Martín Varela, ilusionista galego e creador de 'Reiventio': "A xente non se espera o que vai ver"
Ofrecido por:
Martín Varela, ilusionista galego e creador de 'Reinventio': "A xente non se espera o que vai ver"
O espectáculo chega ao seu fin o 17 de xaneiro no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela, despois de percorrer os grandes escenarios galegos cunha gran acollida por parte do público nun espectáculo que une danza, maxia e artes circenses
Máis información: El espectáculo gallego 'Reinventio' une magia, danza y circo: ciudades, funciones y fechas
En 2022 nacía Inventio, un espectáculo de gran formato que unía drama e comedia á vez que o público podía gozar de actuacións de danza, ilusionismo e artes circenses e que tiña como punto de partida o último ano santo do século XXI,o 2094.
Tras percorrer os grandes escenarios galegos, e tamén polos de España e Portugal, este 2025 o espectáculo reiventouse dando lugar a Reinventio, unha exhibición que tamén une maxia, danza e artes circenses. O vindeiro sábado, 17 de xaneiro, pechará outra gran xira que, como no anterior espectáculo, gozou dunha gran acollida por parte do público. Será no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela e as entradas están á venda en ataquilla.com.
Martín Varela, ilusionisto galega, está detrás da dirección artística de ambos proxectos e en Quincemil falamos con el para explicar a acollida do proxecto, así como todo o traballo que ten detrás un espectáculo que une tantas disciplinas.
Cando comezaches en isto do ilusionismo?
Cando era pequeno, aquí en Ferrol, que é de onde son, os meus pais levábanme moitas veces a ver teatro, a ver danza, a ver circo e demais. Entón eu namorei do mundo do circo desde esa. Debía de ter cinco ou seis anos cando comecei xa coa teima de que quería ver todos os circos que viñan por aquí.
Despois, máis adiante, con sete ou oito anos, vin actuar aquí a Juan Tamariz, en Ferrol. Mais tamén vin un espectáculo do Mago Antón na Coruña, que me marcou moitísimo. A partir de aí xa empecei e fixen o meu primeiro espectáculo con dez anos.
Como foi ese proceso de formación para chegar ata onde estás agora?
A maxia ten moito de autodidacta. Entón, eu puiden ir mergullando, atopando, ir facendo a miña biblioteca máxica de libros, de DVDs, de todo. Ensinanzas que outros magos comparten coa comunidade máxica e, a partir de aí, puiden empezar a facer todo isto.
Si que é verdade que fixen un curso moi breve en Madrid, na Escola da Filla de Juan Tamariz, na Escola de Ana Tamariz. Pero a verdade é que a maior parte da miña formación e investigación foi sempre así, pola miña conta, ten moito de solitario este traballo.
Como nace a idea de crear Inventio?
A min xa me gustaban todas estas artes. Eu practiquei ximnasia rítmica, que isto é algo que moita xente non sabe, pero era dos poucos rapaces que faciamos ximnasia rítmica daquela cando era novo. Tiñamos clase de ballet tamén co cal xa a miña atención pola danza era diferente.
Eu sempre crin que estas disciplinas podían convivir moi guai no escenario, que hai cousas que ten o circo que a maxia non ten e que a complementa, e viceversa. E, sobre todo, que podía ser moi interesante intentar ou pretender que o espectador perda a noción do que está a ver.
Moita xente estanos a dicir agora "é que é como máxico todo, non é só o que fas de efectos de maxia, é que é como máxico todo, é moi bonito, a música é moi envolvente". Os números de danza ás veces desdibúxanse e convértense en números de maxia, etc.
Como director artístico, como preparas un espectáculo para que encaixe todo á perfección con tantos profesionais e con varias disciplinas?
Fixemos Inventio, que foi o primeiro espectáculo que fixemos no 2022, e agora estamos con Reinventio, que é como unha nova volta de torca a esta formulación.
Si que é verdade que realmente o que me atopo é que, se tes unha idea moi forte, como que todo o resto do equipo se acopla moi ben á idea orixinal que teño eu, que non é outra que facer convivir estas disciplinas, dándolles a cada unha o seu momento e envolvendoas todas nun paquetiño con lazo, que todo este ambiente máxico rodee o que se está presentando no escenario.
Ademais, é que a historia que envolve o espectáculo, que é a historia dun mago, que son eu, que perde a súa ilusión e que a recupera a través da propia arte, é algo que apela a todo o equipo creativo e a todo o elenco.
É moi doado que se unan ao carro porque todos vivimos iso. Diría que todas as persoas, especialmente as persoas que nos dedicamos ao mundo artístico no noso día a día, temos que reinventarnos constantemente. Temos que obrigarnos ou forzarnos ás veces a ilusionarnos, e nese forzarnos a ilusionarnos, ilusionámonos de verdade.
Está moi guai, porque é como un exercicio tamén de crer nesa ilusión. Eu creo que consigo contaxiar moi ben iso ao resto do equipo e, despois, o equipo é moi receptivos.A verdade é que todas as ideas como que van collendo forma sobre a marcha moitas veces.
"Todas as persoas, especialmente as persoas que nos dedicamos ao mundo artístico no noso día a día, temos que reinventarnos constantemente"
Que diferenzas pode atopar o público en Reinventio conforme a Inventio?
