El Español
Quincemil
Actualidad
|
Pontevedra

Miguel Anxo Fernández Lores, BNG de Pontevedra: "Hai moitísimas cousas que facer"

O actual alcalde da cidade preséntase de novo ás eleccións cun proxecto "ao que lle quedan moitas cousas por facer" despois de 24 anos no poder, defendéndose dos que din que ten un goberno "esgotado" con novas propostas para a súa cidade "pensada para as persoas"
Miguel Anxo Fernández Lores, candidato do BNG á Alcaldía de Pontevedra.
Cedida
Miguel Anxo Fernández Lores, candidato do BNG á Alcaldía de Pontevedra.

O actual alcalde de Pontevedra, con 24 anos de goberno ás súas costas, preséntase con enerxías renovadas ás próximas eleccións do 28 de maio, ás que concorre cun proxecto co que demostra que "aínda hai moitísimas cousas que facer". Miguel Anxo Fernández Lores, candidato do BNG á alcaldía da Boa Vila, deféndese dos que din que ten un goberno "esgotado" con novas propostas, coa continuación do seu revolucionario modelo urbán cara á periferia e con moitas ganas de seguir demostrando que pode convertir Pontevedra nun referente internacional.

A súa polémica insistencia en que Ence saia de Lourizán non parece mermar a intención de voto, nunhas enquisas que seguen outorgándolle a maioría que lle permitiría gobernar de novo, probablemente repetindo o apoio do PSOE. As súas propostas para aumentar o emprego e revitalizar a economía da cidade pasan por esixir á Xunta que mobilice infraestruturas "necesarias" para unha cidade que demostrou que pode albergar industria e renacer a base de turismo e servizos.

A súa forma de facer política, que medrou implantando un urbanismo transformador que xa se converteu en referente internacional, é a culpable de que leve seis mandatos no poder nunha cidade que viviu un cambio absolutamente radical en dúas décadas. Lores chega a estas eleccións asegurando que a súa experiencia é, precisamente, a garantía de poder seguir avanzando para convertir Pontevedra nunha cidade pensada para as persoas.

Como afronta o BNG as futuras eleccións?

Estas eleccións afrontámolas con moitísima ilusión, como unha nova etapa. A ningúen se lle escapa que levamos 24 anos de goberno, no que non se executou unha transformación da cidade e que lle demos a volta á cidade e ao rural. Fixemos un investimento potentísimo, sobre todo no últimos catro ou oito anos, de servizos, saneamento, abastecemento, iluminación... Estamos satisfeitos co que fixemos: unha transformación que é unha referencia mundial respecto a moitas cousas, como accesibilidade, modelo urbán, seguridade viaria, etc. Pero hai moitísimas outras cousas que facer e estamos nunhas condicións moi boas de partida porque temos avanzado moito e temos un municipio saneado. Hai unha serie de retos que queremos sacar adiante, que teñen que ver con salvamento da ría e co traslado de Ence; coa mellora dos servizos dos residuos, a compostaxe e a economía circular; con potenciar a creatividade e o deseño e ser unha cidade para moita xente das industrias culturais; con respecto á actividade deportiva imos ser a sede de PontevedraLAB, un laboratorio de innovación para para todo o que teña que ver coa práctica deportiva.

Por tanto, moitísima ilusión, eu me planteo estas eleccións e esta esa nova etapa de oito a dez anos porque nos gusta ter tempo para deseñar as cousas e executalas, non se poden facer de hoxe para mañá, e os proxectos que queremos sacar adiante, que son transformadores e de futuro, non se poden facer nun mandato. A idea é que temos moita ilusión e ganas de seguir avanzando: máis por vir.

As últimas enquisas volven situarlle á cabeza, pero coa necesidade de pactar outra vez e reeditar este pacto de goberno, que sabe que funciona ben e que leva moitos anos. Está vostede cómodo con este bipartito?

Neste momento non me estou plantexando ningún pacto, porque en todo caso levamos gobernando seis mandatos e catro estivemos en coalición pero dous non. Eu aspiro a ter maioría suficiente para poder seguir avanzando, despois das eleccións falamos. Creo que temos demostrado que somos capaces de chegar a acordos, obviamente co Partido Socialista que é a única forza coa que podemos chegar a acordos, aínda que en todo caso sería un mandato diferente, con propostas diferentes e un programa pactado diferente. Pero neste momento nós imos a por todas, non vou falar de ningún pacto e non hai ningén que teña a máis mínima dúbida de que si é necesario, chegaríamos a un pacto e, se non, gobernaremos en solitario. Pero queremos transmitir que somos unha forza transformadora que encabezamos sempre o goberno con maiorías case absolutas, e que por tanto, temos ideas para iso. Estamos un pouco na vangarda dos movementos transformadores das cidades, de cidades pensadas por persoas, de cidades amables, seguras e saudables.

