Begoña Caamaño na feira do libro de Vigo en 1988.

Begoña Caamaño na feira do libro de Vigo en 1988. Arquivo de Begoña Caamaño

Cultura

Begoña Caamaño, a contadora de historias feminista que se atreveu a reinterpretar os mitos

A viguesa é a homenaxeada este ano polas Letras Galegas

Máis noticias: Letras Galegas 2026 en A Coruña: Celebración de 4 días y coloquio con As Tanxugueiras

Publicada

Dicía Begoña Caamaño que "crear sociedades novas supon derrubar vellos mitos e construir, ou non, mitos novos". Este foi, quizais, un dos seus obxectivos cando a xornalista radiofónica se converteu en escritora. A viguesa, autora de dúas novelas e figura clave na cultura galega de finais do século XX e comezos do XXI, é a homenaxeada este ano nas Letras Galegas.

Caamaño naceu en 1964 en Vigo, un momento histórico que acabaría por marcar a súa traxectoria profesional.

Ao ter que entrar na universidade, Begoña non tiña clara a súa vocación. Optou por Maxisterio, pero un curso de verán para aprender a ser locutora e uns primeiros pasos en Radio Popular, onde coñeceu a Víctor F. Freixanes, e Radio Noroeste fixéronlle atopar a súa vocación, a de contar historias, primeiro no xornalismo e despois na literatura.

Feminista e xornalista comprometida

No documental Begoña Caamaño: navegar no pracer azul, realizado pola Real Academia Galega, se recupera na voz da escritora que "a vontade das mulleres de preguntarse polo seu papel e por que foron relegadas é o xérmolo do feminismo".

Esta visión feminista do mundo foi o que determinou o seu traballo.

Ana Romaní, compañeira e amiga de Begoña Caamaño, resúmeo así: "O feminismo vertebra a súa personalidade e todo o seu traballo. O feminismo como unha visión do mundo, como unha posición de observación, de análise e de transformación do mundo e das personas. Era unha feminista que desenvolveu a súa actividade profesional e o seu traballo literario sempre cun obxectivo claro de transformación social".

Coetánea súa, Romaní explica que "na nosa xeración vivimos os últimos anos da ditadura e un proceso que se abría tras a morte do ditador. Foi un tempo de forte conciencia social, política, reivindicativa e ilusionante dalgunha maneira. Creo que iso tamén determina a figura e a biografía de Begoña Caamaño".

Esa mesma xeración, indica Freixanes, era a da "esperanza, a da aposta por un mundo que se podía cambiar".

Como xornalista, Caamaño viviu en primeira liña "a convulsión do Vigo dos anos 80 coas mobilizacións do naval", exemplifica Romaní. Un momento, e unha vida, "que propiciaba unha lectura crítica e moi consciente da importancia das accións colectivas, non só persoais".

Begoña Caamaño e Ana Romaní dan lectura ao manifesto do 8 de marzo na praza do Toural de Santiago de Compostela.

Begoña Caamaño e Ana Romaní dan lectura ao manifesto do 8 de marzo na praza do Toural de Santiago de Compostela. Arquivo MNG

Por iso, o seu foi un xornalismo "moi consciente, moi riguroso e moi conectado coa vida". A súa formación estivo directamente vinculada ao xornalismo de rúa, o que desenvolveu nela unha concepción da profesión "de información, de formación e de transformación. De servizo público".

En 1989 empezou a traballar na Radio Galega, onde destacou en programas como Diario Cultural e Andando a Terra. Deste último, un dos seus últimos proxectos radiofónicos, Romaní destaca que concentrou "os focos de atención da súa vida. Aí aparece toda a súa bagaxe viaxeira, que concebía como unha perspectiva que abre o noso mundo e nos permite ser conscientes da diversidade do mundo no que vivimos".

Freixanes recorda dela que "foi unha activa xornalista na Radio Galega con Ana Romaní e outros equipos e fixo un traballo moi interesante e importante con programación orixinal e cun público novo ao que se dirixía con bastante pulo".

Tamén como traballadora da RG levou adiante un importante traballo sindical contra a manipulación informativa.

Da linguaxe radiofónica á escritura

Antes da Begoña escritora estivo esta Begoña xornalista, que determinaría despois a súa narrativa.

"En Begoña Caamaño, xornalismo e literatura están directamente relacionados", apunta Romaní.

Neste caso, a súa experiencia na radio traduciuse nunha escritura "para o ouvido, concisa, clara, precisa e coidada. Moi consciente do medio". Todo iso derivou nunha literatura "menos condicionada, pero directa, clara e sintética".

Caamaño converteuse así nunha narradora que "xoga co idioma".

"Sabe que se vive nun idioma, non só se transcribe. Cando escribe as súas dúas novelas fai unha escolla moi consciente", valora Romaní, salientando unha lingua "con certa sonoridade antiga, que nos sitúa nun tempo determinado, pero que se le moi facilmente".

