Ricardo Cao, reitor da Universidade da Coruña na sede do Reitorado.

Ricardo Cao, reitor da Universidade da Coruña na sede do Reitorado. Enrique Romanos Tardío

Educación

Ricardo Cao, reitor da Universidade da Coruña: "A peor amenaza para as universidades públicas é non financialas"

O máximo representante da UDC fai balance dun ano académico marcado polas negociacións sobre Medicina, a inclusión na alianza de universidades Emerge e cunhas contas aínda por equilibrar

Te puede interesar: La Universidad de Santiago autoriza el acuerdo para descentralizar el grado de Medicina

Publicada

O próximo mes de xaneiro, Ricardo Cao (A Coruña, 1965) cumprirá dous anos como reitor da Universidade da Coruña. 24 meses de moito traballo nos que os últimos deles estiveron marcados pola reivindicación de que a UDC conte cunha titulación propia de Medicina e, finalmente, un acordo para a descentralización destes estudos.

En Quincemil falamos co reitor no seu despacho con vistas ao mar —"o segundo mellor de ser reitor, despois do meu equipo", afirma Cao— para facer repaso do ano e tamén para coñecer as perspectivas de futuro dunha universidade que aposta por seguir medrando, con contas aínda pendentes de sanear.

Que balance fai deste ano 2025?

Foi un ano moi intenso. Adicamos un tempo importante á LOSU, a Lei Orgánica do Sistema Universitario, con procesos moi participativos que nos levaron a ter uns estatutos adecuados a ela. A primeira das tres universidades galegas en facelo. Tamén aspectos de internacionalización con acordos con universidades de Latinoamérica e na perspectiva da lusofonía; comezou a execución da alianza de universidades europeas Emerge na que participamos a UDC e outras oito europeas e que o ano que vén pasarei a presidir eu. Aspectos de investigación e desenvolvemento con moitas convocatorias, fondos competitivos captados desde a Universidade da Coruña... Tamén foron positivas as cifras de matriculación... Ano intenso.

E un ano marcado polas negociacións de Medicina.

Efectivamente. Foi unha das cousas ás que lle dedicamos moito tempo. En especial ao acordo ao que chegamos as tres universidades e as dúas consellerías aprobado polo Consello de Docencia Clínica en Galicia e tamén polo noso Consello de Goberno.

"A mellor opción para a UDC, para o Sistema Universitario e para Galicia é ter unha titulación propia"

Ricardo Cao, reitor da UDC

A Facultade apoiou finalmente o acordo. En que momento están as reivindicacións da UDC de ter un título propio?

Na Universidade da Coruña aprobámolo xusto ao día seguinte do Consello de Docencia Clínica onde se decidiu ratificalo. A USC vén de ter un proceso interno no que non quero entrar moito. As decisións tómanas os órganos de goberno e é moi importante deixar claro que o acordo foi chegado neses termos e creo que temos que traballar logo na comisión de seguimento prevista, pero sempre respetando o acordado. Hai cousas organizativas, de planificación e demais nas que temos que traballar intensamente en xaneiro e febreiro. Hai que tomar o acordo polo que é, que é un acordo entre as cinco partes.

E é un acordo que segue contemplando a intención da Universidade de ter esa titulación.

Sempre o dixemos, e eu sígoo dicindo: creo que a mellor opción para a Universidade da Coruña, para o Sistema Universitario e para Galicia, é ter unha titulación propia. Unha titulación cunhas características, se cadra, moi diferentes da Universidade de Santiago de Compostela, e por iso sempre dixen que complementa á actual única titulación. Tambén dixemos que en caso de acordo, e así foi, postergamos a posta enriba da mesa, na que seguimos traballando, salvo a entrada dunha titulación privada ou o incumprimento do acordo. Seguimos traballando porque honradamente penso que é o mellor para Galicia, o cal non significa que este acordo non vaia ser, como será, moi positivo.

En que fase está ese traballo interno?

A comisión redactora estivo traballando e os vindeiros dous meses serán moi intensos. No acordo autoimpoñemos un prazo de dous meses se se da algunha das situacións que dixen. As memorias socioeconómicas, de verificación, o plan de estudos e demais témolo que ter moi traballado.

