El secretario xeral del PSdeG, José Ramón Besteiro, esta semana en A Coruña.

El secretario xeral del PSdeG, José Ramón Besteiro, esta semana en A Coruña. López

Galicia

Besteiro: "Galicia ten máis recursos ca nunca na historia pero os problemas graves seguen aí"

O secretario xeral do PSdeG encara con ilusión as eleccións municipais do próximo ano, nas que espera revalidar cidades como A Coruña e Vigo, e defende a forma na que a súa formación fixo fronte ás crises recentes

Pódeche interesar: O Senado aproba os cambios do PP na Lei da AP-9: volve ao Congreso para o seu visto e prace

Publicada

José Ramón Gómez Besteiro foi ratificado como secretario xeral do PSdeG en xaneiro de 2025 na que xa é a súa segunda etapa na primeira liña da política galega. Faino defendendo o proxecto do Partido Socialista como o mellor para a cidadanía, cunha forte raíz nos servizos públicos e con "política de proximidade".

O PSdeG traballa xa de cara ás eleccións municipais de 2027 mentres reivindica o impacto da política estatal en Galicia nun contexto no que, a nivel nacional, o partido non está exento de polémica. "Ninguén pode dicir que non vai existir un problema na súa organización", recoñece Besteiro, que engade que o que diferenza a un partido doutro é como se reacciona ante estas situacións.

Falamos co secretario xeral do PSdeG sobre isto, pero tamén sobre os temas de actualidade que máis preocupan: dende o plan de control de baixas que ultima a Xunta ata os retrasos nos trens en Galicia.

Como está sendo este período despois de volver á primeira liña da política galega?

Volvín á política activa no 23, despois de oito anos de ostracismo. Parece que agora volvemos vivir en España o que vivín eu persoalmente hai 11 en Galicia. Fun imputado por unha acción indirectamente do Partido Popular, a través duns anónimos que se transmitiron á Fiscalía. A instrución durou moitísimo e ao final rematou co expediente da propia xuíza.

A volta é unha volta chea de ilusión dende o 2025, con ánimo de xerar máis confianza, de reconectar con esa sociedade á que tanto queremos os socialistas. Sobre todo nun marco de políticas moi activas por parte do PSOE que beneficiaron a Galicia durante estos últimos anos.

Volvín a unha Galicia onde temos a mesma poboación, 2,7 millóns, e máis recursos ca nunca na historia, pero os graves problemas seguen a estar aí. Estamos en cifras de lista de espera de 50.000 persoas para unha operación, 14.000 para unha residencia da terceira idade, 34.000 para unha vivenda pública que non chega...

Todo isto despois de 17 anos ininterrompidos do goberno do Partido Popular. É difícil encontrar xustificación a esos fallos. Sen embargo, o PP segue a buscar responsables fóra. Hai cousas que cambiaron, e outras que seguen exactamente igual.

Queda menos dun ano para as eleccións municipais de 2027, están xa traballando cara elas. Como as plantexa o PSdeG?

O Partido Socialista afronta os procesos municipais dunha forma moi positiva, coma sempre. É o partido que ten esa marca de referencia das políticas de proximidade aos cidadáns, que son de absoluto éxito. Vémolo na Coruña e en Vigo, e tamén nas cabeceiras de comarca: son cidades moi dinámicas, xestionadas por homes e mulleres socialistas cun proxecto sólido que teñen continuidade no tempo, e polo tanto un referendo por parte dos veciños e veciñas.

Por exemplo, na Coruña estamos vivindo unha transformación evidente de cidade en canto a espacio urbano, pero tamén de mentalidade: a A Coruña de hai 10 anos era pesimista, sufrira co fallo da fusión das caixas, coa perda de impulso financieiro... E hoxe vése unha cidade e unha área metropolitana moitísimo máis potente.