Traballando con Rosa Martínez na Radio Galega en Vigo.

Traballando con Rosa Martínez na Radio Galega en Vigo. Arquivo de Begoña Caamaño

Víctor F. Freixanes, director da editorial Galaxia nese momento, foi o seu editor e recorda tamén que "publicamos a novela sen moitas correccións, porque viña escrita nun galego moi maduro e moi consciente e cun punto estilístico arcaico para evocar o mundo homérico que estaba moi ben. Era o texto dunha escritora que viña traballando a lingua e o estilo durante moitos anos".

Autora de madurez e reescritora de mitos

Romaní é tamén biógrafa de Caamaño e sinala a orixe da súa escritura nunha reflexión. "Circe ou o pracer do azul nace dunha pregunta: 'E se o que conta Homero non foi así?'".

"Esa interrogación, e esa conciencia da implicación persoal nos procesos de transformación social", continúa a xornalista, é un dos eixos fundamentais de Caamaño.

Neste mesmo sentido se expresa o editor e expresidente da Real Academia Galega: "A súa visión do mundo era facer unha nova lectura dos mitos, porque son unha maneira de explicar o mundo, a memoria e a historia. Ela o que facía era cuestionalos e volverlos ler. Cada xeración ten a obriga de revisitar os mitos, os feitos históricos e a nosa maneira de pensar para volvelos a interpretar. Ela o fixo desde o feminismo".

Esta primeira novela chegou no 2009, cando a autora tiña xa 45 anos.

Begoña Caamaño, con chapeu, posa con Avelina García, Xulia Mariño, Rosa Álvarez, Rosa Martínez e María Xosé Porteiro.

Begoña Caamaño, con chapeu, posa con Avelina García, Xulia Mariño, Rosa Álvarez, Rosa Martínez e María Xosé Porteiro. Arquivo de Begoña Caamaño

Freixanes aínda recorda 17 anos despois o momento no que leu Circe ou o pracer do azul por primeira vez, cando ela mesma lle enviou o orixinal: "Empecei a ler un sábado e acabei o domingo porque me pareceu fascinante. A min tamén me interesaba moito ese mundo dos mitos homéricos".

Tras convencerse como lector, no seu rol de editor decidiu contar cunha segunda opinión e pediulle axuda a Susana Reboreda, catedrática de Historia. "Había na súa novela un punto de transgresión, pero Susana tamén quedou fascinada", conta Freixanes.

Caamaño é herdeira do feminismo que no século XX iniciou unha revisión da historia e dos relatos da literatura. "Os mitos son a base da conformación cultural", sinala Romaní. Por iso, Circe ou Penélope foron as protagonistas das novelas da viguesa. Morgana en Esmelle chegaría no ano 2012.

A través delas, Caamaño "abriu outros horizontes, situando esas figuras míticas noutros contextos, coas súas propias palabras e coa súa visión do relato. Están ofrecendo outras chaves de lectura da nosa propia historia. A súa narrativa ten que ver coa escoita das voces que non se escoitaran".

A viguesa tiña unha conciencia moi clara no momento no que se aventurou coas novelas. "A diferenza de traxectorias literarias que xorden na mocidade, cunha voz que se está construindo, creo que no caso de Begoña Caamaño a voz xa estaba construida. Sabe perfectamente o que quere facer. É un proceso moi consciente", apunta Ana Romaní.

Case 20 anos despois da publicación do seu primeiro título, as súas novelas son "dunha enorme actualidade, tanto estilísticamente como temáticamente", sostén Freixanes.

Triloxía inacabada

Coincidindo coa publicación da súa segunda novela en 2012, Begoña Caamañou recibiu un diagnóstico de cancro. Nos seus plans estaba aínda escribir unha novela de Sherezade que completaría a súa triloxía sobre os mitos e tamén un relato inspirado na súa bisavoa.

Dous anos despois, en outubro do 2014, ao pouco de cumprir 50 anos, Begoña Caamaño falecía.

"Ela está moi viva entre nós, entre moita xente, porque teceu redes moi amplas. Por iso vivimos este ano cunha emoción especial", apunta a súa amiga Ana Romaní.

Coa perspectiva da RAG, Freixanes pon en valor que "a Academia leva un tempo intentando un diálogo entre os grandes personaxes, como Murguía, Eduardo Pondal ou o Padre Sarmiento, e autores e autoras novas que ofrecen unha mostra de revitalidade e renovación, como Lois Porteiro, Xela Arias ou Luisa Villalta. Begoña Caamaño dialoga con todas esas xeracións".

Coma ela, "hoxe o papel das mulleres e das mulleres novas na produción e a creación literaria en Galicia é un feito obxectivo e un fenómeno imparable desde hai uns anos. É un fenómeno histórico que non ten volta atrás e cun nivel de calidade altísimo".