Ves de un goberno de 24 anos e moita xente xa comeza a dicir que está acabado, que ten de novo o Lores de 2023 que non tiña en 1999? Que pode ofrecer aos pontevedreses que non se fixera xa?

O ano 99 significou un cambio de paradigma na formulación da cidade desde unha cidade triste, contaminada e sen perspectivas de futuro; pasamos a unha cidade dinámica, unha cidade de orgullosa de si mesma, unha cidade con parámetros ambientais de crecemento e somos a cidade máis nova de Galicia. Isto pasou porque tomamos unha decisión desde o principio moi importante, que foi decidir ou persoas ou coches: en Pontevedra entraban unha media de 100.000 coches ao día, era unha barbaridade e era invivible. Tomamos decisións de cortar os tráficos de paso e de evitar o tráfico de axitación de buscar aparcamento todo o día.

Pero as cidades constrúense ao longo das décadas, dos quinquenios ou mesmo os séculos e por tanto demos moitos pasos adiante, pero nós o que queremos de cara apróximos mandatos é conseguir a máxima equidade entre todos os veciños que viven en Pontevedra e no rural de Pontevedra. Estamos traballando nun proxecto integral e non actuamos só centro senón que actuamos por barrios, pero queda moito por facer. Non temos os mesmos estándares de calidade en toda cidade e dentro da propia cidade hai moitas cousas que facer: nos residuos domésticos, que o sistema de compostaxe ten que extender o contedor marrón a toda a cidade; e temos un déficit de infraestruturas importante e hai que rematar a circunvalación, acometer a variante de Alba, a implantación dun cercanías con Pontevedra, Vigo, Vilagarcía; sanear a ría, trasladar Ence; poñer a funcionar Santa Clara para facer un Museo Nacional de Galicia no Museo de Pontevedra; temos que mellorar as instalacións deportivas; apostar pola creatividade co laboratorio do deporte e do tempo libre e queremos ser sede tamén das industrias culturais, da comunicación e do e-commerce. Queremos ser unha cidade innovadora, creativa, que son cousas moi ilusionantes e que nos seguirían posicionando no mundo como un referente internacional. Por non falar da seguridade de viaria, que temos practicamente todos varios premios de cidade que pensa nas persoas e de excelencia do deseño urbán e saudable. Temos unhas bases moi firmes, pero hai que seguir traballando.

Nesta liña tamén quería falar tanto de urbanismo como de infraestruturas: fala moito da capitalidade de Pontevedra e da importancia de exportar este modelo, pero nesta última campaña está a facer moito fincapé nos barrios e na periferia. Ten que estenderse este modelo urbán pensado para as persoas cara aos barrios?

É inevitable e xa o estamos facendo, o que pasa é que ás veces para que os barrios e as parroquias máis próximas a cidades teñan esa calidade de vida necesitamos que haxa unha serie de infraestruturas que eviten os tráficos de paso polo centro da cidade. Estamos a favor da circunvalación, estamos a falar da variante de Alba, pero hai obras imprescindibles que teñen que facer desde a administración autonómica ou o Estado: sinceramente, as que dependían do Concello e da Diputación se fixeron, pero as da Xunta e as do Estado están sin facer.

Por tanto, nós propoñemos que se fagan esas infraestruturas e de aí para dentro, para parte urbana, tomar medidas de calmado do tráfico porque iso empeora a calidade de vida: hai moito que facer e queremos estender o modelo. Estamos xa no rural, sobre todo nos núcleos rurais, onde están todas as actividades culturais, deportivas, relixiosas, educativas, nese centro da parroquia facer un núcleo centralidade parroquial, que fai que exista unha zona de convivencia. Do que máis orgulloso estou eu de Pontevedra é de que a xente se relaciona e que é unha cidade amable e que permite a autonomía das persoas, especialmente as máis débiles. Nós pensamos nos nenos, nas persoas maiores, nas persoas con algún grao de discapacidade e, sempre de forma transversal, temos unha perspectiva de xénero metida dentro do deseño urbán.

