Noite Atari, gañadores da quinta edición de Onda Chicha: Divírtenos facer comunidade punk rockeira

Noite Atari, gañadores da quinta edición de Onda Chicha: "Divírtenos facer comunidade punk rockeira" Cedida

Ofrecido por:

Música

Noite Atari, gañadores da quinta edición de Onda Chicha: "Divírtenos facer comunidade punk rockeira"

Formada no ano 2020, a banda compostelana Noite Atari son os gañadores da quinta edición de Onda Chicha. Cun estilo influenciado polo punk rock e o power pop estadounidense, este 2026 veu á luz o seu novo EP "Happy", con catro novas cancións en galego

Máis información: Onda Chicha: A nova onda de talento galego

Publicada

A quinta edición de Onda Chicha xa coñece aos seus gañadores: a banda compostelana Noite Atari. Cun estilo influenciado polo punk rock e o power pop estadounidense, o grupo conta cunha traxectoria xa formada no panorama musical galego formada por músicos procedentes doutras bandas musicais.

Formada no ano 2020, Noite Atari conta con tres traballos publicados, Pais ausentes (2023), Normal (2024) e o seu recente EP Happy (2026), que conta con catro novas cancións en galego nas que a banda experimenta con novos sons. En Quincemil falamos con Dani e Miguel sobre este recente recoñecemento, sobre o novo EP e tamén sobre a traxectoria do grupo.

Como foron os inicios de Noite Atari?

Miguel: Dani curraba nunha tenda de videoxogos co tempo fomos facendo relación e un día díxome que tocaba a batería e sempre dicíamos de formar un grupo.

Dani: Atopámonos, creo que en fin de ano de 2019, e díxenlle "A ver ese grupo!" e foi así como nos xuntamos

Miguel: Empezamos a ensaiar e tivemos que parar polo COVID. O guitarrista co que empezaramos vivía en Ames e co peche perimetral ensaiamos 4 ou 5 veces. Despois do peche perimetral, pouco fixemos, tivemos un par de cambios de formación, o que supón estar ensinando as cancións aos novos. Avanzamos lentos, pero avanzamos.

Como definiríades eses inicios?

Miguel: Moi cambiantes porque tamén ao principio tiñamos unha rapaza que cantaba, a Claudia. Tivo tamén algún problema na voz e non puido seguir connosco, así que collín eu a voz, para desgraciados. Despois, claro, quixemos meter a Álex de segundo guitarrista para ter unha guitarra rítmica, o que supón ensinarlle as cancións. Despois, Álex tivo que marchar, foi cando introducín eu as cancións. Despois, tivo que marchar e Álex volveu, e eu tiven que ensinarlle as cancións para a guitarra principal. Levamos un ano cunha formación estable xa.

Temos o grupo para xuntarnos. Ensaiamos normalmente os martes aí á metade da semana para desestresar e todo o que veña de gravar, de ir tocar e demais. Divírtenos tocar, coñecer xente mentres tocamos, facer comunidade punk rockeira de toda a vida.

Dani: A xente que vén nova incorpórase moi ben, ve como é a cuestión, gústalle e quérese adaptar. Despois, calquera que entra vai aportando un pouco, o seu estilo e o seu propio son, pero non hai un cambio que diga: "Ben, pois agora pasamos disto a algo tal...".

E como definiríades o voso estilo e como inflúe a vosa hora de compoñer?

Miguel: Creo que nos lembramos un pouco do que é o punk rock californiano, como Green Day, Blink-182 ou Sum 41. Basicamente, pois, iso mesturámolo un pouco. Tampouco hai ningún que se exclúa e tampouco facemos unha cousa que sexa moi parecida, moi similar a ningunha das bandas que escoitamos. Non é que realmente copiemos cancións directamente.

Dani: Moitas veces o que facemos tamén é compoñer, principalmente letras, sobre todo Miguel, pero tamén, cando chegas ao local de ensaio, non te pos a ensaiar tal cual. Tocas un pouco e... "Que é iso?", "Algo que inventei eu", pois traballamos sobre iso e xa van saíndo cousas.

Como foi o proceso de creación do voso último EP Happy?

Miguel: Non tiñamos diñeiro para gravar todo o que queriamos, tiñamos nove temas e gravamos catro. Seleccionamos unhas cancións que nos gustaban dese momento e dixemos: "Pois gravamos estas agora e gravamos estas despois".

No mesmo momento da gravación, nin sequera tiñamos o nome do EP nin nada do estilo. Pareceume guai facer unha foto a un cartel medio happy que tiñamos saído dun aniversario ao que foramos unhas semanas antes. Encaixaba un pouco irónicamente coa temática das cancións tamén, porque son happys, pero non.

Que diferenzas atopamos con outros dos vosos EPs?

Miguel: Fixemos algunha novidade como meter unha canción country, cowpunk, por chamarlle dalgunha forma, na que metemos un banjo e todo. E fixemos Insectos, que é unha canción así un pouco máis tranquila, máis lenta, máis explícita, máis Radiohead, máis triste.

Que buscades transmitir coas vosas cancións e nos vosos concertos?

Miguel: Persoalmente, cando escribo as letras, máis que transmitir ou querer provocar ou conseguir algo na persoa que escoita, digo como me sinto eu, é bastante egoísta, pero escribo para min.

Dani: Nos concertos seguro que o único que falamos co público é "Ola, grazas por vir" e unha canción detrás da outra. Preparámonos por bloques para enlazar un par de temas. O que toca a batería necesita hidratarse e secarse, facemos os chistes para que descanse, basicamente. Despois somos simpaticotes en directo, pese a todo, non todo é tristeza.

Como músicos galegos e en galego, como vedes o actual panorama musical en galego?

Miguel: O tema en galego case non foi expresado en galego para intentar cantar, en inglés ou en outro idioma. Houbo tamén uns tempos de censura e manipulación lingüística en Galicia, que fixo que os novos grupos non saísen antes.

Dani: Hai unha predisposición e en estilos tampouco hai un nexo común. Antes tiñamos o Xabarín Club e todos nos copiábamos e faciamos ese tipo de música ou escoitabamos ese tipo de música, pero agora chega xente de toda Galicia facendo estilos que non escoitara na vida. Nos últimos anos, creo que Tanxugueiras abriron unha porta para o recoñecemento fóra de Galicia e romper un pouco o tabú a nivel estatal de cantar en galego e normalizalo.

Referido a quinta convocatoria de Onda Chicha, sodes de presentarvos a premios?

Miguel: Non, e moito menos de gañar. Non me lembro moi ben como nos presentamos, seguramente alguén o comentara no ensaio. Cando saíu estaba de viaxe e tampouco estaba atento ás redes sociais, pero fainos moita ilusión.

En concreto, este concurso que conta con participación do público, permite ademais conseguir á xente moita visibilidade, con entrevistas, directos, concertos e a posibilidade de gravar un EP que, como dixen antes, somos pobres. A cousa é que compensa claramente.

Dani: Hai moitas veces que se utiliza os concursos de bandas e toda esta historia a modo de "me monto un festival", a base de gratuidade e de que a xente poida tocar "no meu festival".

Unha das bandas gañadoras poderá tocar na Sala Capitol, como o levades?

Miguel: Nunca me puxen nervioso á hora de tocar nin de gravar. A Capitol está moi guai, soia moi ben, é en Santiago, é unha sala que nos gusta, pero non imos cambiar ningún repertorio, nin a sensación, nin nada comparado como cando toco nun pub ou nun centro social, porque a xente que nos vai ver é a mesma.