Hai moita xente que nos di: "Ah, pero é unha segunda parte de Inventio?". E é como non, realmente non é unha segunda parte.
É outra historia completamente diferente, porque en Inventio contabamos unha historia así como moi metafórica, na que a historia se situaba no 2094, o último Ano Xacobeo deste século, e como que se perdeu o camiño, perdeuse Galicia, e a través do espectáculo recuperamos todos eses elementos e como que se reconstrúen simbolicamente.
Porén, aquí a analoxía que podería haber é que aquí nos perdemos a nós mesmos, como que é unha viaxe moito máis profunda, interior. E esta arqueoloxía que se fai, que en Inventio era como máis cos elementos externos, é máis cos elementos internos.
Eu no espectáculo pido aos espectadores que se poñan unhas lentes da imaxinación, que se poñan unhas lentes de fantasía. Realmente vou vendo, desde o escenario, como ao longo do espectáculo as caras do público van cambiando. Empezamos cun público que hai nenos e hai adultos e acabamos cun público que son todos nenos, uns máis grandes que outros, pero todos nenos.
En Reinventio a historia ten moita máis presenza, a colaboración entre as disciplinas e a fluidez do xeito en que se desenvolven os acontecementos é moito maior. Eu creo que este é un espectáculo moitísimo máis envolvente.
Que reaccións estás a ver do público cando ve Reinventio?
É unha cousa moi guai a que está a pasar, que é moi difícil para nós contar o que é Reinventio. Hai unha parte moi grande de público que fai un exercicio, que de feito eu agradezo cada noite, de confianza en nós, porque decididen ver algo que non sabe moi ben o que é.
Non é un espectáculo de danza, pero si que o é. Non é un espectáculo de maxia, pero si que o é. E non é un espectáculo de circo especificamente, pero tamén o é, tampouco de teatro, pero hai unha parte teatral tamén. Facemos como unha especie de caldo estraño, que é moi difícil de comunicar de xeito previo, pero que é moi agradecido cando a xente chega e o ve porque a súa reacción é de sorpresa, realmente.
A xente non se espera o que vai vir ver, non se espera tal despregamento visual, non se espera unha banda sonora tan supercuidada, a selección musical, con moita presenza galega, que envolve tanto todo o espectáculo. Non se espera o nivel dos actos de circo, que hai de todo, de números máis tradicionais, digamos, como un número de forza capilar dunha rapaza suíza, Milena, que se colga do pelo, por exemplo, e que fai acrobacias no aire; ata un número de antipodismo que se fai sobre unha bicicleta, que son como malabares cos pés, ou outro número de malabares.
É tan variado que se ve nos 90 minutos que dura Reinventio que o que a xente máis nos repite é isto, é que non se esperaba ver. Entón, iso para nós sempre é positivo.
Como inflúe a cultura ou a tradición galega neste espectáculo?
Crecín nun contexto no que en Galicia se fixeron moitos grandes espectáculos, moi potentes, para min iso foi unha referencia cando eu era cativo, moi importante que era: "aquí facer espectáculos en galego é guai".
Para min o galego sempre foi o idioma co que eu me comuniquei sobre os escenarios, segue estando en Reinventio como as cores, o azul está por todo Reinventio, e a banda sonora ten presenza de artistas como Milladoiro, Budiño, Cristian Silva, tamén hai cousas de fóra de Galicia, pero xogamos con elas libremente.
Eu creo que os espectadores que están vendo o transfondo deste espectáculo con moito orgullo galego. E iso nótase, nótase moito no humor, nótase na parte visual, na parte musical tamén.
"O galego sempre foi o idioma co que eu me comuniquei sobre os escenarios"
Esperabas esta gran acollida por parte do público cando empezaches coa idea de crear Inventio?
A verdade é que non mo esperaba, especialmente agora en Reinventio, tanto entusiasmo que estamos a notar no público. Na Coruña fixemos agora tres funcións que estiveron a tope e que a xente aínda nos pedía máis, dicíanos: "ai, se estiverades máis, aínda recomendaba".
A reacción é que aínda máis neste espectáculo que no anterior é como súper entusiasta. E eu dalgunha maneira non é que o esperara, pero si cría nesta combinación porque o que se pon sobre o escenario en Reinventio nunca o vin como espectador e eu cría que podía estar moi ben un espectáculo no que as tres disciplinas estiveran como ao mesmo nivel. Sempre hai algunha que é un pouco máis accesoria, pero aquí están as tres e dialogan as tres sobre o escenario e á xente estalle a gustar moitísimo. E, nós, evidentemente, non podemos estar máis felices.
Tes en mente xa unha terceira parte?
Requetinventio, que dicimos de broma. A min soñando gustaríame moitísimo poder seguir con Reinventio.
Si que é verdade que é un espectáculo súper esixente a nivel técnico, a nivel de persoal e demais. Somos moitísima xente traballando e é moi difícil mover un espectáculo deste calibre, pero si que nos encantaría poder seguir, porque cremos que aínda hai moita xente que o pode acoller coas mans abertas, e que cremos que aínda pode ter moito percorrido.
Pero si, xa estou a pensar no seguinte, en que cambiaría, que faría agora. Pero isto é sempre así, empezas unha cousa e xa estás a pensar en tres ou catro máis.