Hai pouco máis dunha semana, o Instituto Nacional de Estatística (INE) publicou os resultados da súa Enquisa de Saúde 2023. Os datos son tan clarificadores como preocupantes, Galicia sitúase entre as comunidades con peores indicadores en saúde mental, obesidade e percepción do propio estado de saúde.

Segundo esta enquisa, un 36,2% da poboación galega recoñece ter sufrido síntomas de depresión no último ano. Estamos entre as tres comunidades máis afectadas, por riba da media estatal. O noso territorio tamén é líder no consumo de hipnosedantes, especialmente entre mulleres de mediana idade.

En paralelo, os niveis de sobrepeso e obesidade tamén están disparados. Máis do 55% da poboación galega pesa máis do recomendable, cun 17,9% en situación de obesidade. E, como colofón, só un 59,4% das persoas din gozar dunha boa ou moi boa saúde, fronte ao 74% do conxunto do Estado.

Estes datos non son anecdóticos e representan unha realidade moi concreta. Galicia necesita moverse e non só como lema ou desexo. Galicia necesita incorporar o movemento, o exercicio físico e os hábitos activos como parte estruturada do seu modelo de benestar.

Desde o Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar, nos últimos tempos, estamos alertando sobre esta situación e propoñendo medidas. A principal delas é o Plan 2 Millóns, unha iniciativa que busca sumar 700.000 persoas máis á actividade física regular e situar Galicia á vangarda europea en hábitos saudables. Porque a solución, por sinxela que pareza, é real, a práctica deportiva é unha ferramenta potente de saúde pública.

Está demostrado que a actividade física mellora a saúde mental, axuda a regular o peso corporal, reduce o estrés, mellora o sono e diminúe a dependencia de fármacos. Ademais, incrementa a autoestima, a socialización e a percepción positiva da saúde. Non se trata, polo tanto, só de cuestións físicas: é un investimento transversal no benestar das persoas.

Dentro do panorama nacional o País Vasco é a comunidade autónoma cunha maior taxa de poboación activa. Pódese comprobar de forma clara o impacto directo e real do exercicio na saúde da poboación, xa que só o 23,43% da cidadanía presenta síntomas de depresión, o sobrepeso afecta ao 46,9% da poboación e a obesidade apenas chega ao 11,8%. A correlación entre actividade física e benestar é evidente e cuantificable. Os do País Vasco son datos positivos, aínda que mellorables se os comparamos con países como Finlandia ou Noruega, onde a taxa de práctica deportiva supera o 70% da poboación (ao que chegaríamos cos 2 millóns) e máis do 75% está en normopeso, a saúde global da cidadanía alcanza niveis aínda máis elevados.

Pero para que isto sexa posible, necesitamos compromisos reais, máis recursos, máis apoio institucional, máis colaboración entre concellos, o sistema deportivo e o sistema sanitario.

O Plan 2 Millóns é unha proposta aberta, colaborativa e ambiciosa. Non queremos unha sociedade que só trate enfermidades, senón unha sociedade que preveña, que se coide e estea activa. E iso empeza por recoñecer o que os datos nos están a dicir e concienciarnos que urxe poñer en marcha políticas públicas baseadas en evidencia, e que a actividade física debe ocupar o centro da acción en materia de saúde.

Se Galicia se move seremos unha sociedade máis sá. Promocionar a actividade física non é só unha opción, é unha prioridade que marcará o futuro do noso benestar colectivo.