Os socialistas non só xestionamos mellor as cidades, senón que lles imprimimos un marcado carácter de transformación, de mellora, de avance no campo económico e social, de moito dinamismo e de atracción de inversións. Hoxe estamos gobernando alrededor do 60% da poboación de Galicia, e aspiramos a continuar esa liña de progresión e de avance. Temos esperanza de revalidar esos mandatos.

"Cando haxa eleccións xerais, para o cidadán vai ser unha decisión de A ou B, e a nosa responsabilidade está en explicar a diferenza entre os dous modelos: cando goberna o Partido Socialista ou un hipotético goberno de Partido Popular e Vox"

José Ramón Gómez Besteiro, secretario xeral do PSdeG

Fala dos mandatos de Inés Rey en A Coruña e Abel Caballero en Vigo, pero en cidades como Santiago apostouse por un cambio. Por que?

Pedro Blanco foi elixido pola militancia. Está facendo un traballo fantástico como delegado do Goberno e encaixa nas necesidades do que está esperando o electorado en Compostela. É unha persoa traballadora, cunha visión diferente do que aconteceu nos últimos catro anos, nos que Compostela perdeu o impulso.

Non se trata de que sexa unha cidade de 300.000 habitantes, pero o peso da capitalidade diluiuse. Esa é a sensación que hai entre os veciños de Compostela, creo que a xente está esperado polo Partido Socialista porque recoñece que o pasado máis brillante de Compostela foi da man do PSdeG con alcaldes como Xerardo Estévez ou Bugallo.

Pedro Blanco vai ser un candidato fantástico, pero o mesmo penso de Ferrol ou Lugo, onde hai capacidade para recuperar as Alcaldías. No caso de Lugo tendo en conta a traizón democrática que se sufriu cunha moción sen ningún tipo de fundamento, estou convencido de que iso segue presente na cidadanía e que o que se produciu foi unha interrupción dun proxecto transformador que leva funcionando ben 27 anos.

E Ferrol é outra cidade que está cambiando. Se miramos atrás, hai 10 anos era unha cidade deprimida e co impulso e a inversión do Goberno socialista medrou no campo da industria naval, pero tamén no dixital. E sobre todo a modernización e a proxección, porque vai ser un referente da construción naval, offshore, do mundo das eólicas...

En Pontevedra esperamos sacar uns bos resultados, porque hai un proceso de agotamento por parte do BNG, e en Ourense podemos ser capaces de que por primeira vez na historia unha muller lidere o Goberno municipal. Afróntoo cun gran optimismo.

Volvendo a Pedro Blanco, tería que renunciar ao seu cargo como delegado do Goberno en abril ou antes. Hai alguén que se perfile para o seu posto?

Non vou entrar en quinielas. Ten un traballo que facer como delegado do Goberno e chegado o momento decidirá o propio Goberno. Hai moitísimos homes e mulleres que tamén poden desenvolver dunha forma moi positiva para Galicia ese traballo.

É unha tarefa complicada, pero Pedro demostrou durante os últimos tres anos que é un delegado estupendo, sendo portavoz do Goberno de España en Galicia e trasladando cara Madrid as necesidades e o impacto da política estatal aquí.

Hai uns días, Sumar Galicia puxo enriba da mesa a posibilidade de concurrir con PSdeG e BNG nunha lista para o Senado. Cal é a posición do PSdeG ao respecto?

Son anécdotas. Moitos partidos teñen que pensar nunha posición do voto útil. Cando haxa eleccións xerais, para o cidadán vai ser unha decisión de A ou B, e a nosa responsabilidade está en explicar a diferenza entre os dous modelos: cando goberna o Partido Socialista ou un hipotético goberno de Partido Popular e Vox.

A actualidade en Galicia

A Xunta anunciou o 10 de xullo que comunicara a Altri o arquivo definitivo do proxecto en Palas de Rei. Refírese á vía administrativa, non á xudicial. Como valora esta noticia o PSdeG?

Mal que lle pese a Rueda, o expediente está arquivado. Cando coñecemos realmente todo o programa do proxecto foi despois das eleccións, curiosamente. Durante ese percorrido de pouco máis de dous anos, opuxémonos porque non era económicamente, nin socialmente nin medioambientalmente o que Galicia necesitaba.

Non foi un 'non polo non', xustificamos a nosa posición porque nesas tres vertentes é onde deben analizarse os proxectos, ver se son bos para Galicia ou non. Ese percorrido ten unha contestación na rúa que aceptamos como unha manifestación libre dunha oposición ao proxecto que non gustaba á inmensa maioría dos galegos.

E despois unha tramitación administrativa onde a acción política do Goberno socialista se dirixiu a seguir considerando que ese proxecto non era interesante para Galicia nin para España. De aí ven o seu triple non, cando se denegan os fondos dos PERTE de descarbonización, cando se denegan as axudas extraordinarias de Europa que solicitaba a empresa e cando esa conexión eléctrica non se da porque non era un proxecto maduro.

O Partido Popular mantivo o silencio sobre os acordos que firmara con Altri, e a pregunta ahora é 'Que foi o que firmou con Altri?' 'Que razóns hai para mantelo oculto?' Merecemos coñecer os acordos, sobre todo para saber se poden derivar en consecuencias indemnizatorias para o noso país. Nós seguiremos atentos a que ese tipo de industrias que non aportan valor engadido non formen parte do futuro do noso país.

O PP tumbou unha comisión investigadora ao respecto no Parlamento de Galicia. Seguirá o PSdeG insistindo en ter as respostas?

Xa o esiximos e seguimos insistindo en que hai que dar explicacións razoadas. Non nos gustaría ter que acudir aos tribunais para coñecer esos documentos.

"(Coa AP-9) houbo un acordo histórico para a transferencia da titularidade e da xestión con todas as garantías de que calquera efecto negativo que se produza con anterioridade á transferencia sería asumido polo Goberno do Estado, pero o PP di que non confía. Non confía porque non quere que se produza, e por iso vota en contra da man de Vox"

José Ramón Gómez Besteiro, secretario xeral do PSdeG

Fronte a Altri, está SAIC, onde si que houbo acordo e un traballo conxunto das administracións. É un exemplo do que se pode conseguir cando hai colaboración?

É un exemplo do que se debe facer. A miña percepción nos últimos anos é que cando se busca a colaboración por parte do Goberno de España se obtén e cando se busca a confrontación partidista, as cousas saen mal para Galicia. Desa colaboración leal saen cousas boas, pero estou vendo que xorden conflitos, como ocorreu coa financiación.

Non entendo que no caso do financiamento autonómico non se sente a falar co Goberno do Estado. Quero saber cal é o modelo de financiamento que defende o Partido Popular en Galicia, pero tamén para o resto de España, porque temos que buscar intereses que sumen a todas as comunidades. E iso non o temos.

Tampouco entendemos como te podes opoñer á condonación da débeda, 4.100 millóns de euros, un terzo do que debe Galicia. A última consolidación de contas que temos arroxan un superávit de 190 millóns, cos que se vai pagar parte da débeda, cando se poderían dedicar a moitísimas outras cousas como a mellora dos nosos servizos públicos.

Con SAIC aconteceu algo similar. É unha operación empresarial do Goberno chino, que ten a porcentaxe maioritaria, para invertir fora do país. Existían moitos pretendentes dentro e fóra da Unión Europea, como Marrocos ou Hungría. Pedro Sánchez en persoa traslada a posibilidade de España, e a boa relación entre o Goberno chino e España reorienta esa inversión.

En España tamén había pretendentes, como Tarragona ou Valencia. Pero reoriéntase esa operación cara a Galicia da transición enerxética, e agora a inversión está en Ferrol e As Pontes. Pedímoslle Xunta que houbera unha mesa onde estén sentados o Estado, a Xunta e a propia empresa, algo que desestimou o PP, e agora esixímoslle que non estropee esta operación.

O secretario xeral do PsdeG, José Ramón Besteiro, na Coruña.