Recibiron con sorpresa a decisión inicial de que a USC aprazaba a aprobación do acordo?

Si. Foi sorprendente porque un leva as cousas a Consello de Goberno cando pretende decidir sobre elas, nun sentido ou outro. Non quero entrar nas dinámicas internas da universidade, pero si foi sorpresivo. Agora parece que hai outras novidades porque estamos tendo esta entrevista xusto no mesmo día no que se trata o asunto no Consello de Goberno. (A USC aprobou este venres a descentralización).

O reitor da UDC Ricardo Cao nun momento da entrevista.

O reitor da UDC Ricardo Cao nun momento da entrevista. Enrique Romanos Tardío

A USC terá eleccións proximamente ao Reitorado. Cre que afectará ao acordo?

Espero que non. Os acordos os asinamos as persoas que representamos ás universidades e, cando estea ratificado por todas as partes, os reitores e os conselleiros teremos que asinalo. O máis importante é que son aprobados por quen teña as competencias, que son os consellos de goberno. O Consello de Goberno da USC acaba de aprobalo, o que é un síntoma máis de que isto non é unha cousa que decide un reitor ou reitora e que logo poida cambialo.

O xoves tiveron reunión do Consello Galego de Universidades. Falaron algo desta situación?

O Consello Galego de Universidades é o foro natural para falar de titulacións. Se cadra no momento no que temos outro axente distinto, como é unha universidade privada en Galicia, falamos de que debería propiciar outros procesos nos que se falen de titulacións, sobre todo cando son propostas por parte dunha universidade privada. Neste momento, o sistema non está pensado para iso e non está utilizando as mesmas vías de diálogo e de reflexión cando se queren poñer novas titulacións.

"(O acordo) non é unha cousa que decide un reitor ou reitora e que logo poida cambialo"

Ricardo Cao, reitor da UDC

É a universidade privada unha ameaza para o sistema público galego?

As universidades públicas témolas que coidar e témolas que financiar axeitadamente. A peor ameaza para as universidades públicas é non telas dabondo financiadas. A aparición de universidades privadas debe ir da man de cumprimento de garantías de calidade. A lexislación foi modificada recentemente polo Goberno do Estado e creo que é positivo. Os títulos da universidade privada teñen que ser equiparables aos das públicas. E o sistema público tamén debémonos á sociedade e temos que dar unha reposta ás demandas sociais. O exemplo é Medicina.

No caso de Medicina, a Xunta dicía que se A Coruña e Vigo contaban con grao propio, o financiamento seguiría sendo o mesmo para toda Galicia. É algo co que xa contaban?

A descentralización, sexa cunha única titulación de Medicina ou con títulos diferentes na Coruña e Vigo, implica un esforzo económico e así está contemplado no acordo. Iso non é moi diferente no caso de ter títulos diferenciados en cada unha das tres universidades porque significa implantar máis docencia da que hai agora. A pequena diferencia e que co título propio tes docencia dos tres primeiros cursos, pero tamén é certo que o número de estudantes que ten a USC é moi alta. A máis alta de España.

Como recibiron na UDC a oposición á súa reivindicación do título por parte da Xunta e do Concello de Santiago?

Os concellos fóronse manifestando ao seu parecer e Santiago recentemente manifestouse a favor da descentralización. No momento no que dixemos a proposta, as forzas políticas se pronunciaron e non necesariamente no mesmo sentido segundo o lugar desde o que falaron. Sempre quixemos desvincular a nosa proposta de aspectos localistas. A nosa proposta estivo sempre baseada en argumentos académicos.

"Sempre quixemos desvincular a nosa proposta de aspectos localistas"

Ricardo Cao, reitor da UDC

Recentemente entrou no comité Permanente da CRUE. Que implica este cargo?

Veño de comezar este periodo como delegado da CRUE para a Ciencia Aberta, que ten que ver co acceso ás publicacións científicas desde as universidades e tamén desde a cidadanía e coas publicacións editoriais con modelos económicos, como o cambio na disposición en aberto das publicacións científicas. Outro reto importante é implicar á cidadanía na ciencia. É unha honra e axuda a ter unha panorámica máis de preto do que está sucedendo. É interesante e tamén ver o que sucede, non sempre mellor, noutros lugares. Lévame á importancia de coidar as universidades públicas e telas axeitadamente financiadas.

