Na Coruña, como en calquera outro territorio do mundo, hai días sinalados no calendario para a lembranza e a celebración. Efemérides ou citas festivas que evocan parte do que somos, da nosa identidade. Mais a nosa cidade, inconformista por natureza, tende a enmarcar non só algúns días senón tamén as súas noites. E ningunha coma a do 23 de xuño. Ningunha coma o noso San Xoán.
A noite máis curta do ano semella na Coruña un día enteiro, con milleiros de fogueiras alumeando nas nosas praias, trazando esa liña invisible na escuridade que nos separa do Atlántico. Mais tamén alumeando no corazón dos nosos barrios, centos de fogueiras en prazas e rúas que tinguen a cidade dun aroma propio a sardiñas e herbas de San Xoán.
Moito se ten dito que a celebración do San Xoán sobrevive porque se adapta aos tempos. E é certo. Cambian os costumes, os ritmos, mesmo os desafíos dunha festa multitudinaria que require coidado e responsabilidade dende un punto de vista non só máis seguro senón tamén máis sostible. Con todo, hai algo que non muda: o espírito colectivo. O mellor exemplo de que A Coruña transforma as súas tradicións sen cambiar as súas raíces.
Este ano, esa esencia reflíctese coma nunca no cartel da artista Laura Pato, máis coñecida como Le Petit Patito. Nel, catro figuras danzan ao redor dunha fogueira, entre columnas clásicas e un Atlántico tinguidamente mítico. Son mulleres, meigas, criaturas da noite ou simplemente unha representación da liberdade na que todas e todos podemos recoñecernos. Levan escamas nas pernas, coroas de xestas na cabeza e unha copa erguida coma se brindaran por todas nós. Nesa imaxe hai reivindicación, hai pasado e hai futuro. Hai tamén un aceno á nosa herdanza atlántica e feminista, un xeito de dicir que esta cidade é libre, creativa e profundamente humana. Esa danza é tamén unha metáfora perfecta do San Xoán: cando a cidade baila, a nosa identidade grávase a lume.
Mais como dicía, o lume require tamén de coidado. Por iso activamos un dos maiores dispositivos do ano, con máis de mil persoas traballando para garantir seguridade, limpeza e mobilidade. Prohibimos o vidro nas praias, repartimos madeira segura e reforzamos o transporte público para que a cidade baile pero con sentidiño. Porque gozar non está rifado con coidar e respectar as persoas, o mar e o espazo común.
San Xoán é tamén un motor cultural e económico. A programación previa leva teatro, música e maxia a todos os barrios; os concertos principais en Riazor volven converter a explanada nun gran escenario popular e a ocupación hoteleira roza xa cifras récord. O que para moitas persoas é unha noite de lume e desexo, para outras supón traballo, oportunidade e orgullo profesional. Por iso este modelo festivo—aberto, accesible, sostible—é un exemplo de como a cultura non só nos identifica, senón que tamén nos impulsa. Un espírito compartido por milleiros de persoas noutros moitos lugares de Galicia, onde o San Xoán tamén se celebra como unha tradición profundamente enraizada na nosa cultura popular e que dende o 2015 se proxecta ao mundo como Festa de Interese Turístico Internacional.
Así que si, esta noite é moito máis que lume. É a síntese do que somos. É a voz da cidade falando en alto, sen complexos. É a lúa sobre a Torre de Hércules e a música nas rúas. É o fume ascendendo ao ceo mentres alguén pide un desexo ao saltar a fogueira. É a beleza de sabernos parte dunha mesma historia. Mentres o mar nos mira, brindamos por todo o que fomos, somos e seremos. E mentres a cidade baila, seguimos gravando a nosa identidade a lume.
Inés Rey
Alcaldesa de A Coruña