Proximidade, atención personalizada e calidade asistencial definen o modelo de residencias da Deputación de Lugo.
Proximidade, atención personalizada e calidade asistencial definen o modelo de residencias da Deputación de Lugo
A institución provincial ten a día de hoxe 9 residencias en funcionamento nas que os usuarios e usuarias reciben un coidado integral, adaptado as súas necesidades e orientado a fomentar o seu pleno benestar
Contido patrocinado
Unha sociedade defínese, en parte, por como trata ás persoas que forman parte dela, sobre todo aquelas máis vulnerables. Así, o coidado das persoas maiores é unha responsabilidade colectiva na que participa cada cidadán a nivel individual e todas as institucións e entidades como representantes.
A política social é unha das liñas que vertebra a acción da Deputación de Lugo, un eixo que desde o ano 2019 se veu aínda máis reforzado coa posta en marcha dos tres primeiros Centros de Atención a Maiores da institución provincial, situados en Trabada, Pol e Ribadeo.
O éxito destas primeiras residencias levou a poñer en marcha, en apenas catro anos, outros seis en Fonsagrada, Castroverde, Meira, Pedrafita do Cebreiro, Navia de Suarna e Ribas de Sil. O ente provincial consolidaba desta forma un modelo único, pioneiro e público.
A día de hoxe, a rede de Centros de Atención a Maiores continúa en expansión coas residencias da Becerreá, Pobra do Brollón, Guitiriz e A Pontenova, que se atopan en fase de construción, das 18 que compoñen o total do proxecto.
Neste sentido, a Deputación de Lugo conseguiu afianzar un modelo que non só é punteiro para a provincia de Lugo, senón que tamén o é para toda a comunidade galega. Esa singularidade vén dada pola aposta de residencias de pequeno tamaño, na que prima un sistema público, próximo e de calidade que pon por diante o benestar social e a dignidade persoal.
Envellecemento activo e atención personalizada
A atención que se ofrece nestes centros é multidisciplinar, individualizada e responde ás necesidades físicas, funcionais, cognitivas e sociais dos preto de 300 usuarios e usuarias que actualmente viven nas residencias.
Existe unha ampla programación de actividades orientadas a promover o envellecemento activo e o seu benestar na que se inclúen obradoiros de estimulación cognitiva, actividades físicas adaptadas ou propostas culturais e de lecer. Todo isto contribúe a mellorar a autonomía persoal, reforzar as relacións sociais e crear un ambiente dinámico e acolledor no día a día dos centros.
Unha das actividades das residencias da Deputación de Lugo.
Configúranse así residencias centradas nas persoas, que garanten un acceso xusto e en igualdade de condicións. De feito, todas elas están situadas en concellos de menos de 20.000 habitantes, favorecendo así a permanencia no entorno máis próximo, evitando o desarraigo territorial e emocional e promovendo un entorno agradable e familiar.
A Deputación de Lugo promove desta forma espazos nos que as persoas maiores se sinten integradas, ao poder continuar cerca da contorna rural na que medraron. Ao mesmo tempo, estos centros responden á dispersión e ao envellecemento da poboación na provincia.
En definitiva, este é un pioneiro modelo que a institución provincial puxo en marcha en solitario para dar resposta ao reto demográfico, garantir uns coidados de calidade e asegurar o benestar das persoas maiores vivan onde vivan.
Outros servizos
Máis alá dos Centros de Atención a Maiores, a Deputación de Lugo promove outras accións para atender as necesidades sociais da cidadanía. O obxectivo é, como no caso anterior, mellorar a calidade de vida das persoas.
O ente provincial puxo en marcha servizos sociais comunitarios específicos mediante a creación dunha rede de recursos de atención ás persoas maiores en distintos municipios da provincia.
A prestación ás persoas maiores en situacións de vulnerabilidade dáse a través do apoio técnico e económico aos servizos sociais comunitarios na financiación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) de libre concorrencia, así como na prestación do Servizo de Teleasistencia Social no Fogar.
A deputación tamén desenvolve iniciativas de prevención da dependencia mediante o fomento do envellecemento activo a través do Programa de Lugo Termal e promove a igualdade en todos os eidos con accións dirixidas a concienciar, sensibilizar e visibilizar.