Carmen García Mateo, nova reitora da UVigo.

Carmen García Mateo, nova reitora da UVigo. DUVI

Educación

Carmen García Mateo, nova reitora da UVigo: "Que unha muller chegue ao Reitorado debe verse como algo normal"

A nova reitora da Universidade de Vigo defende unha etapa baseada na planificación, a solvencia e a "recuperación da ilusión", coa mirada posta na reorganización interna, a cohesión dos tres campus, a chegada do grado de Medicina e a transferencia á sociedade

Información relacionada: Carmen García Mateo, elegida primera rectora de la Universidad de Vigo: "Arranca una nueva etapa"

Publicada

Carmen García Mateo afronta a súa chegada ao Reitorado da Universidade de Vigo como un "fito histórico", pero tamén como unha responsabilidade colectiva. A primeira muller que dirixirá a institución académica viguesa reivindica a necesidade da normalización dos referentes femininos, especialmente nas carreiras científicas e tecnolóxicas.

A toma de posesión do cargo será en menos dun mes, o 25 de xuño, momento no que arrancará a posta en marcha das novas propostas que acompañan ao seu equipo e para as que terán 6 anos para por en práctica.

García Mateo sitúa entre as súas prioridades a reorganización interna, a mellora da xestión, a descentralización dos campus e unha universidade máis próxima ás empresas, ás administracións e á sociedade.

É a primeira muller que chega á Reitoría da Universidade de Vigo. Alén do fito histórico, que responsabilidade sente ao abrir esta nova etapa? E que mensaxe lle gustaría trasladar ás alumnas que hoxe cursan carreiras STEM?

É verdade que non é tan habitual que haxa o mesmo número de mulleres e homes na carreira académica. Polo tanto, que neste momento sexa a primeira reitora é un fito histórico. Eu sempre digo que isto é como unha marea, unha onda que leva tempo en chegar. E os tempos son chegados.

Espero que na seguinte elección haxa igualmente homes e mulleres para ser reitores e reitoras da universidade e que xa non se vexa como unha excepción. Iso ten que seguir calando na sociedade, nos nenos e nas nenas pequenas, e tamén en todos os estudos.

No caso das disciplinas STEM, estas mensaxes de normalidade son fundamentais: non hai carreiras de homes ou de mulleres, nin carreiras máis ou menos difíciles segundo o xénero. O importante é que se vexa que hai unha muller cunha traxectoria académica e con méritos suficientes para estar neste posto, pero que iso sexa normal. Só normal. Unha cidadá máis. Iso é importante.

Sempre se fala da importancia dos referentes. Son fundamentais para que outras mulleres pensen que tamén poden chegar?

Si, sobre todo antes de dar determinados pasos, que ás veces dan un pouco de vertixe. Un pode pensar: “Eu animaríame”, pero se parece que non hai máis mulleres ou que ese é un espazo moi colonizado, aparece un freo. Por iso é tan importante que ese freo non estea. Ter referentes é fundamental.

"Cando nos dan os parabéns, non é só de maneira formal, dinnos: 'Parabéns e grazas por dar ese paso'. Creo que iso xa reflicte un cambio de percepción"

Carmen García Mateo, nova reitora da UVigo

Durante a campaña falou de cambio, planificación e solvencia. Que será o primeiro que notará a comunidade universitaria coa chegada do seu equipo ao Reitorado?

Creo que o que estamos a percibir xa os membros do equipo máis directamente relacionados coa candidatura é que se está a recuperar a ilusión. Moita xente, cando nos dá os parabéns, non o fai só de maneira formal. Dinnos: “Parabéns e grazas por dar ese paso”. Creo que iso xa reflicte un cambio de percepción, un cambio de ambiente, que é moi positivo para empezar a traballar.

Detrás temos practicamente todo o equipo formado por persoas cunha traxectoria solvente, acostumadas a traballar en equipo, non só a traballar moito, senón a traballar ben. Ese contrato de confianza é unha forma de arranque moi importante para nós e danos moitos azos, moita forza.

Unha das súas prioridades é a reorganización interna e tamén a situación do persoal técnico, de xestión e de administración e servizos. Que medidas considera máis urxentes para mellorar a xestión diaria da universidade e as condicións deste colectivo?

Seguimos traballando neste tema desde o primeiro día. Hai moitas frontes abertas. Algunhas son urxentes e moi prioritarias, e outras teñen que ver coa reestruturación e coa planificación, con facelo de forma ordenada, sinxela e sen improvisacións.

Un dos grandes asuntos é a nova relación de postos de traballo, a RPT, unha reestruturación de todo o persoal. Iso levaranos ano e medio ou dous anos, sempre traballando co persoal e cos seus representantes, con negociacións transparentes, directas e executivas.

Pero hai cuestións máis urxentes. Vemos que hai un tema que está debilitando a nosa organización: non se cobren as baixas e as vacantes coa axilidade suficiente. Hai unidades e oficinas moi tensionadas, e este é un dos asuntos que temos que abordar.

"Non se cobren as baixas e as vacantes coa axilidade suficiente e hai unidades e oficinas moi tensionadas, este é un dos asuntos que temos que abordar"

Carmen García Mateo, nova reitora da UVigo

A Universidade de Vigo ten tres campus, en Vigo, Ourense e Pontevedra, con realidades e personalidades propias. Como se pode reforzar a cohesión sen diluír a identidade de cada campus?

