El Español
Treintayseis
Opinión
|
Tribuna Abierta

Galicia, un gran colexio

O secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades da Xunta de Galicia fai unha pequena radiografía do sistema educativo galego, cunha taxa de abandono escolar en mínimos históricos e que trata de garantir sempre a igualdade de oportunidades para todos os nenos
Manuel Vila López
Por Manuel Vila López

Que é Galicia? Galicia é un todo con moitas partes e realidades. Somos unha realidade xeográfica territorialmente acotada cos seus contrastes, unha realidade cultural única pero tamén plural e unha realidade social rica e variada.

Todas estas realidades teñen o seu espello no noso sistema educativo: somos un gran colexio que aglutina a unha ampla variedade de familias, nenos e zonas xeográficas baixo o denominador común dun sistema educativo que se caracteriza pola homoxeneidade nos resultados, pola calidade e a equidade. Non o dicimos nós, dino os principais indicadores tanto do Ministerio como o informe PISA. Abonda con mencionar a redución do abandono escolar a mínimos históricos, o feito innegable de ter un dos mellores rateos alumno/profesor do Estado ou que somos a Comunidade máis inclusiva.

Sexa unha aldea, unha vila ou unha cidade; sexa na costa ou no interior, cada galego e cada galega decide o lugar onde quere vivir. E faino coa tranquilidade de que a súa elección non vai condicionar o futuro dos seus fillos e fillas, porque Galicia é un distrito educativo único, coas mesmas potencialidades, servizos, programas e resultados académicos independentemente do lugar onde se viva.

Isto non é froito da casualidade, senón dun esforzo compartido. A cidadanía cos recursos que achega no seu día a día, e a Administración coa xestión eficiente e responsable destes recursos. Grazas a isto, pese á dispersión demográfica, somos a comunidade autónoma co ensino máis próximo, xa que o 93% dos concellos contan cun colexio fronte ao 55% de España. Temos tamén a rede máis ampla de transporte escolar gratuíto para as familias e un servizo de comedor que é dos máis xustos e asequibles do Estado. E nestes momentos, nun contexto de inflación desbocada, vimos de aumentar nun 50% as axudas para libros e material escolar, das que se benefician sete de cada dez familias.

Con todo, non debemos caer no conformismo, máxime na actual realidade de envellecemento e perda de poboación. O reto demográfico e de sostibilidade a nivel de país é tamén un reto educativo de presente que xa estamos abordando desde un enfoque multidisciplinar, tanto académico como de dotación de infraestruturas.

Desde o pasado curso contamos co Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, un modelo pioneiro para o deseño de centros educativos máis inclusivos, cómodos, accesibles, eficientes, sostibles e adaptados aos retos da innovación e da tecnoloxía.

Este plan, ao abeiro do cal este verán están a executarse case 400 obras por un importe de 64M€, enlaza directamente coa Estratexia Educación Dixital 2030 para incorporar os mellores recursos docentes para avanzar na calidade educativa desde a transformación dixital. A través dela estamos dotando aos centros de Polos Creativos, espazos de innovación con equipamento especializado.

Todas as accións  levan aparellado a dotación de infraestruturas e de medios e o desenvolvemento de programas educativos e complementarios a disposición dos nosos nenos, independentemente de onde residan, garantindo a igualdade de oportunidades e, por tanto, a xustiza social.

Agora só queda botar a andar de novo para seguir facendo do sistema educativo galego un referente en calidade, equidade e inclusión, nese camiño todos avanzamos xuntos.  

Bo curso a todos!

Manuel Vila López
Manuel Vila López
A Fonsagrada (Lugo), 1965. Licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela. Ingresou en 1993 no Corpo Superior da Administración Xeral da Xunta de Galicia. Ten desenvolto responsabilidades en distintos departamentos relacionados con proxectos vinculados tanto a área educativa e social como en áreas económicas e para a planificación, así como nas redes de transporte. Na actualidade é secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades