Dez días de cultura, comunidade e festa: o Castelo Conta encara a súa segunda metade cos clásicos da súa programación
Ofrecido por:
Dez días de cultura, comunidade e festa: o Castelo Conta encara a súa segunda metade cos clásicos da súa programación
O festival esténdese ata o domingo 31 de agosto e aínda ten por diante citas tan destacadas como a ‘Gala dos dez anos’, a 'Noite do Castelo Conta' ou ‘Somos Criminais e punto final’
Contenido patrocinado
O festival celebra o seu décimo aniversario cunha proposta diversa que aínda ten por diante citas tan destacadas como a ‘Gala dos dez anos’, a 'Noite do Castelo Conta' ou ‘Somos Criminais e punto final’. Nesta pasada fin de semana máis de tres mil persoas encheron o Monte Xalo para desfrutar dos concertos de Carlos Núñez, Alana, Ortiga, Tanxugueiras e Sés.
O Castelo Conta 2025 chega ao seu ecuador convertido nunha das citas culturais máis singulares do verán galego. A décima edición arrancou a pasada fin de semana no Monte Xalo, un escenario natural que acolleu por primeira vez tres xornadas de concertos, conversas e espectáculos. Centos de persoas gozaron da música de Carlos Núñez, Alana, Ortiga, Tanxugueiras e Sés, ademais de actividades familiares e espectáculos infantís que encheron o cumio do monte de enerxía.
A festa continúa. O festival esténdese ata o domingo 31 de agosto, cunha programación que combina, como ata agora, tradición e vangarda, música, teatro, oralidade e comedia en distintos espazos da parroquia de Castelo. Desde o luns teñen lugar actividades que xa son costume na programación.
No campamento infantil Xente Miúda a cativada desfruta de obradoiros teatrais e musicais, de cociña ou de regueifa. Cinco xornadas de xogos e aprendizaxe nas distintas aldeas desta pequena parroquia de Culleredo.
Nos próximos días, a taberna Casa Rodríguez volve ser o corazón do festival cos seus xa clásicos Vermús na Taberna, que mesturan concertos de bandas galegas emerxentes coas tapas elaboradas en directo por recoñecidos cociñeiros. Ao longo da semana estarán nos fogóns a Nacho Moreira (La Esquina de Valentina), Jorge Trigo (A Espiga), Kike Piñeiro e Eloy Cancela (A Horta do Obradoiro), Lolo Mosteiro e Paula Martínez (A Artesa da Moza Crecha), Damián Paris (Decanta-t), Xosé Magalhaes e Lydia del Olmo (Ceibe), Bea Sotelo, Bego Vázquez (Regueiro da Cova) e Chisco Jiménez (Culuca). Todo acompañado da música de Brais Morán e Nasaufunk, Abril, 9Louro, Pava, e The Rapants.
Polas noites, a música seguirá soando con propostas como De Vacas, Lisdexia, Monoulious DOP, Zënzar ou Gin Toni’s, aos que se suman outras actividades especiais como a foliada do mércores 27, a presentación de ‘Cancioneiro Galego Serodio (1989-2012)’ de Xabier Díaz ou a estrea do documental ‘Ao son da nova regueifa’.
Un dos momentos máis agardados é a Gala dos dez anos, o xoves 28 na Polideportiva de Castelo: un espectáculo creado para celebrar unha década de festival, con música, humor, memoria e convidados e convidadas sorpresa.
O venres 29 terá lugar unha función dun dos éxitos máis rotundos do teatro galego recente: ‘Somos Criminais e punto final’ de Carlos Blanco e Touriñán.
O Día Grande, o sábado 30, manterá a esencia que fixo do Castelo Conta unha referencia: unha andaina polas aldeas con pequenas contadas e a tradicional Noite do Castelo Conta, dirixida por Xosé A. Touriñán, que reunirá a un elenco de comediantes galegos como David Amor, Lucía Veiga, Quico Cadaval, Oswaldo Digón ou Javier Veiga. A clausura chegará o domingo 31, coa Alborada, a misa, a Ruta de Coches Clásicos, e a Romaría do San Ramón, onde haberá unha pulpada e a orquestra La Ocaband para dar o peche a esta décima edición do festival.
A programación completarase con actividades xa emblemáticas como os Contos de Castelo, de luns a venres polas tardes tardes. Volven como ese espacio máxico no que se mesturan historias, anécdotas, lembranzas e música, celebrando a oralidade como ferramenta para gardar e transmitir a nosa memoria. As conversas estarán conducidas por un equipo ben especial, formado por Óscar Cruz (guionista), Isabel Garrido (actriz), Fátima Pego (presentadora), Tone Martínez (actor) Marga Pazos (xornalista), Federico Pérez (actor), acompañados por Xosé A. Touriñán, e contando coma sempre coa colaboración da veciñanza.
Un festival comunitario e sostible
Desde a súa primeira edición, o Castelo Conta medrou como un proxecto comunitario que pon en valor a cultura galega e o rural, con espazos abertos e participativos que transforman as aldeas en escenarios vivos. Nesta décima edición, o festival conta co apoio de institucións, empresas colaboradoras e veciñanza, que fan posible unha proposta de máis de 50 actividades repartidas en dez días consecutivos.
A maioría das actividades son gratuítas, aínda que algunhas precisan entrada. A programación completa, así como a aplicación oficial con mapas, notificacións e contidos exclusivos, está dispoñible en casteloconta.gal