CasteloConta2026
Ofrecido por:
Sete días de música, humor e cultura repartidos polas aldeas de Castelo, en Culleredo (A Coruña)
Do 24 ao 30 de agosto, o Castelo Conta volverá levar máis de sesenta propostas a diferentes espazos da parroquia, con artistas como De Ninghures, 9Louro, Xoel López e Antía Muíño entre os protagonistas da programación nocturna do festival
Puede interesarte: Batalla Naval, Tony Hadley y mucho más: Planes que puedes hacer este fin de semana en A Coruña
Durante unha semana, Castelo volverá converter as súas prazas, eiras, casas, a Taberna, a polideportiva e a contorna do Monte Xalo en espazos para a cultura. Do 24 ao 30 de agosto, o Castelo Conta celebrará a súa décimo primeira edición cunha programación de máis de sesenta propostas que combinarán música, humor, artes escénicas, gastronomía, tradición oral e actividades para diferentes xeracións.
O festival manterá unha programación repartida ao longo de todo o día. As mañás estarán protagonizadas por Xente Miúda, con actividades para as crianzas relacionadas co xogo, a natureza e a aprendizaxe. Polas tardes, os Contos de Castelo recuperarán a oralidade e a memoria da parroquia a través de encontros arredor da tradición e das historias do territorio. E, cando chegue a noite, os Seráns do Castelo Conta levarán concertos, humor e artes escénicas a diferentes espazos da parroquia.
Entre as propostas musicais desta edición destacan Xoel López, Antía Muíño, Ailá, De Ninghures, 9Louro, Kid Mount ou Kike Varela, xunto a outras bandas e artistas que completan unha programación na que conviven diferentes xeracións, estilos e formas de entender a música.
Unha das grandes noites desta edición chegará o venres 28 de agosto, coa actuación de Antía Muíño e Xoel López na polideportiva de Castelo. Ás 21:30, Antía Muíño abrirá a noite coa súa mestura de canción de autor, raíces e sonoridades contemporáneas. Ás 23:00, será a quenda de Xoel López, que regresará ao Castelo Conta para ofrecer un directo no que percorrerá máis de dúas décadas de carreira e algunhas das cancións que forman parte do seu repertorio.
Xoel López en directo no Castelo Conta 2023.
Será, ademais, a única cita musical do festival para a que é necesario adquirir entrada. As localidades están xa á venda e permitirán desfrutar dunha noite especialmente pensada para vivir a música en directo nun dos grandes encontros desta edición.
Moito humor
A música non será, con todo, a única protagonista da semana. A programación nocturna incluirá tamén A Noite do Castelo Conta, a tradicional gala de monólogos conducida por Xosé A. Touriñán, que contará con Carlos Blanco, David Perdomo, Lucía Veiga, Pepo Suevos, Oswaldo Digón, Marita Martínez, Patricia Castrillón, Leti da Taberna e Gari Garrido, acompañados pola música de Galifunk Brass. As entradas para esta gala xa están esgotadas.
Durante a semana haberá tamén espazo para a gastronomía nos Vermús na Taberna, que regresan a Casa Rodríguez, a antiga taberna e ultramarinos de Castelo recuperada como punto de encontro durante o festival. De luns a sábado, diferentes cociñeiros e cociñeiras galegos prepararán petiscos con produto de proximidade mentres a música acompaña cada xornada.
A tradición terá tamén un papel destacado nos Contos de Castelo, que este ano percorrerán diferentes aldeas da contorna con encontros dedicados á memoria, á oralidade, á regueifa, ao baile tradicional e ás historias e lendas do territorio.
Vermús na Taberna.
Todo isto sucede nun festival no que a participación da veciñanza continúa sendo unha das súas principais características. As actividades ocupan espazos cotiáns de Castelo e contan coa colaboración de persoas que ceden eiras e patios, participan na organización ou contribúen á preparación das diferentes propostas.
Así, durante sete días, o Castelo Conta volverá propoñer unha maneira diferente de vivir o festival: sen un único recinto, senón cunha parroquia enteira como escenario. Unha programación que combina nomes coñecidos da cultura galega con propostas emerxentes e actividades para públicos diversos, mantendo a vontade coa que naceu hai máis dunha década: facer cultura desde o rural e coa comunidade que o habita.