O presentador Rodrigo Vázquez.

O presentador Rodrigo Vázquez. CGM

Ofrecido por:

Audiovisual

Rodrigo Vázquez, presentador galego : "El Cazador está nun momento de punto e a parte"

O ourensán afincado na Coruña divide o seu tempo entre Madrid e Galicia, a onde volve sempre que pode pola súa calidade de vida

Te puede interesar: RTVE se compromete a incluir pronto contenidos infantiles en gallego en su programación

Publicada

Desde o 2022, Rodrigo Vázquez é unha das caras máis coñecidas de TVE. O ourensán é o presentador de El Cazador, o concurso das tardes de La 1 que, polo momento, ten esta primavera como data final de emisión. Con todo, o galego xa era coñecido desde antes en Galicia, onde estivo en espazos como Ti verás, Aquí Galicia ou Quen anda aí? da TVG.

Agora, Rodrigo leva xa preto de catro anos vivindo na Coruña, un privilexio ao que non renuncia malia traballar en Madrid pola calidade de vida que ten na cidade. O galego, que se define como presentador de profesión e deportivista de devoción e a quen lle gusta "xogar" coa guitarra, fai un repaso pola súa traxectoria e o momento actual que vive El Cazador.

Esta será a última tempada de El Cazador?

Non hai nada oficial. Estanse facendo cambios na programación. En principio, por parte de Televisión Española, parece que é un punto, non sei se seguido, pero punto e a parte. Teñen outros proxectos confirmados en ciernes e supoño que cando estea todo preparado, daranlle pausa a El Cazador.

Xa gravamos para facer un peche bonito do que foi o programa porque tivo unha traxectoria moi boa. Xa estaba ben cando eu cheguei e tivemos os mellores datos de audiencia. Logo fixeron algún cambio de horario e de formato que, aínda que tiveran a mellor das intencións, funcionaron mal. Para min o formato era a pedra fundamental do programa e se cambias as regras do xogo, cambia totalmente.

El Cazador está logrando aínda así grandes datos de audiencia. É unha presión ou un aliciente?

Un día estás facendo 13 e outros 6 e nin un día es tan bo nin outro tan malo. A miña filosofía de traballo é facer os formatos o mellor posible, entender cales son os puntos fortes e potencialos e ver onde están as debilidades e intentar escondelas. Aí atrás tivemos un sprint gravando varias tempadas xuntas e iso baixa a calidade. Aínda así, o equipo fixo un gran traballo ata o último día e síntome moi orgulloso do programa.

Por que cres que ten tanto éxito El Cazador?

Os concursos son unha forma fácil de xogar e aprender. El Cazador é dunha televisión  moi enfocada nun servizo público de entreter, pero non con amarillismo, senón intentando sacarlle á xente un sorriso e emocionala. Intentamos visibilizar colectivos que non adoitan estar en concursos. Veñen persoas con deficiencias visuais, auditivas ou de mobilidade e dan as grazas por ter a oportunidade. Pero é o mínimo. Somos unha televisión pública. Creo que iso calou na xente, sobre todo na que vén a concursar e vese ese ánimo por mostrar unha sociedade plural e diversa.

Falas agora de televisión pública e ti comezaches na galega. Sempre pensaches en traballar en televisión?

Sempre fun consumidor de información deportiva e gustábame moito o fútbol, pero agora gústame só o Dépor, e iso que a veces non temos fútbol en Riazor. O xornalismo deportivo está collendo unha deriva na que cada vez me vexo menos representado e tamén o xornalismo en xeral.

Moitos espectadores xa non buscan escoitar a alguén que poida saber máis, senón que só queremos reforzar o que pensamos. A información deportiva era o meu refuxio, pero empecei a sentirme fóra. Logo, tiña claro que quería seguir en Galicia. A corporación parecíame un bo sitio para formarme e coñecer xente da que aprender. Tiven grandísimos maestros na Televisión de Galicia.

"Gustábame moito o fútbol, pero agora gústame só o Dépor, e iso que a veces non temos fútbol en Riazor"

Rodrigo Vázquez, presentador

Na TVG pasaches por moitos programas, algúns dos cales che mereceron premios nos Mestre Mateo. Cales recordas con máis cariño?

Un profesional diría que todos. E é certo, en todos aprendín. Pero diría o Aquí Galicia por ser o primeiro. Nese momento estiven a punto de deixar este mundo e meterme en gabinetes porque non tiña unha oferta por parte da televisión. Pero o director dese programa, José Manuel Martín, foi o que me dixo "pero ti queres deixar isto? Non o podes deixar".

Deixáronme compatibilizar e así fixen. O Ti verás tamén foi outro concurso importante e creo que serviu para que me viran dentro e fóra de Galicia. Se non fora por este programa, seguramente non tería dado o salto a El Cazador. Non me arrepinto de volver ao redil e de confiar en José Manuel. Foi bo consello.

