Bieito Romero, fundador de Luar na Lubre.
Ofrecido por:
Bieito Romero, fundador de Luar na Lubre: "Tocar na Coruña sempre é unha experiencia marabillosa"
Luar na Lubre actuará o 8 de agosto no Festival Noroeste cun concerto na praia de Riazor, onde recibirá unha merecida homenaxe pola súa traxectoria de 40 anos na cidade que o viu nacer
Te puede interesar: 'Lubre' pasa a formar parte del diccionario de la Real Academia Galega
Bieito Romero (A Coruña, 1964) leva media vida vinculado ao mundo da música. É membro fundador de Luar na Lubre, un dos grupos referencia no folk celta en galego, que está a piques de cumprir 40 anos de historia. Unha proposta musical que enche teatros ao longo de todo o mundo e que, en agosto, acturá na Coruña como parte do cartel do Festival Noroeste Pop Rock.
A agrupación botou a andar a mediados dos anos 80, "nun momento no que era moi difícil facer este tipo de música porque non estaba recoñecida e valorada", lembra Romero. A idea de crear unha banda de folk foi súa, e recoñece que non imaxinaba que fosen "chegar tan lonxe".
O nome da formación xurdiu dun termo que Romero atopou nun vello dicionario de Xosé Luis Franco Grande: 'Lubre', un bosque onde os druídas celtas realizaban os seus rituais. Engadíronlle a luz da lúa, e así xurdiu Luar na Lubre. Este ano, ademais, conseguiron que o termo fose recoñecido polo dicionario da Real Academia Galega.
Conta Bieito que a diferencia fundamental da súa música reside nos seus membros e na variedade das súas achegas persoais: "Somos nove persoas que veñen de mundos distintos. Eu, por exemplo, veño da música máis tradicional, pero outros do rock e da música clásica".
"Sabemos que a xente na Coruña quérenos, é a nosa casa, o noso lugar nacemento"
Con corenta anos de historia, foron moitos os membros que pasaron polas súas filas. "Pasamos de ser os cinco membros fundadores a dar paso a moitas voces e instrumentistas", sinala o gaiteiro. De feito, o seu fillo, Bieito Romero Diéguez, continúa o legado familiar colaborando co grupo nos concertos.
Celebración do 40 aniversario
Para conmemorar a efeméride, publicaron o libro-disco 'XX Encrucillada', que segue vixente na xira deste ano. "É algo para celebrar e extraordinario no mundo da música, e máis aínda na música folk en galego", destaca Romero.
Ademais, Bieito adianta que a banda traballa nun proxecto moi especial para festexalo, cunha xira de grande formato a nivel galego e internacional que están a pechar. "Vai ser a presentación do que será o noso vixésimo primeiro traballo, que terá moita relación coa palabra 'Lubre', porque é parte esencial do que somos", avanza o gaiteiro.
"A música galega está vivindo un bo momento interno, pero debe transcender fóra"
"Actuar na casa é marabilloso"
O vindeiro venres 8 de agosto, o grupo actuará no Festival Noroeste na praia de Riazor, será a súa estrea no festival coruñés. Unha data que Bieito agarda con agarimo. "Tocar na casa sempre é marabilloso porque estás tocando para a túa xente. Tamén é unha responsabilidade porque tes a moitos coñecidos mirándote", sinala entre risas.
"Sabemos que a xente na Coruña quérenos. É a nosa casa, o noso lugar nacemento, e agardamos que desfruten da nosa música como fixeron sempre", engade. Ademais de presentar o seu derradeiro traballo, será tamén un concerto con sorpresas: "Presentaremos algunha canción nova do que vai a vir no noso próximo traballo, e haberá colaboracións".
"Castelao para nós é un personaxe chave"
O pasado sábado 28 de xuño, Bieito foi o encargado de recoller, en nome do grupo, a Medalla de Castelao que recoñecen a súa achega á cultura galega. "Castelao é unha personaxe chave na nosa forma de entender a música. É o pai da idea de galeguismo que seguimos", sinala o gaiteiro.
Nese sentido, salienta que tres das cuartas partes dos premios que reciben veñen de fóra de Galicia. Por iso valoran moi positivamente o recoñecemento interno e da terra: "Para nós foi un honor".
"O grupo naceu nun momento no que era moi difícil facer este tipo de música porque non estaba recoñecida e valorada"
Sobre se é o momento da música galega, con fenómenos como Baiuca ou Tanxugueiras, Bieito Romero opina dende a experiencia que "son etapas cíclicas". O músico sinala que: "A música galega está vivindo un bo momento interno, pero debe transcender fóra. Se non o fai, custa acadar estabilidade".
Para el, o novo son parte dun cambio necesario. "Hai unha nova forma de facer, máis ligada á tradición máis pura, pero tamén con compoñentes electrónicas, que é o que demanda o público actual", conclué.