Entrevista a Miguel Anxo Fernández Lores, candidato do BNG á Alcaldía de Pontevedra.

Fora deste urbanismo, que o que máis se ve, hai unha crítica moi repetida que é que en Pontevedra non hai traballo e é algo que se pide ao futuro goberno. Que medidas hai para atraer esta industria e para que non se poda facer esta crítica?

Mentira, mentira que non haxa traballo (interrompe Lores). Vouche dar dous ou tres datos previos e logo despois falamos diso. En todo caso, actividade económica, emprego e industria non depende do Concello, senón que estamos á espera de que a Xunta tome decisións doutro tipo para poder mellorar o plan de urbanismo que temos actualmente e construir máis solo industrial. En todo caso, o planeamento actual da xogo e hai cousas que non estaban no planeamento e que se poden facer como modificacións pactadas coa Xunta que son interesantes.

Por outro lado, hai un concepto que é o de autosuficiencia de emprego: é o número de postos de traballo que hai no concello respecto da poboación xeral. Nós en Pontevedra temos 50.310 persoas de alta para 83.000 habitantes, é unha autosuficiencia do 60% cos datos do INE e do IGE. Os concellos da comarca teñen moitos menos postos de traballo porcentualmente, polo que veñen miles de persoas a traballar todos os días a Pontevedra. Nós temos un nivel de industria semellante ás outras cidades, no Porto de Marín, no polígono do Campiño ou no polígono da Reigosa: non é verdade iso, o que pasa é que hai unha mala intención de asimilar industria con Ence, ou sexa que ou estás a favor de Ence ou estás en contra da industria.

Temos un planeamento que aprobamos en 2015 con todas as forzas políticas, sindicais, sociais e empresariais e mandámolo a Xunta, pero todos os informes foron desfavorables. Polo tanto, o que propuxeron é que tivésemos menos posibilidades de crecemento, de licitación de zonas industriais das que tiñamos, polo que preferimos quedarnos co planeamento que tiñamos. De feito, hai poucos concellos que aprobasen novos planeamentos e os que se aprobaron están paralizados todos, ademáis de que ningún concello deu aprobado un planeamento antes de dez anos: ao cabo deses dez anos xa tiña que ser outro plan diferente porque cambia lexislación. O noso planeamento actual nos permite moita seguridade na concesión de licenzas, polo que preferimos a partir de aí facer as modificacións que sexan pertinentes. E, aínda que aprobes un plan, logo tes que volver a someterte as directrices da Xunta con novos informes: é un tema que haberá que plantexar seriamente, porque os concellos somos maiores de idade e podemos tomar decisións sen caer na supervisión dun ente que, moitas veces, non está pegado ao territorio.

En todo caso, nós somos unha cidade que crece a pesar de perder poboación na pandemia, estamos agora en 84.000 habitantes no padrón, pero cando entrei eu na alcaldía había 74.000 habitantes: Pontevedra creceu 11.000 habitantes nos últimos 24 anos. Somos a cidade máis nova de Galicia, a que ten un maior recambio xeracional porque tivemos crecemento positivo ata hai cinco ou seis anos. Pontevedra ten futuro e ten posibilidades de crecemento, entón hai que facer estudos comparativos e no tema do emprego non todo está inventado. A conclusión é que iso é un mantra, unha especie de lenda urbana da que se encargou Ence a través do Partido Popular: todo o que non sexa Ence non é industria, se o alcalde está en contra de Ence está en contra da industria.

Aterrando en Ence, que é un tema moi polémico e os últimos movementos do Concello quizais foron os máis polémicos: continuar recorrendo a esa sentenza para conseguir que Ence marche da ría. Cre que estes últimos recursos poderían afectar aos resultados electorais?

Eu levo toda a miña vida defendendo que Ence nunca se debeu instalar aquí e no ano 2018 tiñamos a esperanza de que se acabase a concesión pero resultou que non e que se propiciou unha prórroga ilegal. Houbo unha sentenza da Audiencia Nacional onde hai cinco xuíces que unanimemente dixeron que a prórroga era ilegal. Ademáis, a prórroga vai en contra da directiva europea e a UE foi a que lle chamou a atención ao Estado e por iso o Estado agora se persona tamén: aquí quen está recurrindo o irrecurrible é Ence e quenes a apoian. Nós temos todos os argumentos xurídicos e presentamos un recurso de nulidade, porque presentamos cinco ou seis argumentos polos que non se podía conceder a prórroga e a AN validounos o primeiro e non valorou os demáis. Despois, o Supremo tampouco utiliza os demáis argumentos: hai una indefensión que non é normal e iremos ao Constitucional, ao Europeo e a donde sexa porque temos razón. Tiñamos un espazo natural único no mundo e destrozámolo cunha celulosa que non ten por que estar aí, e se queren seguir producindo poden buscar un sitio para producir.