Extrapolará algunha acción da UDC a un ámbito estatal?

É unha moi boa proposta. As universidades de xeito individual participamos en moitos eventos de ciencia aberta, pero temos que coordinarnos moito máis e tomar máis liderado.

Na UDC este ano saíron varias spin-offs da universidade. Como está nese campo?

Moi activa, propiciando empresas baseadas no coñecemento que explotan resultados da investigación en ámbitos como as tecnoloxías da información e as comunicacións. Temos empresas que se basean na computación de altas prestacións ou outras que conseguen comunicacións ultrarrápidas e que son extraordinariamente importantes no sector financieiro, da enerxía e outros. Temos de moitos ámbitos, aínda que o tecnolóxico é o máis importante. As cátedras que temos, os contratos de colaboración do artigo 80 e os centros de investigación conxuntos son importantes para esa transferencia de coñecemento.

Dentro do persoal da Universidade, fai pouco o de limpeza esixía equiparación con conserxería. Non é competencia da UDC, pero valora tomar accións para dar resposta?

A situación da limpeza na Universidade, un pouco antes de ser eu reitor, pasou á Fundación da Universidade da Coruña, que non é a Universidade. A FUAC é quen leva eses contratos e creo que foi bo nalgúns aspectos porque moitos eran a tempo parcial e propiciaronse a tempo completo. En relación ás condicións, cúmprense os convenios e no 2024 houbo unha subida salarial importante dun 9 ou 10% e no 2025 a actualización do IPC. Dito isto, son persoal da Fundación e non da Universidade, así que creo que non debemos mesturar dereitos e obrigas dunha entidade con outra.

O que si é ámbito da UDC é a rehabilitación de edificios que se fará o próximo ano.

Imos solventar moitos problemas. Unha das cousas que implica o non axeitado financiametno estrutral é o abandono do mantemento dos edificios, algúns deles suxeitos á protección patrimonial. Os problemas de pingueiras, a eficiencia enerxética ou a accesibilidade requiren dunha inversión moi forte en mantemento e grazas ao plan de infraestruturas universitarias conseguimos co acordo coa Xunta utilizar eses fondos para rehabilitar e non para construir. Tamén hai que agradecer o apoio da Deputación.

O reitor da UDC Ricardo Cao nun momento da entrevista.

O reitor da UDC Ricardo Cao nun momento da entrevista. Enrique Romanos Tardío

O CEIP Prácticas que está nun edificio da Universidade vén reclamando tarefas de mantemento e reforma, algo que compete a Concello e Xunta. Como parte implicada, a UDC realizará algunha reclamación?

Nós o que facemos é ceder o espazo para esa actividade. Nós usamos parte do espazo para actividades da UDC como o espazo Normal ou a Universidade Senior. O que é importante é acometer a rehabilitación do edificio e estamos dispostos a colaborar, pero temos que deixar claro quen é o responsable do financiamento tanto do mantemento da escola como tamén as obras de mellora e rehabilitación. Nós non somos os responsables. Estamos dispostos a que se mellore, pero se ten que financiar.

Outras protestas distintas son as relativas ao conflito en Palestina. Ten detrás a bandeira, que foi froito de controversia recentemente.

Na UDC non houbo polémica porque a comunidade universitaria témonos manifestado de xeito prácticamente unánime en favor dos dereitos humanos, que é o que está de fondo no caso de Palestina e, aínda que mencionemos Palestina tantas veces, tamén noutros lugares do mundo onde vemos guerras, masacres, xenocidios... Houbo unha polémica que non quixemos case nin mencionar para non avivar, cunha situación tamén de vandalismo, pero nós queremos manfiestar o noso apoio a quen sufre.

O ano que vén cumpre dous anos como reitor. Como foron?

A nivel persoal moi bos e intensos. Estamos facendo cousas que hai que facer e temos aínda moito tempo. porque tamén cómpre lembrar que agora os mandatos son de seis anos, tamén sen posibilidade de reelección. Hai aspectos claves como a internacionalizació ou a Cidade das TIC coa sinatura do convenio co Concello e a autorización de Defensa para a transmisión, que se fará nos vindeiros días e iso propiciará que podamos adicar eses tres edificios á ciencia e tecnoloxía e á transferencia, que é o noso papel.

