Avia Veira, candidata do BNG á Alcaldía da Coruña

Avia Veira, candidata do BNG á Alcaldía da Coruña Quincemil

Ofrecido por:

A Coruña

Avia Veira, candidata do BNG á Alcaldía da Coruña: "Hai moita xente esperando un cambio na cidade"

Veira sitúa a vivenda e a mobilidade no centro do debate e aposta por reforzar os barrios como eixo da cidade

Te puede interesar: El BNG presenta a Avia Veira como candidata a la Alcaldía de A Coruña: "Queremos barrios vivos"

Publicada
Actualizada

A candidata do BNG á Alcaldía da Coruña, Avia Veira (A Coruña, 1986), será a cabeza de lista nacionalista nas eleccións municipais de maio do vindeiro ano tras a saída de Francisco Jorquera. Nun momento de tensión política local e con debates clave como a mobilidade ou a vivenda sobre a mesa, Veira reivindica unha política centrada nos barrios e nas necesidades da veciñanza.

Nun contexto marcado polo debate sobre o modelo urbano, defende a necesidade dun cambio de rumbo que permita avanzar cara a unha cidade máis xusta, máis coidada e con mellor calidade de vida.

Para quen non te coñeza tanto, quen é Avia Veira máis alá da política?

Son nai de tres fillos, criada en Labañou, vivo actualmente en Monte Alto, deportivista acérrima... pois unha persoa moi normal.

Como influíu medrar en Labañou e vivir en Monte Alto na túa forma de ver a cidade e a política?

O primeiro é que a política municipal ten que centrarse sempre nos barrios e hai que manter os barrios vivos, e tamén, por suposto, na maioría social, na xente traballadora e na xente autónoma, que intenta vivir e traballar na nosa cidade.

Que supón para ti ser a primeira muller do BNG con opción real de chegar á alcaldía da Coruña?

É unha ilusión enorme e unha responsabilidade, pero sei que levo comigo a todas as mulleres do BNG, a todas e cada unha que, con anterioridade, estiveron no Pleno e que asumiron tamén outro tipo de responsabilidades. Pero é unha honra.

Tras a renuncia de Francisco Jorquera, cres que este cambio pode influír na confianza do electorado ou nos resultados? Como afrontas ti ese reto como candidata?

Creo que, independentemente de que as persoas inflúen, por suposto, toda a labor de Paco, ao final é unha labor que parte dunha visión da política que é común a todos. Ese servizo público e ese centrarse constantemente nos intereses da xente, nas necesidades da xente, é común. E aí a cidadanía ten a garantía de que eu comparto ese servizo público, ese entender a política como servizo público e tamén que, ao final, a nosa obriga principal é atender as necesidades da xente.

A pouco máis dun ano das eleccións municipais, en que momento dirías que está a política local coruñesa?

Eu creo que xa analizamos publicamente que non nos gustan esas cousas que pasan no pleno, esas tensións que deturpan, en realidade, o que debería ser un salón de plenos, que é representar á xente con dignidade e centrado no que necesitan as coruñesas e coruñeses. Non nos gusta que se desvíe ese obxectivo.

Nós, desde logo, sempre imos estar aí, pensando en que necesidades hai e traballando para que se consigan. E, vendo a cidade, creemos que podemos ter unha Coruña mellor. Temos unha cidade marabillosa en moitos sentidos, pero con problemas concretos e necesidades concretas: a limpeza, a mobilidade e o transporte público, os servizos públicos… Hai moitas carencias e, aínda que levamos todo o mandato poñéndoas enriba da mesa, cremos que chegamos a un punto no que é imprescindible liderar o futuro goberno da cidade. Hai moita xente esperando e con esperanzas en que haxa un cambio.

Que debilidades ves no actual goberno municipal?

Para min hai unha cuestión fundamental, que é o tema da mobilidade e o transporte público. E paréceme unha indecencia que se deixase caducar a actual concesión e que se nos escapase entre os dedos a posibilidade de mellorar algo tan importante como as conexións, por exemplo cos hospitais, cos polígonos industriais, pola noite, as frecuencias…

É unha necesidade básica, porque hai barrios que están totalmente desconectados do transporte público. Estamos no século XXI e, se queremos promover unha mobilidade alternativa e que a xente deixe o coche, tamén hai que dar solucións en transporte público.

Falabas antes de "centrarse nos barrios". Que significa iso na práctica? Que cambiaría na vida dun barrio se gobernase o BNG?

Para empezar, estarían coidados, moi coidados. Estarían moito máis limpos; todo o mobiliario público, os pasos de peóns, as beirarrúas… todo o que, ao final, é importante, porque tes que estar a gusto no teu barrio e velo coidado.

Non só ten que estar limpo e bonito o centro: teñen que estar ben todos os barrios, e tamén teñen que ter dotacións públicas: espazos para nenos e nenas, para adolescentes, para a xente nova, para socializar sen necesidade de consumir, e tamén para a xente maior.

Ao final, os barrios son o corazón da cidade, e hai que coidalos como se tivésemos moitos corazóns.

Que propostas concretas tes para mellorar o acceso á vivenda?

Creo que a vivenda é unha das cuestións que máis preocupa á xente e tamén a nós. Neste mandato puxemos moito foco niso. Manteriamos a cuestión da zona tensionada, aínda que teña limitacións, pero tamén hai que facer outro tipo de políticas.

Hai que aumentar o parque de vivenda pública, que o Concello teña máis capacidade a través da empresa municipal de vivenda. Tamén hai ferramentas que o goberno local non está impulsando, como a oficina de asesoramento ao inquilino, para que a xente se poida defender de abusos.

E hai que apostar pola rehabilitación das vivendas baleiras e das vivendas en xeral, vinculándoa a alugueiros controlados.

Eu creo que iso redundaría en que non só haxa máis vivenda en alugueiro, senón que tamén sexa digna. Vivir na Coruña é moi bonito, pero estase volvendo algo imposible.

E eu creo que isto ten que ser unha cuestión central. É evidente que a Xunta de Galicia, gobernada polo Partido Popular nestes anos, non fixo practicamente nada: 40 vivendas en dezasete anos.

A cidadanía ten que saber que, se nós temos a alcaldía da Coruña, o tema da vivenda vai ser absolutamente central. Imos esforzarnos ao máximo para que esta cidade permita que a súa xente nova poida construír aquí o seu futuro. E non só eles, porque hai moita xente que pasa por diferentes situacións vitais e que tamén ten moi complicado acceder á vivenda cun só salario.

Sabemos que non queres facer promesas baleiras. Podes dar un exemplo concreto do que farías no primeiro ano de mandato?

Eu creo que as primeiras medidas serían no ámbito da mobilidade, porque son competencias que se poden poñer en marcha máis rápido: un novo transporte público na cidade, mellorar Bicicoruña…

Tamén impulsar que os barrios volvan florecer e, por suposto, o tema da vivenda, aumentando o parque municipal.

Se mañá foses alcaldesa, que sería o primeiro que cambiarías?

É difícil escoller, pero sería a mellora do transporte público, porque é algo máis executivo e que depende dunha decisión da Xunta de Goberno local, polo que se podería facer máis rápido.

Se A Coruña fose unha persoa, como dirías que se atopa agora mesmo?

Como esas persoas guapas, bonitas, honestas e con moito fondo, pero que están pasando por unha etapa un pouco baixa e que necesitan ánimo e impulso.

Que titular desexarías ler tras catro anos de mandato se saíses elixida alcaldesa?

Que a xente da Coruña sente que ten unha mellor calidade de vida despois dun goberno liderado por nós. Que é máis feliz.