World Chase Tag - Compostela Street 2026.
Ofrecido por:
Organizadores do Compostela Street: "Queremos que Santiago sexa referente nacional da cultura urbana"
O Compostela Street pecha a súa segunda edición con máis de 12.000 visitantes e competicións nacionais e internacionais, consolidándose como un referente da cultura urbana en Santiago
O que comezou como a recuperación da esencia do antigo Compostela Skate converteuse en só dúas edicións nun festival multidisciplinar que reúne skate, breaking, graffiti, música urbana e novas disciplinas deportivas no Campus Sur de Santiago. Compostela Street celebrou este ano a súa segunda edición cunha programación de tres días, acceso gratuíto e máis de 12.000 visitantes, ademais de competicións como o Campionato de España de Breaking, o Freestyle Football ou o World Chase Tag.
Falamos cos responsables do festival para coñecer como se xestiona un evento destas dimensións, cal foi o balance desta edición e cara a onde queren levar Compostela Street nos próximos anos.
O Compostela Street nace collendo a testemuña do antigo Compostela Skate. Con que visión decidistes recuperar ese concepto e transformalo nun festival multidisciplinar?
O antigo Compostela Skate tiña unha esencia incrible, pero pertencía a unha época onde os deportes e as artes urbanas aínda funcionaban en compartimentos separados. A nosa visión ao coller a testemuña foi instaurar na capital de Galicia un evento urbano referente a nivel nacional onde o skate convivise co breaking, o graffiti, a música urbana e os novos deportes de impacto.
Como foron eses primeiros pasos de xestión para convencer a institucións e patrocinadores de que Santiago precisaba un evento destas características?
O principal reto foi demostrar que a cultura urbana xa non é un nicho periférico, senón que este tipo de eventos actualmente responden a unha grande demanda, que en moitos casos non está cuberta coa oferta cultural e deportiva existente. Os orzamentos participativos Compostela Decide foron outro indicador para validar que a propia veciñanza e a mocidade de Santiago demandaban estes contidos. Por outra banda, o patrocinio da Concellaría de Mocidade do Concello de Santiago de Compostela fixo posible a posta en marcha e ampliación do festival coa celebración da segunda edición.
O Campus Sur no entorno das pistas deportivas son o corazón do evento. Que ten esta localización para ser o escenario perfecto?
O Campus Sur ten unha maxia única: reúne centralidade, amplitude e un contorno verde no centro de Santiago. O Campus bríndanos infraestruturas deportivas e espazos ao aire libre, configurando un espazo perfecto para a realización de eventos multidisciplinares. Ademais, a súa conexión histórica coa vida universitaria e a mocidade fai que o festival se sinta no seu hábitat natural.
Lograr unha repercusión masiva con só dúas edicións non é habitual. Cal diríades que é o "ingrediente secreto" da vosa estrutura organizativa para coordinar tantas disciplinas á vez?
Non hai máis segredo que a especialización e a paixón de quen lidera cada área. A estrutura organizativa funciona de xeito modular: contamos con coordinadores expertos en cada disciplina (dende a competición federada de Breaking ata o Freestyle Football ou o Chase Tag) que traballan en rede. A clave do éxito é a comunicación constante, a anticipación loxística e entender que cada disciplina ten as súas necesidades técnicas específicas. O nexo entre Cultura Urbana Shop e Vella Escola que está na dirección do festival suma máis dunha década detrás da organización de eventos deste sector.
Este evento conta con 3 días de ampla programación e o acceso é de balde para o público. Como se sostén o modelo económico deste festival?
Manter un modelo 100% de balde sen perder calidade require unha estratexia de cofinanciamento moi equilibrada. Combinamos o patrocinio público (Concello de Santiago, Xunta de Galicia) con programas subvencionados (Deputación da Coruña) e con patrocinadores privados que atopan no evento unha plataforma directa para conectar co público mozo. A isto sumamos os retornos indirectos xerados polas zonas comerciais, a área gastronómica e o street market. Cada euro de investimento rediríxese integramente a garantir unha produción técnica de primeiro nivel e ofrecer unha programación á altura dun evento que pretende ser referencia internacional no ámbito da cultura urbana e os deportes extremos.
Esta segunda edición trouxo campionatos internacionais e nacionais como o World Chase Tag, o Breaking ou o Freestyle Football. Que balance facedes da acollida do público e do nivel das competicións?
O balance é inmellorable, superando os 12.000 visitantes e batendo récords de participación. O nivel técnico foi altísimo: acoller o Campionato de España de Breaking, a cita internacional de Freestyle Football co subcampión do mundo no xurado, e o Chase-Off™ de World Chase Tag situou a Santiago no mapa internacional destas disciplinas. A acollida do público foi espectacular, mesturando tanto a afeccionados especialistas como a familias completas.
Se tivésedes que escoller un instante ou unha imaxe concreta deste Compostela Street 2026 que vos fixera dicir "pagou a pena todo o esforzo", cal sería?
Sen dúbida, o momento máis emotivo foi ver o Campus Sur completamente cheo durante a tarde do sábado durante as probas deportivas e tamén nas noites do venres e sábado durante os concertos.
Cal foi o maior desafío loxístico ou de última hora que tivestes que enfrontar durante o fin de semana?
Ao xestionar máis de 10 disciplinas simultáneas ao aire libre, o gran desafío sempre é a intemperie e os axustes técnicos entre disciplinas con requirimentos moi distintos. Montar e supervisar o Quad™ homologado do World Chase Tag, executar o sistema electrónico de puntuación do Breaking ou realizar as probas de son dos concertos nos descansos sen interferir nas competicións deportivas requiriu unha precisión cronometrada, para garantir que ningunha disciplina solapase o protagonismo da outra. O equipo de produción traballa como un reloxo suizo e isto é unha das claves do éxito deste evento.
Despois do éxito desta segunda edición, onde está o teito do Compostela Street? Que liñas de traballo tedes xa sobre a mesa para o 2027?
Máis que buscar un teito en canto a volume de xente, buscamos o teito en canto a calidade, experiencia e impacto social. Para a edición de 2027 estamos con miras a ampliar o circuíto de competicións internacionais, reforzar aínda máis a programación artística e musical, e incorporar novas disciplinas emerxentes no ecosistema de deportes urbanos. Tamén queremos potenciar a área formativa durante os días previos con máis talleres.
Como imaxinades o Compostela Street de aquí a 5 anos?
Imaxinámolo consolidado como un dos grandes festivais referentes de cultura e deporte urbano de España. Un evento de cita anual de referencia para os mellores artistas da escena, pero sen perder nunca o seu ADN orixinal: un festival de acceso libre, inclusivo, aberto a todos os públicos pero sen perder o seu carácter propio.