O Concello aprobou esta semana a primeira transferencia do orzamento. Que prazos teñen?

Este ano farase a primeira anualidade e, cando se produza, faremos a acta de transmisión e durante os seguintes tres anos iranse acometendo as reformas. Cada un ao seu ritmo, pero teremos eses espazos para actividades propias da UDC e seguimos colaborando nas distintas empresas que se propiciaron como a que xestiona o plató do Coruña Estudio Inmersivo e co clúster TIC de Galicia. Algo non moi coñecido son as actividades de doutoramentos industriais que facemos as universidades.

Estas son as actividades que levarán a cabo neses edificios?

Algunhas delas sen dúbida. O 2029 é o horizonte que temos, aínda que algunha reforma pode rematar antes.

E será entón cando se trasladen as actividades?

Por suposto, ou farase algunha actividade nova. Hai varias posibilidades. Seguiremos tendo un papel activo noutras iniciativas que non van ser estrictamente neses edificios, pero que conleven unha parte de I+D importante como está ocorrendo coas empresas do CSA aí ubicadas.

Recentemente aprobaron as contas da UDC. No seu discurso de nomeamento falaba dos problemas de financiación da Universidade, como está agora?

Aprobáronse o xoves no Consello Social. Coas contas deste ano imos polo camiño de equilibrar o orzamento, que é algo moi complicado porque temos que apretar o cinto ata extremos insospeitados. Temos o risco de morrer de éxito. Imos polo bo camiño en canto ao balance do orzamento, pero ten un custe que non se pode prolongar no tempo porque non é sostible. A solución é ter maior financiamento e, concretamente, maior financiamento estrutural, o que permitiría planificar mellor as cousas. Estes custos hai que telos en conta nas infraestruturas e no persoal. Non podemos estar hipotecando isto por non ter fondos ou pola limitación da masa salarial que vén imposto por Facenda.

"Imos polo camiño de equilibrar o orzamento, que é algo moi complicado porque temos que apretar o cinto ata extremos insospeitados"

Ricardo Cao, reitor da UDC

Antes de ser reitor unha das súas liñas de investigación era a análise de datos. Que perspectiva ten de como está mudando a educación universitaria?

Temos titulacións específicas. Aparte de títulos clásicos na Facultade de Informática, que é a que máis coñezo porque levo dando docencia alí desde fai 34 anos, está o grao en Ciencia e Enxeñaría de Datos, onde tiven o pracer de impartir docencia e é unha das titulacións que incorpora isto. Tamén o grao en Intelixencia Artificial ou algúns dos mestrados da Facultade de Informática como o de Computación de Altas Prestacións e outro de Técnicas Estatísticas, o único onde aínda dou docencia, que para min é imortante. A novidade é que o facemos en colaboración coas empresas para atender problemas concretos de análise de datos ou de optimización. Iso é fantástico. Tamén hai mestrados de Dereito Dixital e Intelixencia Artificial ou o de Bioinformática.

E como se traslada á sociedade?

É unha revolución total. Máis aínda nas tecnoloxías computacionais. Esta semana tivemos o pracer de escoitar a Juan Ignacio Cirac, investigador de primeirísima liña e Doutor Honoris Causa da UDC nunha conferencia sobre que vai supor a computación cuántica na axilización de procesos. A rapidez é importante e tamén a sustentabilidade. Gustaríame salientar a Cátedra de IA en Algoritmos Verdes con Inditex para a mellora na eficiencia dos proceso enerxéticos.

Como vai ser o 2026 para a Universidade?

Espero que sexa un ano moi ilusionante desde o punto de vista da alianza das universidades, porque creo que temos un reto importante e vaime gustar asumilo desde a presidencia. E con moitas cousas na mesa. Medicina é un exemplo, teremos que poñer a andar a descentralización. Na internacionalización hai proxectos interesantes e o centro de investigación que temos en Ferrol con Navantia pasará unha nova avaliación. Teremos moitísimas cousas.

Outro ano movido.

Moi movido. A Universidade somos unha das administracións máis dinámicas que existen.