Comentabas que querías seguir en Galicia. Agora que traballas en Madrid, volves a miúdo?

Gústame vivir en Galicia entón, aínda que estou traballando en Madrid e ogallá que poida seguir moitos anos, todo o tempo que podo o paso en Galicia para desfrutar da miña vida. A calidade de vida que podo ter na Coruña, para min, gana á que ten Madrid. Non ten punto de comparación. As personas somos como as plantas, dependemos das raíces e do contexto. Aquí teño á miña xente, aos meus amigos e á miña familia. Teño todo.

"A calidade de vida que podo ter na Coruña, para min, gana á que ten Madrid"

Rodrigo Vázquez, presentador

Así que non tes tempo para ter morriña.

Non. Separo a cabeza. Alí estou traballando e, por sorte, o traballo de presentador é moi agradecido. Desfruto moitísimo cando estou en plató, vou con ilusión. E cando veño para A Coruña, estou como quero. Teño a miña familia en Ourense, a un pasiño, e moitos amigos entre A Coruña e Santiago.

Como foi o salto da televisión autonómica á nacional?

A maior diferencia, e o que máis boto de menos, é traballar en galego pero a retranca si que asoma. Foi un cambio fermoso e todo un reto. Era un formato que xa coñecía, o tiña bastante estudado e cando mo propuxeron intentei identificar puntos a potenciar e fun cunha confianza que fixo que saira todo ben. Topeime cun gran equipo.

O presentador Rodrigo Vázquez na zona de viños da Coruña.

O presentador Rodrigo Vázquez na zona de viños da Coruña. CGM

Por que coñecías xa o formato?

Cando estabamos facendo o Ti verás descubrín o traballo dunha produtora israelí, Armoza, porque o formato era seu. Ían estrear unha versión en ITV, unha canle inglesa privada, así que estaba pendente da estrea. Cando se estreou non tivo éxito porque sustituía a The Chase, que é El Cazador en versión orixinal. Aí vin que a xente lle tiña cariño ao formato e comecei a velo. O que non sabía é que, despois de seguilo no 2018, ía estar eu presentando a versión de aquí.

Cando ves a televisión, ves concursos?

Si. Son unha persoa curiosa e gústame aprender. Para min os concursos, sobre todo nos que hai certo nivel como El Cazador, son divertidos porque sempre aprendo algo, tanto do cazador como dos concursantes. Aprender faime mellor profesional e intento que me faga mellor persoa.

Alguén que traballa dentro, que ve na televisión?

Cando hai lanzamentos dalgún formato importante, aínda que non vaian conmigo, intento velos. Sempre aprendes formas de presentar os contidos de maneira diferente, novas narrativas... 

Neste contexto no que predominan as redes e as plataformas, como é traballar na tele?

Se non tivera este traballo, seguramente non tería Instagram e viviría moito máis tranquilo. Igual é que xa me estou facendo vello, pero agora parece que a maior promoción é ter unha boa polémica e conseguir likes en redes. O ruído xera interese e audiencia, pero son un profesional da vella escola e gústanme as cousas ben feitas. Négome a dedicar máis tempo ás redes do que debería. Non descarto o día de mañá borralas. Non quero que me despiste do que é importante, que é o traballo en plató. Paréceme máis real a vida da tele que a vida nas redes sociais.

"Paréceme máis real a vida da tele que a vida nas redes sociais"

Rodrigo Vázquez, presentador

Que aficións tes fóra da televisión?

Gústame viaxar porque probo comidas novas e falo con xente nova, que sempre me aporta. Gústame moito comer e tamén cociñar. Tamén a música. Gran parte do meu tempo de ocio o paso vendo música en directo. 

Creo que tamén tocas a guitarra.

Saco algún sonido. Sempre digo que os ingleses teñen un verbo moi acertado, to play, que é xogar. Eu non toco a guitarra, eu play the guitar. É un mecanismo moi bo anti estrés.

Como xa presentaches o Benidorm Fest, poderemos verte como concursante coa guitarra?

Non me da para tanto. O meu papel é outro. Tivemos a honra de presentar o Benidorm Fest e os protagonistas reais teñen que ser os artistas, as cancións e a música. Eu o que intentei foi que luciran o máximo posible e estiveran o máis cómodos posible no escenario.

Que proxectos tes a futuro?

De momento non podo adiantar nada. Teño algo que pode saír en breve. Na televisión, cando toca chollo, toca a full. Cando vén, ven todo xunto e cando non, podes estar un tempo sen facer nada. Cando tes un par de meses para parar é unha oportunidade para seguir desfrutando do camiño.