiros. Coñezo ben a universidade e sentía que era o momento de poñer esa experiencia ao servizo dun proxecto transformador, dialogante e inclusivo.

"O respaldo en todos os sectores amosan que fomos quen de construir un proxecto de Universidade no que non queda fóra ninguén e que ten que aspirar a seguir sumando apoios"

Rosa Crujeiras, candidata a la rectoría de la USC

Tras máis de 500 anos de historia, a USC por fin terá unha primeira muller reitora. Como de importante é este logro á hora de traducilo no ensino universitario?

É un fito histórico, pero sobre todo é unha mensaxe cara ao futuro. A igualdade tamén se constrúe con referentes. Normalizar o liderado feminino na Universidade é fundamental para que o estudantado vexa que o talento e a capacidade non teñen xénero. Pero queda aínda moito por facer, e somos conscientes de que son necesarias políticas e accións que permita que as mulleres sexamos quen de chegar aos postos de toma de decisións.

De ser a posible reitora da USC, cales son os maiores retos cos que te atoparás na túa chegada á reitoría?

Garantir a sustentabilidade financeira, fortalecer o cadro de persoal, mellorar as condicións do estudantado e reforzar o papel da USC como motor social, cultural e científico de Galicia, nun contexto de cambios profundos no sistema universitario.

Algúns deses retos será enfrontarse á descentralización do grao de Medicina ou á irrupción da universidade privada. Cuán negativo pode ser para a USC estes acordos?

Calquera acordo debe analizarse con rigor e pensando no interese xeral. A USC non pode perder capacidade docente nin investigadora en áreas estratéxicas como Medicina. Ademais, a expansión da universidade privada pode xerar desigualdades se non se defende con firmeza a universidade pública como garante de equidade e calidade.

"Normalizar o liderado femenino na Universidade é fundamental para que o estudantado vexa que o talento e a capacidade non teñen xénero"

Rosa Crujeiras, candidata a la rectoría de la USC

Cómo valoras estes 8 anos de reitoría de Antonio López na USC?

Foron anos complexos, marcados por crises importantes. Dende a reitoría fíxose un traballo de estabilidade institucional, pero agora toca abrir unha nova etapa que recolla o aprendido, asumir novos retos e avanzar con máis ambición e participación.

Cales dirías que son os eixos que máis caracterizan a túa candidatura e en que se diferencian da túa outra compañeira, Maite Flores?

O noso proxecto baséase no diálogo, na cohesión interna, na defensa da universidade pública e na excelencia académica con compromiso social. É un proxecto que mira ao futuro, e que se sustenta cun equipo plural, comprometido, con traxectoria, experiencia e capacidade.

Como che gustaría que definisen os teus anos na rectoría da USC?

Gustaríame que se lembrasen como unha etapa de consenso, de avance e de reforzo da identidade da USC, na que a universidade se sentiu escoitada, valorada e preparada para afrontar con confianza os retos do futuro.