Festival Ou Yeah!
Ofrecido por:
O festival Ou Yeah! presenta un cartel liderado por Loquillo, Luz Casal, Burning e The Rapants
A segunda edición do festival consolida o seu formato expandido pola provincia de Ourense coa confirmación de lendas do rock estatal e as bandas máis potentes da escena actual
O Festival Ou Yeah! desvelou a súa programación musical completa para 2026, unha proposta que reafirma o compromiso de converter a provincia de Ourense nun escenario vivo e nun destino cultural de referencia. Coa confirmación oficial de Luz Casal e Burning, o certame redondea unha ambiciosa programación que xa contaba coa enerxía de Loquillo, The Rapants e Kitty, Daisy & Lewis.
Co anuncio do seu cartel completo, o Festival Ou Yeah! reafirma a promesa feita na súa primeira edición o ano pasado: non é un evento que aterra en Ourense por azar, senón un proxecto que latexa desde as entrañas da provincia. Ou Yeah! nace e medra co territorio, co rock como fío conductor para conectar artistas, públicos e escenarios na provincia. Unha aposta firme que posiciona a Ourense como un destino con identidade propia.
O festival Ou Yeah! está organizado por Escena Sonora e Thinking Up Events, co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia Turismo de Galicia no marco de Concertos do Xacobeo, da Deputación Provincial de Ourense e do Concello do Carballiño.
Datas e escenarios: Un festival que percorre a provincia e as xeracións
A segunda edición do Ou Yeah! consolida o seu "formato expandido", repartindo as súas principais citas en diferentes datas e enclaves emblemáticos para activar o territorio:
- 6 de xuño (Expourense): A gran cita inaugural co rock lendario de Loquillo, o magnetismo vintage de Kitty, Daisy & Lewis e o fenómeno galego do momento, The Rapants.
- 31 de xullo, O Carballiño (Praza da Veracruz): A recoñecida banda Burning, ofrecerá un concerto gratuíto. O directo terá lugar nun enclave emblemático da vila, reforzando o vínculo do festival coa identidade local.
- 4 de outubro (Pazo dos Deportes Paco Paz): O broche de ouro do festival será o reencontro máis íntimo e universal, pois Luz Casal volve á cidade de Ourense por primeira vez dende 2019.
Con estas incorporacións, o festival non só suma nomes de referencia, senón que reforza a súa idea de unir territorios e épocas.
Loquillo, icona indiscutible do rock estatal con case cinco décadas de traxectoria, chega en plena xira do seu último traballo Corazones Legendarios, cun directo que revisita os grandes éxitos dunha carreira tan influente como extensa. Lidera así un cartel que se completa co magnetismo vintage e mestizo do trío británico Kitty, Daisy & Lewis, recoñecidos polas súas producións analóxicas e por un directo no que transitan con naturalidade entre o blues, o soul e o rock and roll. A proposta complétase coa enerxía desbordante de The Rapants, un dos nomes máis convocantes da nova escena galega, que vén de publicar o seu novo LP Rapants Club e de encher o Multiusos Fontes do Sar na súa estrea ao vivo, consolidándose como unha das propostas máis destacadas e en clara proxección da nova escena.
Burning, lenda do rock estatal, suma máis de catro décadas de traxectoria marcadas por unha identidade propia, canalla e nostálxica, que atravesa xeracións. Liderados por Johnny Burning, reivindicarán na terra do Carballiño unha historia construída entre luces e sombras, convertida xa en patrimonio do rock en español.
E, por último, se falamos dun festival de rock galego, a presenza de Luz Casal convértese en imprescindible no cartel. A artista subirase ao escenario ourensán para presentar o seu último traballo Me voy a permitir, un dos proxectos máis libres e persoais da súa carreira. Cunha proposta escénica que funciona como ponte entre pasado e futuro, o público do Paco Paz será testemuña da súa intensidade emocional, da elegancia da súa chanson e da forza do seu rock.
O festival volverá contar coa colaboración de Cociña Ourense. En cada fito do calendario, os asistentes poderán desfrutar de propostas gastronómicas elaboradas con produto local por chefs da provincia, vinculando a experiencia musical coa identidade culinaria ourensá.
As entradas para a xornada do 6 de xuño en Expourense, con Loquillo, The Rapants e Kitty, Daisy & Lewis, xa están á venda cun prezo de 38 € (+ gastos).
Para o concerto de Luz Casal, que terá lugar o 4 de outubro no Pazo dos Deportes Paco Paz, os tickets poden adquirirse dende 28 € (+ gastos).
Ambos eventos teñen as súas entradas dispoñibles en ouyeah.gal e ataquilla.com. Pola súa banda, o concerto de Burning en O Carballiño será de balde.