O secretario xeral do PsdeG, José Ramón Besteiro, na Coruña. López

Froito das negociacións produciuse a transferencia das competencias do litoral e próximamente tamén as dos permisos de traballo a persoas estranxeiras. Como ve estos avances?

Moi ben, moi positivos. Aquí vése que se hai vontade de colaborar de forma leal entre dúas administracións, as cousas saen. Son dous asuntos que se van tratar na Comisión Mixta de Transferencias que van chegar a bó porto, pero non ocorre o mesmo coa AP-9.

Houbo un acordo histórico para a transferencia da titularidade e da xestión con todas as garantías de que calquera efecto negativo que se produza con anterioridade á transferencia sería asumido polo Goberno do Estado, pero o PP di que non confía. Non confía porque non quere que se produza, e por iso vota en contra da man de Vox.

Esa Comisión Mixta aprobará a transferencia no Congreso seguramente a semana que ven. O que esperamos é asumir unha cuestión á que nos levou o PP cunha prórroga de moitísimos anos e que agora, co PSOE, poidamos acordar a transferencia sumada a políticas como as bonificacións, que supuxeron unha inversión de case 400 millóns de euros por parte do Estado.

Cando os intereses de Madrid prevalecen sobre os de Galicia, o Partido Popular entorpece, enturbia. Iso para Galicia é malísimo, porque Feijóo dille a Rueda o que ten que facer, e os intereses do Partido Popular non son coincidentes cos intereses de Galicia.

O PP asegura precisamente que o acordo ao que chegaron PSOE, BNG e Sumar non coincide co aprobado no Parlamento de Galicia. Difiren tanto os textos entre si?

En absoluto. Hai dúas partes principais. O motor fundamental é a transferencia da titularidade, que sexa galega, e está aprobada polo Congreso. As posibles consecuencias negativas derivadas de calquera acto anterior á transferencia teñen que ser asumidas polo Estado, polo tanto non hai ningún risco para Galicia.

É verdade que hai un recurso plantexado pola ilegalidade deses peaxes, o tempo dirá se esa prórroga de Aznar foi ilegal ou non. E aí entraremos en fase de rescatar a concesión, pero o que existe é unha operación do PP para que esa transferencia non se faga. Eu apelo ao sentido común, porque ocorre coma co financiamento: o Partido Popular de Galicia non é capaz de explicarnos cal é o seu modelo.

Ante esa situación temos o modelo do que o PP se nega a falar. Como se pode negar a falar de financiamento de recursos nun momento onde hai recursos récord, onde as achegas que houbo do Estado son case un 140% máis que en toda a etapa de Rajoy? Temos máis recursos ca nunca e a mesma poboación, pero máis problemas nos servizos públicos.

Sanidade, vivenda, dependencia... Onde están os culpables? Non saben planificar. Van construír 4.000 vivendas cando hai 34.000 persoas pedindo unha vivenda pública, o 80% en aluguer. O que pasou é que nestos anos non se construiu ningunha. Como lle explicas a un cidadán que durante seis anos viñeron 550 millóns de euros do Estado para vivenda? Onde están?

O PP non planifica porque iso significa falar de retos, de logros, e cando chega o momento e non se conseguiron, a valoración sobre a xestión é tremendamente negativa. Os socialistas pensamos que é importante desenvolver unha política de futuro, que é necesario expandir o Estado de Benestar: cando melloramos económicamente estamos sendo un exemplo de prosperidade que compartimos coa maioría dos cidadáns.

A sanidade pública é un tema que sempre está de actualidade. A Xunta vai dar a coñecer próximamente o seu plan para controlar as baixas, contra o que a CIG e CCOO anunciaron que van presentar un recurso. A falta de que se coñezan os detalles, como ve o PSdeG este plan?

Rueda quentou motores para que a semana pasada Feijóo falara desta cuestión dunha forma absolutamente inexacta e impropia dunha persoa que quere ser presidente do Goberno. O Partido Popular o que vén a dicir é que os culpables son os médicos e os enfermos, como se nada tivesen que ver os retrasos nas listaxes de espera e nas probas diagnósticas, importantes á hora de resolver se unha persoa está sa ou non.

