Luar na Lubre actuará no Guísamo Folk.

Luar na Lubre actuará no Guísamo Folk. Antonio Vizcaya.

Ofrecido por:

Música

Bieito Romero, de Luar na Lubre: "O gran soño é que o grupo continúe outros 40 anos e non desapareza"

O fundador da banda coruñesa repasa a súa traxectoria antes de actuar no Guísamo Folk, que celebra este ano o seu 25 aniversario

Pode interesarche: The Rapants convierte María Pita en un gran 'Rapants Club' a golpe de guitarras y ritmo

Publicada

Luar na Lubre será unha das formacións protagonistas do Guísamo Folk, un festival que este ano celebra a súa 25ª edición e que contará coa presenza dunha banda que tamén está de aniversario.

A formación coruñesa, liderada por Bieito Romero, cumpre 40 anos de traxectoria e chega a Guísamo cun concerto no que combinará algúns dos seus temas máis emblemáticos con novas cancións do seu último traballo.

O fundador de Luar na Lubre conversa con Quincemil sobre o regreso a un festival que considera histórico, as catro décadas de música, a situación actual da música galega e o futuro dunha banda que xa leva máis de 2.000 concertos en máis de 50 países.

Que significa para Luar na Lubre volver ao Guísamo Folk e que pode esperar o público do concerto?

O Guísamo Folk é un festival histórico. Eu vin nacer o festival antes mesmo de que se creara Luar na Lubre, porque ten moitos anos, aínda que este ano cumpra o seu 25 aniversario. Tivo algúns paróns ao longo da súa historia, pero recordo aquela primeira edición como un festival moi ilusionante e un dos pioneiros dos festivais de música folk en Galicia.

Para Luar na Lubre é a segunda vez que participamos e, en calquera caso, é unha honra volver a un lugar tan emblemático como Guísamo, e máis coincidindo os seus 25 anos cos nosos 40.

Precisamente, 40 anos de traxectoria. Que cambiou en Luar na Lubre durante todo este tempo?

Houbo moitísimos cambios. Obviamente, nun grupo de música folk, despois de 40 anos, os cambios foron moitos. Por aquí pasaron máis de 30 persoas ao longo da traxectoria de Luar na Lubre. Pero esa é a vida mesma: a vida cambia, todo cambia. Se cambia día a día, imaxínate ano a ano durante 40 anos. En calquera caso, o grupo mantén a esencia do inicio e a idea fundacional.

Como será o concerto de Guísamo?

Será un concerto máis curto dos que facemos habitualmente. Nós facemos concertos de dúas horas e cuarto, pero neste caso será dunha hora e cuarto porque hai moitos grupos e é o lóxico.

Tentaremos facer un percorrido por cancións clásicas e emblemáticas do noso repertorio e, ao mesmo tempo, presentar algunhas das cancións novas incluídas neste traballo de aniversario, Luar 40 aniversario. Será unha combinación de cancións clásicas de sempre e novas composicións.

"A presentación do libro-disco foi un exitazo"

Bieito Romero, Luar na Lubre

Falas dese traballo de aniversario. Como está sendo a resposta ao libro-disco?

A presentación na Coruña foi un exitazo. E despois, coas vendas, pois como todo, vai á súa maneira. Pero o importante, nestas alturas da vida, xa non é mirar tanto para as vendas como para a resposta popular nos concertos.

Este é o ano do aniversario e da presentación deste disco. Levamos desde xaneiro percorrendo boa parte do Estado e, por suposto, facendo moitos concertos en Galicia. Agora, especialmente durante o mes de agosto, e continuaremos durante o que queda de ano e tamén o vindeiro.

A verdade é que os concertos están sendo de cheo e, ademais, moi emotivos. Están funcionando moi ben. Eu quedo con iso, porque creo que é o fundamental.

Se unha banda como Luar na Lubre aguantou 40 anos non é por casualidade. O fundamental é que a xente responde. E non só en Galicia: tamén estivemos en América. Iso é o que mantén vivo un proxecto como este.