O noso lema, desde o primeiro día, foi moi claro: todas as persoas, un proxecto. Iso quere dicir que ten que haber un proxecto de universidade, que despois debe implementarse nos distintos colectivos e tamén nos distintos campus.

Hai un proxecto para o campus de Ourense, un proxecto para o campus de Vigo e un proxecto para o campus de Pontevedra. Nós consideramos cada un deles como campus universitarios completos, coa súa especialización, coa súa personalidade e coas súas necesidades ou prioridades específicas.

"Nós consideramos cada un deles como campus universitarios completos, coa súa especialización, a súa personalidade e coas súas necesidades e prioridades específicas"

Carmen García Mateo, nova reitora da UVigo

Cada campus ten que ter todas as estruturas estratéxicas en bo estado e, nalgúns casos, haberá que completar esas estruturas. As titulacións non son dun campus ou doutro de maneira illada, pero si é certo que cada campus ten a súa especialización e a súa personalidade. Hai que atender esas particularidades.

E, sobre todo, os campus teñen que ter unha maior autonomía na xestión do día a día. Temos que seguir avanzando na descentralización da xestión.

A formación médica segue sendo un dos grandes debates universitarios, sociais e políticos, coa descentralización dos estudos de Medicina en Galicia. Como afronta este asunto a nova reitora?

Tal e como dixemos durante a campaña, existe un acordo para descentralizar os estudos de Medicina desde a Universidade de Santiago de Compostela cara ás universidades da Coruña e de Vigo, e ese proceso está empezando a poñerse en marcha.

Estaremos moi atentos. Sabemos que é difícil e que pode avanzar a trancos, pero nós estaremos tirando por el e moi vixiantes, porque a Universidade de Vigo ten unha demanda polos estudos de Medicina desde hai décadas.

Cremos que, no momento actual do país, onde as facultades de Medicina tan grandes non son a tendencia, pode ser unha moi boa oportunidade poñer en marcha estes estudos na Universidade de Vigo. E cando falo de estudos completos refírome ao grao, aos másteres e á investigación, porque a investigación é fundamental para unha ciencia de calidade e para a formación do profesorado.

"No momento actual do país, onde as facultades de Medicina tan grandes non son tendencia, pode ser unha moi boa oportunidade poñer en marcha estes estudos na Universidade de Vigo"

Carmen García Mateo, nova reitora da UVigo

O seu programa fala de recuperar liderado no Campus do Mar e de ordenar Vigo como polo tecnolóxico. Que papel debe xogar a Universidade de Vigo en sectores clave como o mar, a industria, a tecnoloxía e a innovación?

Aspiramos a que a Universidade de Vigo lidere ese polo de investigación en ciencias mariñas, como de feito xa fixo. Temos os medios para facelo. Está a Facultade de Ciencias e temos que reforzar a cohesión entre as distintas pezas do ecosistema.

Tamén debemos liderar a colaboración con outros socios, como o CSIC ou as universidades portuguesas, e integrar as novas instalacións vinculadas á antiga ETEA. Camiñaremos cara aí, pero para nós hai un tema moi importante: reforzar o noso papel investigador en ciencias mariñas, cun centro de investigación impulsado e fortalecido.

Tamén propuxo unha universidade máis aberta á sociedade, con ferramentas como "UVigo Responde". Que debe cambiar para que empresas, administracións e entidades sociais vexan a Universidade de Vigo como unha aliada máis próxima e útil?

Somos un organismo complexo, e non pode ser doutra maneira, porque realizamos moitos tipos de actividades. Temos a misión de docencia, investigación e transferencia, con estruturas que son complexas e moi diferentes das estruturas empresariais ou mesmo das dalgunhas organizacións sociais.

Por iso temos que facer o esforzo de que os axentes que queiran colaborar con nós non teñan que coñecer cada unha das nosas estruturas. O acceso debe ser sinxelo. Con “UVigo Responde” queremos ser nós quen nos acheguemos máis ás empresas, para que as empresas nos coñezan mellor.

Hai moitos instrumentos en marcha, pero temos que revisalos e ver cales son os máis efectivos. Sabemos que é moi importante estar presentes onde están as empresas: nos foros, nas xornadas, nos espazos de encontro. E despois hai que aproveitar ben todos os instrumentos dispoñibles.

"O acceso debe ser sinxelo, e con 'UVigo Responde' queremos ser nós quen nos acheguemos máis ás empresas, para que as empresas nos coñezan mellor"

Carmen García Mateo, nova reitora da UVigo

Un exemplo é o doutoramento industrial, impulsado pola administración estatal e autonómica. É unha ferramenta potentísima, porque permite realizar teses de doutoramento en colaboración con empresas. É unha forma de inserir talento e coñecemento nas empresas e de establecer vínculos que van máis alá dunha colaboración puntual dun ano. Falamos, polo menos, dunha colaboración de catro anos.

Seguro que, despois dese tempo, esa persoa que está traballando na empresa e que xa coñece a universidade terá máis facilidade para impulsar novas colaboracións e proxectos de futuro. Este tipo de instrumentos son os que temos que impulsar e poñer en valor, xunto coas unidades mixtas de investigación entre universidade e empresa.

En resumo, trátase de revisar os instrumentos que funcionan, poñer en marcha outros novos e, sobre todo, evitar que para as industrias, as administracións ou as entidades sociais colaborar coa universidade sexa unha carga ou un labirinto. Non pode ser que non saiban por onde empezar, a quen chamar ou a onde ir. Iso é o que temos que conseguir.