Nós puxemos enriba da mesa varias propostas como potenciar a Atención Primaria, fomentar os traballos de saúde laboral e todo o relativo á prevención de riscos laborais e desenvolver unha boa labor de inspección. Todo iso non lle interesou ao PP, non considera iso unha labor profesional dos médicos nin un dereito do traballador a estar de baixa e percibir unha retribución.

Iso chámase conquista social de dereitos. O PP non xestionou adecuadamente a sanidade pública e despois de 17 anos atópase con menos profesionais, que tamén marchan a outras comunidades autónomas con outras condicións económicas, ou con xente que espera máis dun ano para que se recoñeza unha dependencia.

Pretenden desmontar a sanidade pública como a rectora dos intereses da gran maioría dos galegos, que a defende. Botarlle á culpa aos traballadores e aos médicos non é a forma de solucionar un problema que din que existe, cando contra o absentismo hai medidas legais para loitar. Cando hai unha baixa médica, hai que afrontar se esa persoa está sa ou non, se pode traballar ou non, e para iso responde o sistema.

"(Respecto ás baixas) o Partido Popular o que vén a dicir é que os culpables son os médicos e os enfermos, como se nada tivesen que ver os retrasos nas listaxes de espera e nas probas diagnósticas, importantes á hora de resolver se unha persoa está sa ou non"

José Ramón Gómez Besteiro, secretario xeral do PSdeG

A educación tamén está xerando algunha polémica últimamente, como a da PAU. A Xunta xa presentou a súa proposta para elaborar as probas. Que lle parece ao PSdeG? Perden independencia as universidades públicas?

A relación que ten a Xunta do PP coa universidade pública está moi clara, non está por darlle ás ao sistema público senón por abrir outras posibilidades máis deficientes.

Respecto á PAU, os erros hai que corrixilos cando se producen, pero demostrouse durante moito tempo que este é un sistema docente independente moi bo. Os intentos de interferir políticamente nunca funcionan ben. Penso que se redimensionou un problema que é fácilmente corrixible pero que non debe dar pé a condicionar a autonomía dos evaluadores.

Os trens rexistraron importantes retrasos nas últimas semanas, e incluso chegaron a provocar algún incendio na provincia de Ourense. O PP preguntou en varias ocasións cal é o estado da infraestrutura en Galicia. Como está? Hai que preocuparse?

Cando hai calquera tipo de deficiencia, o primero é corrixila. Fai ben o PPdeG en preguntar, porque cando gobernaba aquí non había infraestruturas de primeiro nivel como está habendo agora. De oito anos cara aquí, as inversións ferroviarias avanzaron de forma importante. Hai oito anos non había proxección deste boom do ferrocarril porque non o había, a xente non podía usar un tren de alta velocidade.

Viñamos de case oito anos con Mariano Rajoy onde case non se tocaron as infraestruturas ferroviarias, e o que era peor: o material rodante, a locomotora e os vagóns, non se cambiaron. E por tanto, agora estamos vivindo unha situación de renovación forzada de todo iso, pero a inversión non se detén.

Outro exemplo son as conexións ferroviarias dos portos de Galicia, non existía a comunicación co Porto da Coruña nin co de Ferrol. Hoxe é unha realidade, estánse construindo e practicamente rematadas.

O problema onde está? Estámoslle botando a culpa dun retraso de 15 minutos ao tren e non vemos a outra mobilidade, a do transporte por carretera, que é responsabilidade da Xunta. Non nos paramos a ver cantas paradas non se fan na liña de viaxeiros, os retrasos... Ao PPdeG non lle preocupa, e é o que realmente favorece a mobilidade: as liñas de ferrocarril son as que articulan gran parte do territorio, pero toda esa liña capilar de mobilidade interior responde a ter un transporte por estrada.

