El Español
Treintayseis
Cultura
|
Audiovisual

Xabarín Club: máis que unha canle, unha filosofía de vida para varias xeracións de galegos

Neste Día das Letras repasamos a historia dun programa que marcou a nenos, e non tan nenos, cos seus carnets, os seus videoclips e os seus debuxos: "Son Goku foi o mellor mestre de galego que tiveron os nenos".
Xabarín Club.
Miguelanxo Prado
Xabarín Club.
Ofrecido por:

Falar do Xabarín Club é facelo de tarde chuviosas de inverno, cun bocadillo na man e Son Goku na tele. Son xa 27 anos ininterrumpidos de emisión e estes días o programa volve a estar de actualidade informativa pola aprobación no Parlamento dunha moción para crear maior contido desta marca.

Polo momento, non se sabe como será ese cambio tras anos relegados á segunda canle da TVG, pero hai optimismo por un rexurdir do porco bravo máis famoso de Galicia. Mentres, neste Día das Letras Galegas podemos botar a vista atrás e recordar como o Xabarín Club fomentou o uso do galego entre os máis novos e descubriulles por primeira vez a Son Goku, Shin-chan, Doraemon e moitos máis personaxes.

"Nacemos como un programa de encargo. A idea era crear un contenedor de debuxos animados, similar ás de outras canles autonómicas naquel momento", fala Alberto Casal, director de contidos do Xabarín Club e un dos seus creadores en 1994. O 18 de abril cumpríronse 27 anos de emisión ininterrumpida.

"Era toda unha novidade. Tiñamos dúas horas pola tarde, á hora da merenda, con microespazos propios, as mellores series animadas e moita música rock. Era, como me gusta dicir, un porco con moita orella", sinala o director. Foi Miguelanxo Prado, unha das máis importantes figuras da banda deseñada galega, o encargado de crear á personaxe perfecta para ese espazo. Naceu o Xabarín, un porco bravo que se alimentaba de castañas e non perdía unha festa xunto ao seu grupo de amigos.

Camiño dos 150.000 socios

Hoxe hai máis socios do Xabarín Club que habitantes en Santiago de Compostela. Hai unhas semanas chegaron ao número redondo de 146.000. "Lembro a frase que di sempre o Xabarín: 'Hai alguén aí'. Pois parece que si que había", bromea Alberto Casal.

Hai outro dato demoledor sobre o número de socios que ten o Xabarín Club. Según as contas do programa, aproximadamente un 30% dos nenos galegos de 0 a 18 anos dos últimos 27 anos son ou foron socios. O seu carnet foi, a fin de contas, o DNI de varias xeracións de nenos.

"O carnet foi cambiando co tempo. O primeiro porco era máis bravo, polo rock bravú que estaba tan de moda naqueles anos. Foise actualizando cos anos e hai moitas persoas que gardan unha gran colección de carnets. Imos polo cuarto deseño do porco. De feito, para aqueles que o perderon temos uns honoríficos que aínda facemos", comenta Alberto.

Un porco rodeado de artistas

Ademais dos debuxos e o propio Xabarín, o programa descubríu aos máis novos bandas como Sinistro Total, Aerolíneas Federales, Os Diplomáticos de Monte-Alto, Heredeiros da Crus ou Silvia Superstar. "Editamos ata o de agora sete volumes de música, con cancións feitas en exclusiva para nós. Tamén formamos a nosa propia Xababanda y fixemos varias xabaxiras. De feito, Luis Tosar foi un dos primeiros integrantes cando non era tan coñecido", comenta Alberto Casal.

Neste apartado cabe destacar a gran aportación de Julián Hernández, líder de Siniestro Total, e Pablo Novoa, fundador de Golpes Bajos e actual líder da banda de Late Motiv. "Moitas das músicas do programa son obra deles", sinala Alberto.

Xa nos 90 apareceron unha gran cantidade de videoclips. "Hai máis de 100 en total. De feito, seguimos emitindo 17 cancións semanais. Eran karaokes de produción propia que chamábamos 'A cantar con Xabarín'", comenta o director. Todo ese material gráfico está dispoñible na súa canle de YouTube. "De feito, porque desde a cadea pecharon a billa, que se non hai bandas como Novedades Carminha ou Triángulo de Amor Bizarro dispostas a facer as súas propias cancións do Xabarín", comenta.

Todas aquelas cancións, incluidas as interpretadas polo locutor do Xabarín, Juanillo Esteban, tocáronse nos principais recintos de Galicia. "Tiñamos equipos enormes e espectáculos moi completos cun gran número de artistas", recorda.

Líderes de audiencia

O Xabarín Club era líder absoluto de audiencia. A súa aposta polos debuxos de calidade fixo que a maioría dos nenos coñeceran antes as voces dos seus heroes en galego que en ningunha outra lingua. "Sempre digo que Son Goku foi o mellor mestre de galego que tiveron os nenos. Pero non estaba só. Tivemos series do nivel de Doraemon, Evangelion, Asterix, Don Gato, Os Autos Tolos, Detective Conan... Durante dúas horas éramos os reis da audiencia. Pero, pouco a pouco, fóronse perdendo as licenzas e agora mantemos moi poucos de aqueles animes", sinala Alberto Casal.

Controvertida fora a serie de Shin-Chan. "Era a estrela cando se empezou a emitir, pero tivo moitos detractores. O debate chegou ata a xunta", lembra. A solución foi sacar o anime do horario do Xabarín. "Non tivera sentido. Todos os debuxos son violentos. Pero bueno, ás veces tivemos que cortar certos contidos", sinala.

Ademais dos debuxos, o Xabarín Club tamén destacaba polos seus concursos. De feito, siguen facendo, pero xa non é necesario enviar a postal. "Chegamos a recibir máis de 10.000 tarxetas para participar ao ano. Unha tolería. Tamén nós enviabamos as felicitacións do aniversario. Cada ano era diferente. Recordo que a do Prestige a censuraron", conta Casal. Aquelas postais, unidas ao espazo no programa no que aparecían os socios que cumprían anos, facía do aniversario unha festa moito máis especial.

Presente e futuro

"Gústame dicir que estamos de porco presente. Seguimos existindo, pero hai tempo que para a dirección da cadea hai outras prioridades", lamenta Alberto Casal. Por iso, casa novo socio é moi celebrado entre o equipo do Xabarín. "A número 146.000 é unha nena de Cangas chamada Daniela nacida xa en pandemia", di.

Co apoio amosado polo Parlamento, Alberto Casal espera unha maior cantidade de contidos. "Non sei se será unha canle 24 horas, pero polo menos espero que podamos facer novo material. A día de hoxe gravamos cousas cada certos meses. Juanillo Esteban segue a ser o locutor, pero apenas pode participar", comenta.

Mentres se introducen eses cambios, os nenos, e non tan nenos, poden seguir a ver o Xabarín Club na TVG 2. Tamén en YouTube, onde se atopa a maior parte do arquivo clásico do programa. "O porquiño polo que vale", di Alberto. O Xabarín contribuiu a que moitos nenos e nenas aprendesen galego xunto a Son Goku e Doraemon. Vai sendo hora de marchar, pero lembremos seguir facendo "oink".

Cultura