El Español
Treintayseis
Vivir
|
Música

Fillas de Cassandra: "Necesitabamos música en galego para chorar o desamor e para perrear"

As integrantes do grupo Fillas de Cassandra, MaríaSOA e Sara Faro, publicaron o seu primeiro álbum hai un mes e están a encher as salas galegas
Fillas de Cassandra
Santi Iglesias
Fillas de Cassandra
Ofrecido por:

O pasado 24 de febreiro viu a luz o primeiro álbum de Fillas de Cassandra, Acrópole, no que as integrantes do grupo, Sara Faro e MaríaSOA, mesturan os ritmos da música tradicional galega coa música clásica, electrónica e pop, e reivindican as loitas tradicionais das mulleres na historia. Na presentación do álbum encheron a sala Capitol de Santiago de Compostela, e as entradas para o seu concerto de Vigo do próximo 15 de abril esgotáronse en apenas 24 horas, algo que describen como "impactante".

Sara Faro (Coia, 2001), e MaríaSOA (Vigo, 1996), iniciaron este camiño xuntas hai dous anos. Despois de tocar en varias salas de Galicia algúns dos seus temas publicaron o seu primeiro álbum de estudo o pasado mes de febreiro, que foi producido por Berto, e feito da man da Nave de Lata, unha cooperativa cultural que agrupa a Luneda e Tremendo Audiovisual.

Dende entón todo están a ser éxitos. Elas mesmas recoñecen sentirse sorprendidas polo éxito "tan rápido", pero están felices e con ganas de seguir a traballar na súa música, na que xogan con diferentes estilos, mesturando instrumentos e ritmos tradicionais, con outros máis modernos. Nas súas letras reivindican ademáis as históricas loitas das mulleres a través dos mitos da mitoloxía grega, co obxectivo de recoñecer ás mulleres que viñeron antes.

As dúas din botar de menos máis mulleres na industria, non só enriba dos escenarios, senón a todos os niveis. "As mulleres sempre temos que demostrar mil veces máis ca os homes que merecemos estar en calquera lugar", aseguran.

As dúas estarán na Coruña o vindeiro 16 de abril, no ciclo VANGAL, e Atlantic Pride confirmou este xoves a súa participación no festival que se celebrará na cidade en xullo.

Fillas de Cassandra (foto: Santi Iglesias)

Pregunta: Estades cultivando éxitos dende o lanzamento do voso primeiro álbum, enchestes a sala Capitol de Santiago de Compostela, e agora esgotáronse as entradas para o voso concerto de Vigo, como estades vivindo estas semanas?

María: Agardabamos que a acollida fóra boa en Vigo despois do que pasou en Santiago, pero non esperabamos que se esgotasen as entradas en menos dun día. Foi moi impactante. Individualmente fixemos algún concerto antes, e sabemos o que é ser emerxente, emerxente de verdade, de quedarse aí tentándoo… e que un grupo emerxente vivise o que vivimos na Capitol para nós foi un punto de inflexión de dicir: "Temos que seguir, e ser honestas coa música, porque logramos conectar coa xente".

Sara: Non fai nin un ano que presentabamos o noso proxecto nunha sala de Vigo na que viñeron os nosos colegas, e as nosas familias… e de súpeto un ano despois ver esta acollida do noso primeiro álbum… foi moi emocionante. O noso traballo tivo unha recompensa moi rápida.

P.: Como comezou este camiño? Como vos coñecestes?

S.: Coñecémonos nunhas xornadas feministas que se organizaron en Vigo aló polo 2021. Chamáronnos de maneira individual para tocar co noso proxecto persoal, ela como MariaSOA, eu como Sara Faro. E o mesmo día María chamoume por teléfono e díxome: "Mira, teño este tema a medio compor e se queres podemos cantalo hoxe xuntas", e fixémolo. E xusto unha muller que pasaba por aí preguntounos como se chamaba o grupo, e claro, nós non eramos aínda un grupo… e entón mirámonos e dixemos: "Y si…?" E a partir de aí comezamos a vernos máis como amigas e como músicas.

"Cassandra foi a muller a quen lle deron o don da profecía, pero estivo condenada sempre a non ser crida, como todas nós, que estamos sempre loitando con non ser cridas"

P.: O voso grupo chamouse finalmente Fillas de Cassandra, quen é Cassandra, e porque vos reclamades como fillas dela?

M.: Pois estivemos buscando nome, e mesmo fixemos unha enquisa en Instagram! Porque o nome é o máis difícil e ningún nos gustaba. E Sara, que está estudando Dirección de Escena, de súpeto leu sobre o mito de Cassandra e presentou o nome, porque o mito resoaba con nós e as mulleres de hoxe en día. Cassandra foi a muller a quen lle deron o don da profecía, pero estivo condenada sempre a non ser crida, como todas nós, que estamos sempre loitando con non ser cridas. Paralelamente á proposta de Sara, a min apetecíame moito chamarnos "Fillas", simplemente, porque temos a sorte de ter nais e avoas que foron os nosos referentes, e de súpeto uníronse eses dous conceptos, e foi perfecto.

S.: O nome aspira a ser unha voz colectiva. Non somos unicamente nós, senón que todas somos herdeiras desa historia coa que estamos loitando. O nome agrupa esa parte máis íntima e tamén máis colectiva.

P.: Os temas falan tamén de diferentes deusas e mitos gregos, e a través deles facedes reivindicacións que son moi actuais, que queredes transmitir coas vosas letras? Cales son as vosas principais reivindicacións?