A diferenza de uns que si que poñen inversión no ferrocarril, asumindo as deficiencias como un proceso normal de evolución, hai outros que nin queren nin teñen vontade nin capacidade inversora para mellorar o transporte por carretera. E aí falamos de dúas Galicias: a que ten a posibilidade de coller un tren a un tempo máis que aceptable fronte á que non pode chegar á estación de ferrocarril para coller esos trens porque non ten liña de autobús regular ou predecible nos horarios.

"Os incendios non van estar focalizados soamente en xullo e agosto, anticipáronse a abril. Vai ser unha situación na que ou xestionamos adecuadamente o territorio ou de nada servirá todo o que estamos facendo, consumir recursos en políticas que non son nada eficaces"

José Ramón Gómez Besteiro, secretario xeral do PSdeG

Os incendios son precisamente unha das maiores preocupacións dos cidadáns cada verán.

Insito moito na necesidade de planificar. Dun goberno espérase que solucione problemas, pero sobre todo que se adiante a eles. Os incendios van máis alá dos propios lumes, é unha cuestión de falta de planificación territorial. O que se espera dun goberno é que aprenda de erros anteriores; ninguén pode evitar cometer erros, pero os erros reiterados xa parecen unha neglixencia.

O Partido Socialista colaborou hai sete anos activamente co Goberno do Partido Popular nunha comisión de investigación sobre por que se producían os incendios, como evitalos, e tomáronse decisións a través dun dictamen de case 200 medidas. Pasados sete anos non se cumpriu practicamente ningún.

Os incendios non van estar focalizados soamente en xullo e agosto, anticipáronse a abril. Vai ser unha situación na que ou xestionamos adecuadamente o territorio ou de nada servirá todo o que estamos facendo, consumir recursos en políticas que non son nada eficaces. Temos que preservar o medio ambiente, estáse producindo o cambio climático e os incendios van ser máis duros e graves e a súa extinción, máis difícil.

Pero sobre todo temos unha gran cantidade de territorio que está sen xestionar e hai que xestionalo, hai que plantar, hai que diferenciar, hai que separar, hai que volver ao medio rural. Se se abandona é facilmente inflamable. Todo iso significa que non se poden baleirar os servizos públicos das zonas despoboadas, porque iso aboca a que a despoboación continúe e o envellecemento se cebe. Para iso fai falta planificar e ter idea de país, e hoxe Galicia carece diso.

O Consello da Xunta aprobou recentemente o acordo co Ministerio de Defensa para a Operación Centinela, pero non comeza ata mediados de agosto.

Estamos pensando na extinción, pero a xestión territorial refírese a por que non estás facendo as tarefas de prevención que tiñas que ter comezado en novembro. Hai outro acordo de colaboración para repoñer zonas que foron incendiadas o ano pasado, cuxos traballos tiñan que empezar en novembro, e aínda non comezaron por parte da Xunta.

Se non estamos pensando na xestión do territorio e na prevención, non estamos pensando na extinción. A mellor forma de apagar un incendio é que non se produza. Iso que significa? Que tes que devolver acción territorial e servizos públicos ao medio rural, que está abandoado, desenvolver unha política de utilización do territorio doutro xeito, orientar a Política Forestal Común e a Política Agraria Común pensando en como ocupas territorio, ter unha relación diferente entre a propiedade e a xestión desa propiedade...

O impacto da política nacional no PSdeG

Cambiando de ámbito, como condiciona a política estatal a imaxe que se da do PSdeG?

Eu son socialista, non o nego, e polo tanto formo parte dese partido a nivel nacional e a nivel galego onde trasladamos as nosas peticións, as nosas preocupacións, como nos sentimos por ser socialistas no noso territorio pero con unha visión global.

España vai moi ben a nivel económico e Galicia tamén, aínda que un pouco máis lenta que o resto. Eu non podo permanecer á marxe do que se está facendo desde o goberno de España, non lle podo dicir ao cidadán que o goberno de Pedro Sánchez non lle sentou ben a Galicia, porque lle sentou moi ben. Hai máis achegas por parte do Goberno de España, porque a economía vai ben e xera beneficios que se reparten.

