Sés, cantautora coruñesa, no seu barrio de Elviña

Sés, cantautora coruñesa, no seu barrio de Elviña Quincemil

Ofrecido por:

Música

Sés, cantautora coruñesa: "Faime motísima ilusión actuar nas festas dos barrios da Coruña"

A cantante volve aos escenarios da súa cidade o vindeiro 16 de agosto como parte das festas de Oza-Gaiteira-Os Castros

Te puede interesar: Dónde comer en A Coruña, según la cantautora Sés

Publicada

María Xosé Silvar (A Coruña, 1982), máis coñecida como Sés, leva quince anos enriba dos escenarios chegando ao corazón das persoas coas súas letras. "Gústame a xente, por iso me inspiro moito nela", explica a cantautora criada no barrio de Elviña.

De feito, o seu barrio marcou un antes e un despois no seu xeito de ver o mundo: "Os lugares son a xente. Vivín vinte e pico anos en Elviña e lémbroos cun amor infinito. Aquí está a miña familia, os meus amigos e todo ese conxunto de persoas que te coñecen desde que naciches e te viron medrar".

Sés define a súa música coma unha mestura de estilos moi diferentes, "unha converxencia entre estilos e artistas" que a marcaron moito. "Desde a música tradicional galega da que veño, e na que me criei, ata os cantautores latinoamericanos do século XX o rock and roll e o punk".

Cando lle preguntan por unha figura á que admire, non o ten que pensar dúas veces: Mercedes Peón. "Foi quen revolucionou a música tradicional galega e a figura da muller neste campo. Rompeu con todo o establecido, pero desde un liderado natural, non impositivo, moi humano polo seu carisma e talento".

"Os lugares son a xente e as miñas cancións están inspiradas na xente"

Sés, cantautora galega

A coruñesa explica que non hai lugar no que non lle faga ilusión tocar. "Os escenarios non son a xente, son simplemente sitios. Nunca sabes onde vai a haber persoas que desfruten un montón da túa música", sinala. Ademais, para ela non existe audiencia pequena: "Eu toquei para 15.000 e para 15 persoas, e quizais desfrutaron máis os 15 ca os 15.000".

O vindeiro sábado 16 de agosto, Sés subirá ao escenario das festas dos barrios Oza-Gaiteira-Os Castros na Coruña, un evento que lle fai "moitísima ilusión" porque "foron os propios veciños os que decidiron que querían que fose a tocar para eles". Neste sentido, sinala que é algo "máis humano" xa que hai unha vontade directa de vela cantar.

"A verdade é que este ano teño concertos moi chulos, formo parte dos corenta anos da Carballeira de Zas e tamén vou estar nas festas dun barrio moi próximo ao lugar onde me criei", di a artista. "Fai anos toquei en Monte Alto e en María Pita e a ilusión de tocar na Gaiteira é a mesma, porque o que valoro é a xente", recorda Sés.

"Un oficio soamente se aprende traballando. E facer cancións é igual"

Sés, cantautora galega

O público pode agardar nesta cita un percorrido polos seus temas máis queridos. "Sempre escollo en base ás cancións que sei que o público lles ten máis cariño, porque cando eu vou a un concerto doutra persoa tamén quero escoitalas", conta.

Himno do Castelo Conta

Sés mudou o ritmo de vida na cidade pola calma e a tranquilidade da aldea e, desde hai uns anos, vive moi preto de Castelo, en Culleredo, o lugar onde cada verán se celebra o Festival Castelo Conta. Hai uns seis anos actuou nel e compuxo unha canción como mostra de cariño para a veciñanza da parroquia, que este ano, con motivo do décimo aniversario do festival, se converteu no seu himno oficial.

"Teño moitos amigos nesa aldea, xente á que quero moito e que considero familia", explica a cantante. "Cando me mudei, a miña casa era moi humilde, caía a cachos, e os veciños axudáronme un montón", engade entre risas.

Conta que a canción naceu porque o seu compadre vive en Castelo, e que o foi visitar antes de actuar no festival. "Díxenlle: 'Ei, Manolo, dime todos os lugares de Castelo, que lle vou facer unha canción para a xente maior de alí'". A súa intención era compoñer unha canción pensada especialmente para a xente maior do lugar, cun ton de foliada e de música popular galega.

"Fala de como dou un paseo por todos os lugares da parroquia e despois chego xunto do meu compadre e seguimos conversando. É como unha historia de que subo desde a miña casa ata Castelo", explica a coruñesa.

Novo disco e xira en camiño

O próximo traballo da artista verá a luz o vindeiro mes de novembro: un disco que segundo sinala Sés, será "máis acústico e con percusións", no que van a aparecen diferentes tipos de guitarras. "Vai a estar moi centrado no texto, no que é a canción, con pouca produción porque estou bastante saturada da sobreprodución que hai agora mesmo na música. Hay veces só hai sons e falta materia prima".

Por suposto, a artista adianta que haberá unha xira, que aínda está ultimando, por teatros de toda Galicia e con paradas en Madrid, Barcelona e Valencia.

Por último, explica que aínda que "abraza a todas as Sés dos últimos anos" e aos seus diferentes traballo seríalle imposible escoller un disco favorito: "Non son moito de escoller nada". Iso si, recoñece que houbo un que marcou especialmente o seu xeito de facer música, Liberar as arterias. "Un oficio soamente se aprende traballando. E facer cancións é igual", conclúe.