M.: Un día estaba na miña habitación e pensei que poderiamos tirar do fío dos mitos, porque case non tiñamos que pensar como se relacionaban coa nosa realidade, nada máis lelos xa o vías, e diciamos: "Bua, tia, isto é cando nos pasa tal o cal cousa…" Por iso hai cancións, como Eco, que non precisan explicación, porque contando o mito xa sabes a que nos referimos porque todas resoamos con iso. Atopar esta vía foi como outro clic.

Concerto de Fillas de Cassandra na sala Capitol de Santiago

P.: Nas vosas cancións mestúranse ritmos tradicionais galegos, por exemplo co uso das pandeiretas, con outros ritmos máis modernos… como describiriades a vosa música?

S.: Contesta ti María, que o tes máis integrado...

M.: Pois algo así como unha especie de música neotradicional con harmonías vocais, que ten influencias da música clásica e, por suposto, da música electrónica e música pop actual, pero non sabemos moi ben como definilo...

P.: Na sala Capitol fixeron "pogos"...

S.: Ese era un dos nosos sonos!

M.: Si, o que pasa é que nos gusta un montón a música en xeral, e desfrutala, e claramente temos unhas preferencias que si que se ven na nosa música, pero ás veces estamos facendo algo e pensamos: "Por que non metemos tamén reggaeton ou electrónica?" E ala, para adiante. Ou de súpeto apetécenos ser moi finas coas harmonías vocais. Eu penso que ese "desorde ordenado" fai que non canse, que poidas escoitalo e todo conecte. Esta moi pensado en realidade.

P.: Igual non é necesario seguir un estilo, e pódense facer as mesturas que se queiran…

S.: Eu creo que cada vez somos máis arriscadas porque hai unha globalización cultural e cada vez temos menos prexuízos. Cando Berto nos propuxo facer de Lisístrata, que era unha Muiñeira, un fanky brasileiro… foi como: "Pois veña, porque non". E igual se pensásemos diferente, ou se María quedásese con: "Quero que teña máis de clásico", e eu: "Quero que teña máis de tradicional", pois non tería pasado así. En realidade foi unha loita real que tivemos á hora de facer o disco porque nós comezamos tocando en acústico, e a nosa idea era facer unha transcrición dese acústico en gravación, e cando Berto comezou a meter man coa electrónica pensamos: "Ai, váisenos das mans, xa case non hai pandeiretas…", foi un temor que houbo no momento no que decidimos dar o salto. Tivemos que atopar un equilibrio para condensar todas estas cousas, e creo que aí estivo a clave do estilo que saíu.

"A industria está un pouco reticente a que haxa tantas voces de mulleres, e voces tan novas. Se miras os carteis dos festivais, as mulleres brillamos pola nosa ausencia"

P.: Como vedes o panorama musical en Galicia, e especialmente a situación das mulleres artistas? Había unha necesidade de máis nomes? Estamos nun bo momento?

S.: Eu creo que a música en Galicia está medrando a nivel xeral. Había unha urxencia porque houbese música en galego para todos os contextos: para poder chorar o teu desamor en galego, pero tamén para poder perrear en galego. E sobre as mulleres creo que as hai e que necesitamos moitas máis. Tamén, unha das cousas ás que nos enfrontamos cando comezamos a ser un pouco máis coñecidas é que nos comparaban con outras artistas, coas Tanxugueiras ou con A Banda da Loba, por exemplo, como se non houbese lugar para todas. Creo que a industria está un pouco reticente a que haxa tantas voces de mulleres, e voces tan novas. E temos que loitar por facer oco para máis. Aínda que nós teñamos concertos este ano, se ti miras os carteis dos festivais, as mulleres brillamos pola nosa ausencia.

P.: Ás veces parece que só pode destacar unha muller, os homes poden ser "colegas" e compartir o espazo entre eles, pero as mulleres teñen que ser únicas...

S.: Si, hai 20 grupos de homes facendo exactamente a mesma cousa, e nós temos que ser súper orixinais… con nós os medios están en plan de "que se música con mitoloxía grega con non se que…". Para destacar na industria tivemos que facer unha cousa máis rara… que non o fixemos para destacar, pero hai un punto no que dis: "Un tío colle un micro e canta catro cousas e pode estar aquí, e nós en cambio tivemos que facer uns malabares…" As mulleres sempre temos que demostrar mil veces máis ca os homes que merecemos estar en calquera lugar.

M.: Si, é algo que impón a sociedade, pero despois entre nós non ocorre, estamos todas en modo compañeiras e levámonos xenial entre todas. Ademáis quería engadir que é moi importante que esteamos enriba dos escenarios, que é a parte visible, pero tamén é moi importante que se traballe en grupos de mulleres e que haxa técnicas de son, de luces, de produción… e que medren esas referencias tamén, non se lles da o espazo porque xa hai homes con moitísima experiencia. Ten que encherse todo de mulleres.

P.: Para terminar, como vedes o verán e os vindeiros meses de traballo? E, valorades sacar unha liña de roupa como a que vimos na Capitol inspirada na Grecia clásica?

S.: A verdade é que non pensamos o da roupa… pero sería absolutamente incrible! Traballamos con Dánae Mariño, que é unha deseñadora xenial e súper simpática, e foi moi ben. Toda a xente coa que nos atopamos acaban sendo amigas, así que imos traballar pero temos moitas ganas porque imos cos colegas. É unha sorte.

M.: Aínda estamos procesando a cantidade de concertos que temos que dar, e preparándonos. Estamos moi ilusionadas, pero vai ser tamén moi esixente.

TEMAS:
Vivir