O último tema do que quería falar é outra polémica: a compra-venda de Santa Clara. O convento o mercou o Concello pero o cedeu á Diputación e iso hai xente o ve como un fracaso...

Entendo perfectamente o que queres dicir (interrompe): o 99% da poboación está de acordo co que se fixo e os que están en contra son o Partido Popular de Pontevedra, só o de Pontevedra. Xa lles pareceu que iamos pagar moito polo convento, que foron 3 millóns de euros, pero logo cedímolo á Diputación, pero hai unha parte que vai quedar para uso municipal e outra parte que vai quedar para uso museístico do Museo de Pontevedra, de todos os pontevedreses. A grandísima maioría de Pontevedra quere Santa Clara para o uso dunha institución da que estamos todos orgullosos e é o museo máis importante de Galicia en fondos de todo tipo. Encántame que me preguntes esto porque levamos todas as de gañar e quen queda mal son os que están contra: somos unha referencia, síntete orgulloso de que sexamos unha referencia. Como ves, eu estou seguro do que temos por diante e do que fixemos e xa me gustaría a mín que a oposición tivese unha actitude de máis construtiva, estamos aquí para mellorar a calidade de vida da xente e non desprestixiar. A xente de Pontevedra temos que estar orgullosos da nosa cidade e mellorala o máis posible achegando cousas en positivo.

Test persoal

  • Se tiveras que escoller un lugar de Pontevedra sería: A mín gústame moitísimo a Praza da Leña porque está o museo, os edificios históricos, o cruceiro... en fin, é a más icónica de Pontevedra.
  • Unha serie ou película que recomendarías: As dúas últimas películas que vin foron Matria e As bestas, e debería haber máis cine no cine. Recomendaría estas porque unha é dun director galego e a outra ten temática do país.
  • Un grupo de música e unha canción: En Pontevedra temos cantidade afortunadamente, e a nivel local gústame os Furious monkey House, que son xente nova que saíu de aquí. A nivel galego diría os históricos, Fuxan os ventos ou Treixadura me encantan. E a nivel internacional son un enamorado dos Dire Straits.
  • Un libro: O último que tiven nas mans foi un que lle lin ás miñas netas, Cando Martiño tivo ganas de mexar a noite de Reis, de Kalandraka e Quico Dasilva, agora que teño catro netas me dedico máis á literatura infantil. O último libro que lin eu foi A muller xabarín, de Fina Casalderrey.
  • Un deporte para practicar ou ver: No seu momento practiquei o fútbol, como todos os nenos, logo practiquei tenis, pero acabei fastidiado da espalda porque non tiña técnica, entre outras cousas. Pero encántame ver o tenis e o tenis de mesa.
  • Mar ou montaña: Afortunadamente temos as dúas cousas ao lado, cos catro picos nos que practican os ciclistas de montaña, pero eu nacín na Lanzada prácticamente, entón mar.
  • Qué bota en falta en Pontevedra como cidade? Hai moitas cousas que facer, pero o que máis boto en falta é poñer a ría na máxima capacidade de disfrute e desenvolvemento económico. Tamén o monte, que está sen aproveitar e estamos a facer parques forestais con árbores autóctonos, pero eses son proxectos que xa están en marcha.
  • Un político de referencia: A nivel galego Ana Pontón, obviamente, é unha persoa que me representa como nacionalista e é unha excelente candidata e espero que presidenta da Xunta. E a nivel local hai un político que a min me parece que é un exemplo de coherencia e de capacidade, que é César Mosquera.
  • Qué fará o día de reflexión? Relaxarme despois da campaña, que sempre é estresante, probablemente cos meus catro fillos e catro netas; quero dedicarlle á miña familia, grande e marabillosa, o tempo que non lle dediquei durante estas semanas.
  • Defina nuna palabra ao resto de candidatos:
    Iván Puentes: 
    É unha persoa que ten dificultades para entender o modelo de Pontevedra.
    Rafa Domínguez: Ausencia de proxecto que non sexa a volta atrás en Pontevedra.
Actualidad