"Nunca houbo tantas propostas musicais nin tanta xente tocando en Galicia"

Bieito Romero, Luar na Lubre

Como ves actualmente a música tradicional e o folk galego?

A música tradicional e a música folk confúndense moitas veces, cando son cousas completamente distintas. Pero, se queremos englobalo todo, debo dicir que a música galega nunca estivo nun momento tan bo como o actual en canto a propostas musicais.

Nunca houbo tantas propostas, tanto de folk como de música tradicional ou de calquera outro estilo. E tampouco houbo nunca tantos músicos e tanta xente tocando en Galicia como na actualidade. Estamos vivindo un momento de eclosión moi importante.

Isto contrasta coa estabilidade das propostas. Moitas veces son proxectos que duran pouco tempo. Eu creo que o gran reto das músicas e dos grupos galegos está aí.

Hai ademais unha nova xeración que está achegándose á música galega e creando público en galego.

Está claro. Nunca houbo tantas propostas como hai actualmente e, sobre todo, tantas propostas de calidade. Temos un abano de xente que está lanzando propostas, tanto persoais como colectivas, que son impresionantes e que chaman moito a atención.

O problema é o que comentaba antes: a paradoxa é que nunca tivemos tanta música boa, pero a transcendencia é onde temos que incidir.

E con transcendencia refírome á estabilidade dos proxectos e, ao mesmo tempo, á posibilidade de que esta música rompa as fronteiras que moitas veces nos limitan.

"Temos que conseguir que a nosa música teña proxección estatal e internacional"

Bieito Romero, Luar na Lubre

Luar na Lubre levou Galicia por todo o mundo. Que ten a cultura galega para conectar tamén fóra das nosas fronteiras?

Galicia ten moitas cousas. Para empezar, está dentro do Camiño de Santiago, que a sitúa no mundo. Moita xente non sabe onde está Galicia, pero todo o mundo sabe o que é o Camiño de Santiago. E o Camiño remata nun lugar, nunha Fisterra atlántica europea, que ten un nome: Galicia.

O Camiño xa é unha das primeiras achegas para que a xente teña curiosidade polo que sucede aquí. O Camiño de Santiago situounos no mundo.

Por outro lado está esa plataforma chamada música celta, que é coñecida absolutamente en todo o mundo. A través dos emigrantes, sobre todo irlandeses e escoceses, e tamén dos galegos, as nosas músicas chegaron a moitos lugares.

E temos tamén a cuestión idiomática. Estamos dentro dese mundo chamado lusofonía, con todos eses idiomas que derivan do galego-portugués: o portugués, o brasileiro, o angolano, o mozambicano ou o timorense. É outra plataforma moi interesante.

E aí está tamén a vosa experiencia internacional.

Si. Para min, a clave para que a nosa música teña esa internacionalización importante está precisamente na música. A lírica medieval galega foi das mellores líricas que houbo nun momento determinado da historia, segundo os expertos.

Pero, sobre todo, esa chamada música celta foi a que fixo que a nosa música fose exportada ao exterior. Son máis de 50 países e máis de 2.000 concertos, sempre dentro destas coordenadas.

Despois podemos discutir se é música celta, se non o é ou se se pode chamar doutra maneira. Pero, en calquera caso, foi unha das plataformas polas que nos situamos no mundo.

"O gran soño é que Luar na Lubre continúe outros 40 anos"

Bieito Romero, Luar na Lubre

Quédalle algún soño por cumprir a Luar na Lubre?

Os soños son... Eu creo que boa parte dos soños xa están cumpridos. Estamos vivindo aquilo que soñabamos cando comezabamos. É unha certeza. E o que queda por vivir é que Luar na Lubre continúe, teña continuidade con xente nova, teña a posibilidade de seguir outros 40 anos e non desaparecer nunca.

Luar na Lubre xa é unha marca e ten que ter unha continuidade. Ese é o gran soño. Nós seguimos proxecto a proxecto, concerto a concerto, e aí é onde se van cumprindo os soños do día a día, que son os máis importantes.