El Español
Treintayseis
Cultura
|
Conoce Santiago

A Casa Xohana Torres: un espazo de igualdade en Compostela

O espazo abriu as súas portas no 2017. Tras o parón pola pandemia, este curso retoma con forza a súa programación, aberta a propostas
Casa de Mulleres Xohana Torres, en Santiago
QUINCEMIL
Casa de Mulleres Xohana Torres, en Santiago

O verso máis emblemático da poeta Xohana Torres di “Eu tamén navegar” e fai referencia a que a protagonista do mito de Penélope tamén tiña capacidade de actuar, de pasar á acción, declarando así a súa liberdade.

Compostela, como tantas cidades, precisa de espazos físicos e simbólicos onde tecer redes que procuren unha sociedade máis libre. Na Casa Xohana Torres atopamos un lugar de xestión municipal que é un fogar para o encontro, o debate e o intercambio de coñecementos. Falamos coa técnica de igualdade Rebeca Raso sobre este espazo e as actividades que acolle.

Fuente: https://cimcompostela.gal/casaxohanatorres/

Rebeca, que é hoxe a Casa Xohana Torres e con qué propósito naceu?

A Casa de Mulleres Xohana Torres  (Rúa Bernardo Barreiro de Vázquez Varela, 15702)  comeza a súa andadura no 2017 polo que é un proxecto recente e que tivo dous anos de pandemia polo medio nos que as actividades diminuiron e foi complicado darnos a coñecer. Nace coa intención primeiro de que sexa un espazo seguro, un lugar onde poder celebrar calquer tipo de actividade de corte feminista e de apoio ó colectivo LGTBIQA+, para debatir, compartir, aprender… . Está aberto a todo o mundo que teña interese polo feminismo e por achegarse a diferentes colectivos e asociacións. 

Así que podo dicir que a Casa é unha materialización dese espazo que a sociedade reclamaba e do que podemos facer uso.

Fuente: Quincemil

Qué pode atopar unha santiaguesa neste espazo?

As actividades que se poden atopar van dende formacións ata clubes de lectura e poden ser propostas de asociación e entidades ou ideas que nos achegue unha persoa, como o clube de lectura que temos en marcha neste momento. Ante todo queremos que este espazo municipal sexa entendido como parte de todos e de todas, un lugar seguro e onde podemos atopar información sobre temáticas que nos preocupen e que supoñan unha inquedanza. Traballamos con diferentes asociacións centradas tanto no feminismo como no colectivo LGTBIQA+, en prol da igualdade en todos os ámbitos. 

Recentemente acollemos obradoiros e cursos sobre prevención, visibilización e actuación sobre as violencias machistas e esta tarde mesma temos unha formación dirixida a profesionais centrada na diversidade afectivo-sexual, familiar e contrar a LGTBIfobia.

O denominador común de todo o que acolle a Casa Xohana Torres pasa por intentar rematar coas desigualdades entre homes e mulleres, impulsando a equidade, tendo moi en conta o contexto no que vivimos, tamén como cidade, e como individuos, nun momento no que todos e todas temos que facer un exercicio de mirada crítica sobre os nosos comportamentos e pensamentos.

Por suposto convidamos a que todo o mundo participe nas nosas actividades formativas e que contacten con nós se queren facer algunha proposta, ben a través da web ou do email. Este espazo pode ser reservado por calquera persoa, colectivo ou entidade que quera facer actividades sen ánimo de lucro e que se axuste aos principios e liñas de actuación da Casa que pasan por fomentar a participación, favorecer a sensibilización e información ao redor da igualdade e os feminismos ou promover a convivencia e tecer relación de confianza e colaboración entre mulleres e persoas do colectivo LGTBIQA+.

Fuente: Quincemil

Nun momento no que falamos de feminismo e a pegada feminista está presente, qué ten no horizonte un espazo como este? 

É unha pregunta con difícil resposta xa que as necesidades mudan constantemente pero temos claro que este é un espazo que quere promover a confluencia de todos os recursos que están traballando pola igualdade, implicando a todos os axentes sociais e obter así un mapa de todos os recursos que temos nas nosas máns para achegarllo a quen o precise, construíndo unha cidade máis igualitaria e inclusiva e que non mire cara outro lado cando hai inxustizas.

Semella que todos queremos unha sociedade máis xusta e igualitaria… Cales son os espazos que aínda temos por conquistar e onde temos que poñer o foco?

Son tamén moitos e todos son importantes pero en especial preocúpanos moito os temas máis silenciados ou que non é tan sinxelo dar voz. Por exemplo é importante poñer o foco sobre as mulleres migrantes e as dificultades que atopan cando mudan de país ou en colectivos como as mulleres xitanas.

Fuente: Quincemil

A diferencia do curso pasado e o anterior, por mor da pandemia, setembro viu cargado de actividades e propostas. En que estades traballando para estes meses?

Podedes comprobar na web que estamos traballando moito no proxecto Pegadas Feministas,  que é un roteiro virtual no que podemos dar un paseo pola nosa cidade, Santiago de Compostela, coñecendo mulleres e persoas LGBTIQA+, os lugares e as organización sociais que tiveron e teñen relevancia na conquista de dereitos políticos e sociais relacionados coa visibilidade e a igualdade destes colectivo. Para nós esta é unha proposta viva na que nos gustaría que colaborase a xente. Poden facelo proporcionando información sobre algunha figura ou lugar cubrindo iujn formulario no que aportan eses datos para engadir a Pegadas Feministas.

Tamén traballamos moito no Mapa de Entidades que é un proxecto co ten como misión dar a coñecer todos os diversos colectivos, asociación e entidades que traballan en prol da igualdade e que é moi importante que estén disponibles para a cidadanía, facilitando encontros e sinerxias entre eles e amosando e divulgando todas as súas propostas.

Animamos a todas e todos a que consulten a nosa axenda na web para estar ó día de todas as propostas que teremos.

Cultura