Lisdexia.

Lisdexia. Cedida

Ofrecido por:

Música

Lisdexia, gañadores da primeira edición do Ondachicha: "A banda atópase no mellor momento"

O grupo muradán Lisdexia proclamouse vencedor da primeira edición do Ondachicha, unha iniciativa impulsada polo local Chichalober e Radio Líder Santiago para dar visibilidade ao talento musical emerxente galego

Máis información: Lisdexia, gañadores da primeira fornada do Ondachicha en Galicia

Publicada

Fai unhas semanas nacía a iniciativa Ondachicha, impulsada polo local compostelán Chichalovers e Radio Líder Santiago co obxectivo de dar visibilidade a grupos galegos musicais emerxentes. O proxecto xa ten os seus primeiras gañadores: o grupo muradán Lisdexia.

Formado por cinco amigos, o grupo móvese nos ritmos do punk e do rock e xa publicou o seu segundo EP, Esclavos do baile, con temas como Ay Gayego, Arrincadeira ou Esclavos do baile. Fran Trillo, vocalista do proxecto, fala en Quincemil deste recoñecemento e da traxectoria de Lisdexia.

Cando e como nace Lisdexia?

Nace a finais de 2016, éramos, e seguimos sendo, cinco amigos. Aquí en Muros sempre foi como un fervedoiro de grupos de música, sempre houbo música e nós éramos uns chavales que víamos como os máis grandes tiñan o seu propio grupo e nós queríamos ser un poco coma eles.

Quedábamos na casa de Fran (guitarrista do grupo), nun faiado, e pouco a pouco, iamos facendo cancións chorras, ata que fomos quedando máis e facendo cancións un pouquiño máis serias.

O voso estilo vai desde o punk e garage, con ritmos de pop ou máis tradicionais. Como evolucionou este estilo desde os vosos inicios ata agora?

Antes éramos máis punkis, máis antisistema, de criticar todo con moitísima crítica social, con referencias como grupos de Nao, Dakidarría ou Terbutalina. Sempre foi bastante garage, bastante punk.

Nestes últimos discos queremos experimentar máis xéneros. No anterior metemos cumbia, neste metemos un pouco de tradi, un pouco de pop. En realidade, non nos pechamos a ningún estilo musical, pero sempre cun toque de garage que nos caracteriza bastante.

Que incluencias, grupos ou artistas maracaron o voso sonido?

Sobre todo Terbutalina, sempre o dicimos, para nós son como os nosos pais. Tamén grupos máis internacionais como The Hives, ou de aquí como Familia Caamagno ou Novedades Carminha.

Agora fomos crecendo e madurando, e cada un ten un poquiños máis gusto, hai unha parte que lle gusta Carolina Durante, hai outra que lle gustan máis grupos internacionais como Guns N'Roses ou Iron Maiden. Tratamos de coller un poquiño de cada e inspirarnos, básicamente.

Non nos pechamos a ningún estilo musical, pero sempre cun toque de garage

Fran Trillo, vocalista de Lisdexia

Que buscades transmitir coa vosa música?

Queremos transmitir o que nos gustaría ver: enerxía, pasalo ben. Fomos transicionando bastante, ao principio éramos chavaliños. Cando empezamos a facer o primeiro disco, que agora mesmo o baixamos das redes e témolos nós gardado, era todo carga política e crítica social. Ao final queremos transmitir diversión, movemento e enerxía.

Sempre buscándolle un pouco de retranca para criticar porque a música é un altofalante moi grande, e ter a oportunidade de que che escoite xente é bastante importante para queixarte das cousas que están mal. Todo o que poidas queixarte, que che pareza mal a ti, e que seguro que lle parece moi mal a outra xente, é moi importante transmitilo.

Sodes os primeiros gañadores de Ondachica, que supón para vós este recoñecemento?

Para nós sempre está moi guai gañar, que che dá un impulso grande. Ao final, nós empezamos a tocar gañando un concurso do Rock in Vila, un festival que tamén nos deu ás para seguir nisto.

Non nos adoitamos presentar a concursos, pero este saíume en Instagram e pareceume bastante guai. Aparte, este ano foi no que realmente vemos que foi o impulso de profesionalizarnos un pouco máis e todas as cousiñas que van saíndo son oportunidades. Darte máis a coñecer é unha oportunidade guai.

Estas iniciativas están moi ben para darche abrir camiños e, pouco a pouco, chegar a onde queres chegar.

Fran Trillo, vocalista de Lisdexia

Como de importante son estas iniciativas para impulsar o voso porxecto?

Isto é moi importante, xa non só para nós que , aínda que seguimos sendo emerxentes, levamos tocando unha chea de anos e temos xa un público pequeno, aínda que non é un público xigante, é bastante consolidado. Está guai para bandas que realmente son rapaces, que comezan como nós con 16, 17 anos, que empezan da nada e é dificilísimo abrir un camiño nesta industria. Ao final hai cinco ou sete grandes e moitísimos millóns de grupiños como nós que se teñen que abrir un oco nisto.

Estas iniciativas están ben porque, aínda que non escoite a túa música, escoitan o nome. Nós, por exemplo, si non gañáramos o concurso do Rock in Vila, que foi o primeiro festival ao que fomos, non habería ese impulso para chegar a un festival. É superdifícil chegar a un festival, porque antes eran asociacións de festivais, de amigos, agora é case todo empresa, está todo pechado e privatizado.

Se non tes alguén que te mova ben, é supercomplicado abrirte paso. Entón estas iniciativas están moi ben para darche abrir camiños e, pouco a pouco, chegar a onde queres chegar.

Levades un verán xirando por festivais e agoran tocan as salas. En que momento se atopa a banda nestes momentos?

Todos os da banda estamos traballando noutras movidas. Compaxinar coa música é, ao final, o que digo sempre: pedir vacacións para traballar outra vez. Foi un verán bastante bastante movido e estamos encantados con todos os festivais e organizacións que contaron con nós.

A presentación do disco, desde que o presentamos en maio, tivo unha acollida incrible. Agora toca nas salas, que se están vendendo bastante guai e en sitios aos que nunca fomos, como Ourense ou Vigo. Agora mesmo, eu creo que a banda se atopa no mellor momento desde que os creamos.

Estamos pensando en sacar un disquiño a finais de 2026 e seguro que vai ir a mellor. Non nos esperabamos isto, a verdade.

En 2026 terá lugar o Chichafest na Sala Capitol, unha das salas de concertos máis emblemáticas de Compostela e de Galicia. Como o afrontades?

Para min, no mundo da música, é o meu soño por cumprir: encher unha Capitol, tocar onde vimos miles de concertos dos grupos que admiramos. Sempre dixen, teño dous soños no mundo da música: tocar no Castelo Rock, que xa o cumprimos, e tocar na Capitol, que tamén o cumprimos. Afrontámolo con moita ilusión, con moitas ganas.

A Capitol é a Capitol, son palabras maiores. Non dubidamos de que se van presentar grupos incribles nestes meses, que se poden apuntar ata maio, pero nós estamos confiados en que podemos ir, en que podemos gañar e compartir o escenario con colegas que están aí tamén, que son xeniais.

Teño dous soños no mundo da música: tocar no Castelo Rock, que xa o cumprimos, e tocar na Capitol, que tamén o cumprimos.

Fran Trillo, vocalista de Lisdexía