El Español
Treintayseis
Vivir
|
Música

James Rhodes, en concerto en A Coruña: "A música é música, dá igual se é Sabina ou Chopin"

O pianista ofrece este domingo un recital no peirao de Batería, a onde chega da man de Noites do Porto, e faráo co obxectivo de achegar a música clásica a todos os públicos nunha terra, Galicia, da que é un confeso namorado
O pianista James Rhodes.
Cedida
O pianista James Rhodes.
Ofrecido por:

Pianista, escritor, seguidor do Betis e namorado de Galicia. Así é James Rhodes, que este domingo 23 de outubro ofrece un concerto nun espectacular escenario fronte ao océano Atlántico no marco de Noites do Porto. A visita a A Coruña calmará a morriña deste artista que prepara para a súa actuación un repertorio centrado en Frédéric Chopin no que non faltarán as interaccións co público.

O peirao de Batería acollerá a actuación deste pianista que busca achegar a música clásica a todos os públicos a través dunha experiencia inclusiva na que hai espazo para que as notas soen, mais tamén para explicar de onde proceden. Rhodes anima á cidadanía a desconectar durante hora e media nun ambiente romántico no que será posible gozar da súa música. "Hai cousas peores que facer", bromea o pianista.

Volves a Galicia o 23 de outubro para ofrecer un concerto. Tes ganas de que chegue este día?

Adiviñáchelo! Tocar Chopin o aire libre ao lado do mar en Galicia é un Disneylandia. Baixo as estrelas, é unha das cousas máis fermosas do mundo. Vai máis alá de tocar no Auditorio Nacional con 2.000 pijos coas súas gravatas. É algo moi bonito. E máis importante: teño 48 horas máis para estar en Galicia e gozar, comer e desconectar un pouco. É coma un spa.

O pianista James Rhodes (Cedida).

Que é o que vai atopar o público neste concerto?

O que fago sempre é intentar facelo máis íntimo. Antes de cada peza, falo un par de minutos porque creo que se vou a tocar unha banda sonora sobre a vida de Chopin, o mellor é dar algo de contexto. Alguna das pezas que vou tocar compúxoas en Mallorca durante un momento moi chungo coa súa parella. É moi violenta, nun mosteiro abandonado, con tronada. Eu tocareina ao aire libre e, sendo honesto, con choiva, que será incluso mellor.

Este mundo da música clásica é tan pechado... Esta música, que é para todo o mundo, quérena manter para a xente con moita educación. Que trapallada. Non é algo tan complicado: a música é música, dá igual se é Sabina ou Chopin. Por iso levo vaqueiros e tenis e todo o mundo está cómodo. Oxalá sexa unha experiencia moi amigable, tranquila. E máis importante: nunca é o mesmo. É unha oportunidade para desconectar do ruido, da prensa, dos políticos, da economía... Hai tanta merda! Por favor, dáme unha hora e pico para pechar os ollos e xa está.

E relaxarse.

Claro, escapar, desconectar e viaxar sen moverte.

Esta é tamén unha forma máis sinxela de que a xente se achegue á música clásica.

É algo moi bonito. Necesitamos facelo máis a miúdo. Claramente, hai espazo para os concertos de música clásica. É un ámbito bastante estreito. Todo debe comezar coa educación. Vivimos nun mundo, non só en España, no que moita xente ten que elixir entre poñer a calefacción ou comer tres comidas ao día, non vai a gastar 50 euros cada semana para que os pequenos vaian a clases de piano, violín ou guitarra. Coma sempre, que vergoña, se a túa familia ten cartos non pasa nada pero senón, estás jodido.

Cantos Sabina, Alicia de Larrocha ou Pablo Casals hai neste país agora mesmo e non teñen nin idea porque non teñen ferramentas, nunca viron un concerto de música clásica ou un concerto en directo? É moi triste. Ogallá en cada escola houbese clases.

Dicías antes que vas estar 48 horas en Galicia e que vas aproveitar para comer, coa boa gastronomía que temos aquí.

Vou volver a Madrid máis rechoncho que nunca. Vou levar a cámara e sacar fotos, vou dar paseos, relaxarme, respirar aire fresco despois da contaminación de Madrid. Vou co meu axente, que flipa co pulpo. É o seu sitio favorito, sempre di que vai comer só unha ensalada e dúas horas despois está cun montón de comida porque está tan rica. O triste é que despois volve a Londres, e dime que ten que mudarse aquí comigo.

O pianista James Rhodes (Cedida).

A tranquilidade, a comida, amizades como a de Tamar Novas... Como namoraches desta forma de Galicia?

Non é só pola xente, é o ambiente. É case espiritual. Calquera sitio, Vigo, Santiago, Vigo ou A Coruña... sinto que estou nun pobo pequeno con boa xente, súper seguro, tranquilo, como en familia. O meu soño é comprar un piso ao lado do mar aí e ir o máis a miúdo que poida. Para mín non hai sitio mellor en toda España para que, cando teña fillos coa miña muller, poidan medrar.

É un sitio tranquilo.

Máis que tranquilo. E tamén bondadoso, hai tanta amabilidade... Hai tamén xente rara, como en todas partes, pero a miña experiencia é que cada vez que estou aí síntome de marabilla.

Por primeira vez na miña vida podo respirar, teño un fogar

Noutro eido diferente ao musical, fuches un dos promotores da lei de protección da infancia fronte á violencia e sempre mostras as túas opinións en redes.

Non son activista, se o son é de forma accidental. Antes de nada, son músico, pero sempre me dixen a min mesmo que se teño un micrófono, aínda que sexa pequeno, teño que loitar pola xente que non pode loitar por si mesma. Como sabemos, os nenos son invisibles: non pagan impostos, non teñen cartos, non cobran... É algo moi triste. O que estou intentando facer é devolver un cacho do amor e das cousas marabillosas que me deron neste país. Agora son español. Por primeira vez na miña vida podo respirar, teño un fogar, por iso sempre vou intentar devolver un pouquiño do que me deron.

Vivir