O artista galego Mondra.
Ofrecido por:
Mondra, artista galego: "É un reto absoluto actuar na praza máis linda da Coruña"
O cantante forma parte do cartel do Festival Noroeste e tocará en María Pita cun estilo que bebe da tradición oral e cancións que exploran "a mocidade, a aceptación, o amor propio ou a sexualidade"
Más información: Guía completa para disfrutar del Festival Noroeste Estrella Galicia 2025 A Coruña
Sabe cantar, sabe bailar e sabe tocar a pandeireta. Mondra (Recesende, 2000) recoñece que tocar música tradicional galega é o "primeírismo" que aprendeu na vida. Agora, con 25 anos, o galego acaba de lanzar o seu segundo álbum, De Ronda, e é un dos artistas que conforma o cartel do Festival Noroeste Estrella Galicia 2025.
Cun estilo musical que define como "sen prexuízos" e no que os seus "valores e vivencias" constrúen o seu relato musical, o artista actuará este xoves ás 22:45 horas en María Pita.
Que supón ser parte do cartel do Festival Noroeste?
Ilusión máxima. Non só é un dos festivais máis importantes da Coruña e de Galicia, senón que é exemplo de diversidade e trouxo a Galicia propostas internacionais moi interesantes. É unha sorte contar cun festival como o Noroeste no país. Faime máis ilusión aínda poder facelo con A Ronda, o novo espectáculo do meu segundo traballo.
Actuarás en María Pita, que non é o escenario habitual para o Noroeste. É unha honra ou engade máis presión?
É un reto absoluto. É a praza máis linda da Coruña e, como compostelán, non podo evitar facer a comparación e digo: "Ai mi madriña, que vou cantar na Quintana da Coruña!". Estou moi feliz de poder facer esa praza cun proxecto que ten xa un percorrido de tres anos e é moi ilusionante.
O artista galego Mondra.
Que pode esperar o público coruñés da túa actuación?
A Ronda é un espectáculo sobre todo divertido. É unha celebración absoluta e constante onde transitar polas novas cancións de De Ronda e tamén as de Ardén, o meu primeiro traballo. Somos sete en escena e é un espectáculo que aposta pola música en directo onde a voz e as percusións están no centro, mais tamén hai unha coidada posta en escena. A danza está presente de novo. É un tránsito ben divertido e irreverente polas miñas cancións. É unha honra poder facelo en María Pita.
O teu estilo ten moito peso visual. Será tamén así o espectáculo?
Si, iso sempre. Da man de Daniel Rodríguez, o director escénico de A Ronda, e do coreógrafo artellamos durante case dous meses este novo espectáculo cunha posta en escena moi coidada da man da danza e dunha chea de elementos visuais.
Cal é a clave da túa música?
Sempre me defino como cantareiro e bailador. Penso que o máis definitorio da miña música é que sempre establece dalgún xeito un diálogo, en cada caso diferente, coa nosa tradición oral galega.
A música das cantareiras é unha fonte de inspiración para ti?
Por suposto. É a miña linguaxe máis primaria. Bailar e tocar a pandeireta é o primeirísimo que aprendín nesta vida, así que é natural para mín establecer o diálogo desde aí. E tamén me axuda a construir un proxecto no 2025 que estea apegado a nós, á terra e á lingua.
Bailar e tocar a pandeireta é o primeirísimo que aprendín nesta vida
Que evolución vemos de Mondra en 'De Ronda'?
É un novo diálogo desde a tradicional oral galega. É un disco máis orgánico, máis fresco, onde os elementos da tradición se relacionan cunha chea de instrumentos orgánicos. Unha chea de instrumentistas pasaron ao longo de dez meses polo estudo e fixeron posibles estas cancións, que están construidas con moito agarimo e coidando o proceso.
Son 11 cancións que me gusta chamar "estados do corpo". Penso que son un compedio que transita pola celebración e o valor da mocidade e tamén pola aceptación, o amor propio ou a sexualidade e a xente pode empatizar con todos eses estados.
Co éxito de artistas coma ti, cres que podemos falar dunha nova música tradicional galega?
É algo complexo. Emprégase a etiqueta de trad e supoño que as etiquetas son precisas. É moi lindo vivir este momento doce para a música tradicional galega porque a música e o baile están na socialización, nos bares, nas festas... Coido que iso é un éxito, integrar nas nosas vidas algo tan noso como as músicas de pandeiretas ou o baile.
A xente integra a música tradicional no día a día dunha maneira que non conseguiramos ata agora
Iso repercute nos proxectos musicais. Para min o máis importante é que a xente integra a música tradicional no día a día dunha maneira que non conseguiramos ata agora. É algo a celebrar. Estannos observando con curiosidade desde Madrid ou desde fóra de Galicia, como un panorama moi diverso onde todos os estilos teñen cabida sen esquecer quen somos e poñendo a nosa tradición oral no centro.
A inclusión desta música en festivais como o Noroeste ou as Festas de María Pita son mostra de ata onde chega a tradición oral galega hoxe en día?
Supoño que si. É marabilloso a diversidade de público á que estamos chegando. É algo que sempre celebro. E a ver que acontece nos próximos anos con isto, pero dende logo que se nos teña a nós neste tipo de propostas é algo que temos que celebrar. E nos agradecidísimos, claro.