Comparando cifras, non houbo un presidente que beneficiara máis a Galicia que Pedro Sánchez, moito máis que outro galego como Mariano Rajoy. Falo de inversións, de case 1.000 millóns de PERTE dedicados á industrias, dos máis de 4.000 millóns do plan de recuperación do que o PP non quería oír falar en Europa e dos que case a metade asume a Xunta.

A subida do salario mínimo interprofesional, o reforzo do sistema de pensións, as importantes achegas en materia de vivenda... Dende o Goberno de España faise política e mellórase a quen verdadeiramente necesita esas axudas. A sanidade pública tamén forman parte dese salario indirecto do que se preocupa o Estado.

O Partido Socialista, cando hai un problema, non mira para outro lado, afróntao e busca unha solución. O cidadán dase conta cando o necesita: unha baixa se está enfermo, un bo colexio para os fillos ou os cartos que se destinan para ter unha boa pensión se se chega aló. Todos cometemos erros, pero esa política foi moi boa para Galicia e o balance é moi positivo.

"Somos un partido que afronta os casos que nos doen nas nosas propias filas dunha forma decidida. Tomamos decisións, apartámolos, facemos limpeza e pedimos disculpas"

José Ramón Gómez Besteiro, secretario xeral do PSdeG

Esta política vai beneficiar aos alcaldables para as eleccións do 27 ou as polémicas que xurdiron arredor do Goberno central poden perxudicar ao PSdeG á hora de votar?

A gran maioría dos cidadáns están vendo que todos esos fogos artificiais que se xeran son para non falar de se as cousas van ben ou mal. Por exemplo, subimos os salarios pero vemos que a pesar diso hai dificultade para chegar á vivenda. Non miramos para outro lado, corriximos esa situación destinando máis cartos para facer e rehabilitar viviendas.

Esa é a forma de facer política mirando cara adiante; o demais son fogos de artificio para despistar sobre o fundamental, que a xente non se fixe no modelo socialista como un modelo que fundiona e que se reparte entre a inmensa maioría dos cidadáns. Temos que presentarnos como o que somos, como a política que cambia a vida das persoas. Que lle interesa á dereita? Que se fale doutra cousa.

Dito isto, somos un partido que afronta os casos que nos doen nas nosas propias filas dunha forma decidida. Tomamos decisións, apartámolos, facemos limpeza e pedimos disculpas. Que é o que fai o PP? Tapa, confunde, estámolo vendo agora con varios pleitos. Esto non significa 'e ti máis', senón que hai dúas maneiras de gobernar.

Non poderemos evitar que se fale desas cuestións, pero queremos trasladarlles aos cidadáns que iso non nos despista do fundamental, como melloramos e como nos anticipamos aos problemas, como os solucionamos e, sobre todo, como traballamos pensando en como vai a cambiar este mundo nos próximos 10-15 anos.

É unha visión autocrítica, recoñecendo os problemas que hai dentro do PSdeG

Ninguén pode dicir que non vai existir un problema na súa organización. No que nos diferenciamos dos outros é como actuamos cando xorden eses problemas.

Cree que o votante percibe a diferenza entre un partido e outro?

Entendo que sí. En todo caso, por iso explico a diferenza, para que a xente comprenda por que non é o mesmo votar polo Partido Socialista, que reacciona dunha determinada maneira ante algúns supostos. Se detectamos a corrupción, extirpámola, limpamos e pedimos disculpas porque temos unha responsabilidade directa sobre esas cuestións.

Non é o mesmo que un partido que non é transparente ante esos casos, que o intenta ocultar. Vémolo en como reaccionamos ante calquera cuestionamento da nosa contabilidade: abrimos as portas para que, con transparencia, se poidan examinar sin ningún tipo de problema as nosas contas. Outros non fan así, outros rompen os ordenadores a martillazos, poñen mil disculpas ou, como estamos vendo ahora con Jorge Fernández Díaz, din que se enteraron pola prensa.