Blandina e Saleta xunto á súa mestra Ana nas portas de Xacarandaina.

Blandina e Saleta xunto á súa mestra Ana nas portas de Xacarandaina. Carmen G. Mariñas

Cultura

A familia galega que leva no sangue o legado musical das cantareiras

Blandina Fernández e Saleta Cundíns son pandereteiras en Xacarandaina, onde Ana Edreira foi a súa mestra e continúan cunha tradición celebrada nestas Letras Galegas

Máis información: Galicia homenajea a las cantareiras, "eslabón que une tradición y modernidad" del folclore gallego

Publicada

Blandina Fernández e Saleta Cundíns son cantareiras e pandeireteiras en Xacarandaina. Son, ademais, nai e filla. Estas dúas galegas levan preto de tres décadas compartindo a súa paixón pola música tradicional e a poesía popular oral que se homenaxea nas Letras Galegas deste 2025.

O interese pola música tradicional galega venlles ás dúas desde a infancia. Os pais de Blandina e avós de Saleta xa cantaban e bailaban na aldea de Loroño, en Zas, de onde é orixinaria a familia.

"Meu pai sempre andaba coa pandeireta na man e de aí viron as ganas de aprender e cantar", relata Blandina, ao que a súa filla engade que "sempre recordo ao meu abuelo cunha pandeireta tocando. Unha das penas que me quedou foi que nunca o gravei, pero agora, polo menos, seguimos co legado dos meus avós".

Saleta, a filla, foi a primeira en entrar en Xacarandaina, cando tiña sete anos en 1992. Tres anos despois uniuse a súa nai, Blandina, quen xa escoitaba a grupos como Milladoiro ou Fuxan os Ventos. Para as dúas, este vínculo coa música é tamén unha tradición familiar. "De feito, a miña primeira pandeireta era do meu avó", apunta Saleta.

Blandina e Saleta, nai e filla, e cantareiras de Xacarandaina.

Blandina e Saleta, nai e filla, e cantareiras de Xacarandaina. Carmen G. Mariñas

Ambas coinciden tamén na importancia de días como o das Letras Galegas para celebrar a poesía oral popular e ás cantareiras, unha mulleres que, en palabras de Saleta, "son as prioneiras e divulgadoras da nosa lingua e grazas a elas se mantén a cultura ata día de hoxe".

A súa nai Blandina engade que "queremos que non se perda e que a xente nova continúe. Eles teñen que seguir o legado".

Ana Edreira, directora das Pandeireteiras: "A muller galega foi a gardiá da nosa lingua e dos nosos costumes"

Coas dúas coincide Ana Edreira, directora das Pandeireteiras en Xacarandaina e quen foi mestra de nai e filla. "Este Día das Letras Galegas é importantísimo por varios motivos. Un deles é polo recoñecemento á muller galega, que facía moitísima falta. É certo que tamén os homes influiron, pero dalgunha forma xa estaban recoñecidos. En cambio a muller non", reflexiona.

A tamén cantareira destaca que "a muller galega foi unha muller creadora e ademais foi a gardiá da nosa lingua e dos nosos costumes". Por outra banda, sinala a relevancia de recoñecer nunha data adicada á literatura a poesía oral. "A literatura oral é a que nos conta como foi a nosa vida e como é a nosa cultura", apunta Edreira.

As cantareiras Blandina e Saleta xunto a directora de Pandeireteiras de Xacarandaina, Ana Edreira.

As cantareiras Blandina e Saleta xunto a directora de Pandeireteiras de Xacarandaina, Ana Edreira. Carmen G. Mariñas

A mestra de Xacarandaina explica que "a xente cando cantaba contaba a vida cotiá, pero tamén as inxustizas. Nese momento na maioría de veces non se podía dicir o que se pensaba e o que dicía unha muller non tiña ningunha importancia. Pero claro que a tiña". Entre os temas que as cantareiras transmitiron coas súas letras están, entre outros, a emigración que marcou á poboación galega. "A muller galega sostivo o país mentres que os homes tiveron que emigrar. Elas tamén foron emigrantes, aínda que houbo un momento no que quedaron ao coidado dos nenos e dos maiores. Todo iso está contado nas cantigas. Son testemuña da nosa historia e o souberon gardar e transmitir".

Edreira non fala só en pasado. "Hai que falar tamén en presente, porque seguimos transmitindo, e en futuro. A tradición está viva. Debe estar viva para que non morra", subliña.

Podo dicir alto e claro que falo galego grazas á música tradicional

Ana Edreira, directora das Pandeireteiras

A música tradicional galega ten, precisamente, moito presente e futuro. "Que a Real Academia lle dedique o día ás cantareiras e á poesía oral está tendo unha acollida marabillosa e está chegando a moita xente", explica, ao que se engade unha tendencia na que se mestura esa música tradicional "da que aprendemos" con novos xéneros que están chegando a novos públicos.

Isto é especialmente relevante nun momento no que Galicia está perdendo galegofalantes. "Se non estivera neste mundo, probablemente non sería galegofalante. Podo dicir alto e claro que falo galego grazas á música tradicional", reconoce Edreira, que é testemuña tamén de como iso pasa nas súas aulas.

Por este motivo, escolas e asociacións como Xacarandaina teñen un papel fundamental para que "o que fumos recollendo estes anos das nosas mestras poidamos conservalo e tamén transmitilo e divulgalo".

As Pandeireteiras de Mens na praza da Quintana con Manuel Cajaraville Pensado.

As Pandeireteiras de Mens na praza da Quintana con Manuel Cajaraville Pensado. Fondo da Agrupación Folclórica Aturuxo. Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) do Museo do Pobo Galego

Así, este 17 de maio, Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda, Eva Castiñeira Santos, de Muxía, e Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, integrantes das Pandeireteiras de Mens (Malpica), ademais de moitas outras mulleres anónimas, obteñen un recoñecemento que é "un acto de xustiza histórica".