Hai anos que coñecín a carreira ENKI como participante, fun acompañando á familia e facendo panda con outras máis. Quedei abraiado pola súa posta en escena, a súa creatividade e a entrega de todos os seus participantes. E cando digo todos, quero dicir absolutamente todos, porque precisamente ese é o propósito do proxecto ENKI: Que a diversidade sexa a normalidade. A alegría, a risa e as emocións son as mesmas para todos os seres humanos independentemente das súas capacidades.

Unha vez vivida a experiencia como participante, chegoume a oportunidade de intervir coma voluntario na propia carreira en varias ocasións, e a diversión e a satisfacción multiplicáronse infinitamente despois de ter o privilexio de aportar o meu pequeno grao de area para xerar un pouco felicidade e que a inclusión de un paso máis adiante.

Recentemente tiven a sorte de poder colaborar co proxecto ENKI dende a miña labor como pintor realizando unha colección de 14 ilustracións que representan os deportes ENKI. Para levalas a cabo, como en cada proxecto que desenvolvo, paso por unha fase previa de documentación e información na que vou recollendo datos para poder elaborar o meu traballo de xeito acertado e foi toda unha grata sorpresa descubrir todas as posibilidades e o alto nivel que hai dentro do deporte para a diversidade, dende o paralímpico ate o afeccionado.

A partires de aí fun coñecendo un pouco máis o proxecto ENKI e tomando conciencia da entidade do mesmo, polo que creo que podo afirmar, -e se ti lector/a, o coñeces aínda que sexa de esguello estaremos de acordo-, que é unha desas cousas que ves que acontecen e fante sentir orgulloso de que sexa na túa cidade, e de que haxa xente no mundo que dedique o seu tempo a facer algo tan xeneroso e magnánimo. Sobre todo, cando vivimos un ritmo social desmesurado e esgotador que desborda estrés por todas partes e deixa pouco tempo para a empatía e a sensibilidade.

Isto conecta de maneira moi íntima cunha parte da miña experiencia vital, e non porque eu sexa alguén tan xeneroso ou que faga unha labor altruísta a ese nivel como o equipo e colaboradores do proxecto ENKI, en ningún caso. Conecta porque nos meus comezos como pintor eu tiña todo totalmente en contra, a todo o que lle contaba que quería facer do soño da arte a miña profesión dicíame se estaba tolo ou se era unha broma. Familia, amigos e coñecidos eran moi distantes con ese mundo e nin o contemplaban, simplemente crían que era algo que non estaba para min. O caso é que seguín soñando e aínda que no camiño atopei, e sigo atopando obstáculos abondo, o mes que ven celebrarei 27 anos de profesión.

Dese todo en contra é de onde parte a máis destacada labor pola inclusión de ENKI coa promoción do deporte para todas e todos. Seguramente moitos deses deportistas pensaron algunha vez que sería imposible, diríanlles que non, que iso é para outros, que todo estaba en contra e que non valía a pena nin intentalo. Pois non, ás veces os soños fanse realidade, tan só hai que atopar o equipo de xente axeitado e, por suposto, esforzarse cada día para superarse e rachar con todas esas barreiras que parecen insuperables pero ás que lles dicimos que non, que imos poder con elas. Iso é o admirable. Non a marca, o tempo ou a distancia percorrida, se non o tesón para facer posible o que aparentemente é imposible. Como esas pequenas flores que nacen nas fendas das rúas cementadas e van facéndose fortes e belas ante unhas condicións totalmente extremas e contrarias.

O meu aplauso a un proxecto tan emocionante que fai que moitos imposibles sexan posibles e que os imperfectos sexan perfectos, aínda con todo en contra.