Organizadores do Compostela Street Festival.

Organizadores do Compostela Street Festival. Quincemil

Ofrecido por:

Vivir

Organizadores do Compostela Street Festival: "Será unha experiencia única en Santiago"

Do 19 ao 21 de setembro, Santiago converterase no epicentro da cultura urbana coa primeira edición do Compostela Street Festival

Más información: Compostela Street Festival 2025: el mejor deporte, música y arte urbano llegan a Santiago

Publicada

Conta atrás para que a cidade de Compostela respire creatividade e enerxía urbana a través de competicións deportivas de primeiro nivel, actuacións musicais e múltiples propostas artísticas. A primeira edición do Compostela Street Festival xa é unha realidade que terá lugar do 19 ao 21 de setembro.

Falamos cos organizadores deste novo festival, impulsado por Vella Escola e Cultura Urbana Shop, que busca dar visibilidade ao talento emerxente e crear un punto de encontro para diferentes disciplinas da cultura urbana. A iniciativa conta co apoio do Concello de Santiago, a USC, a Xunta e a Deputación da Coruña, o que reforza o compromiso institucional coa dinamización cultural da cidade.

"Estamos seguros que achega unha visión fresca e diferente da cidade, ademais reforza a súa identidade como un espazo aberto á cultura e a creatividade"

Orgnizadores do Compostela Street Festival

Como naceu a idea de crear o Compostela Street Festival e cal foi a motivación principal detrás del?

A idea nace en Cultura Urbana Shop sobre o ano 2008 e materialízase a través dun evento chamado Compostela Skate do que se realizaron 3 edicións. O que empezou como un campionato de skate acabou sendo un evento multidisciplinar simplemente para dar espazo a todos os artistas e deportistas emerxentes que coñeciamos na cidade. Durante este proceso é onde coñecemos á asociación Vella Escola a cal colabora activamente a que o proxecto saíse adiante.

Quen está detrás da organización do festival e como foi o proceso de darlle vida a este proxecto?

Somos Pablo Castiñeira (Vella Escola) e Alberto Muiño (Cultura Urbana Shop). O proceso foi longo pero moi reconfortante. Ver a aceptación de todo o mundo mentres lle dabamos vida ao evento fixo o camiño mais gratificante.

"O que máis expectación está a crear son o campionato de España de Breaking e o campionato internacional de Street Workout, aínda que é probable que as actuacións musicais sexan as que máis xente congreguen"

Orgnizadores do Compostela Street Festival

Como está a responder a cidade e as institucións á hora de apoiar o Compostela Street Festival?

A resposta tanto da cidade como das institucións foi realmente positiva. Dende o principio, sentimos un gran respaldo e a participación activa da xente nas actividades e as propostas artísticas é un reflexo claro de como a cidade se está implicando.

Cal diríades que foi o maior reto á hora de organizar este evento?

Sen dúbida, un dos maiores retos foi conseguir coordinar todos os elementos dun evento tan diverso como o Compostela Street. Estamos a falar dun festival que non só involucra a artistas e músicos, senón tamén as institucións e os espazos urbanos da cidade.

Que significado ten para Santiago de Compostela acoller un festival destas características?

Estamos seguros que achega unha visión fresca e diferente da cidade, ademais reforza a súa identidade como un espazo aberto á cultura e a creatividade.

O festival combina cultura urbana, deportes, arte e música. Que experiencia agardades que viva o público que participe nesta primeira edición?

Esperamos que o público que participe nesta primeira edición poidan explorar, descubrir e conectarse con diferentes formas de expresión artística.

A quen se dirixe principalmente o Compostela Street Festival? Hai actividades pensadas para todos os públicos?

O Compostela Street está deseñado para ser un evento inclusivo, pensado para atraer a unha gran diversidade de públicos. Desde os máis novos ata familias que busquen disfrutar nunha contorna única. A idea é que calquera persoa, independentemente da súa idade ou intereses, atope algo que lle atraia e disfrute da experiencia.

Que momento do festival aconsellades que non debería perder ninguén? Hai algún momento que xere especial expectación?

Polas interaccións nas RRSS o que máis expectación está a crear son o campionato de España de Breaking e o campionato internacional de Street Workout, aínda que é probable que as actuacións musicais sexan as que máis xente congreguen.

Campeonato de España de Breaking 2025.

Campeonato de España de Breaking 2025. @breakingfebd @compostelastreet

Como vedes o futuro do Compostela Street Festival? Credes que pode chegar a consolidarse como unha cita recorrente no calendario dos composteláns/as?

Esta primeira edición xa está a demostrar o gran interese e a acollida que ten entre o público, tanto local como visitante. Co apoio que estamos a recibir das institucións e a cidade cremos que o festival ten o potencial de consolidarse como unha cita anual no calendario cultural de Santiago.

Por último, que mensaxe vos gustaría transmitir á mocidade que aínda non coñece de preto a cultura urbana?

Simplemente ímoslles a convidar a que veñan e coñezan todo o relacionado á cultura urbana en primeira persoa. De paso convidamos a todo o mundo a que se pase polo evento e goce do que será unha experiencia única en Santiago.

Aproveitamos tamén esta entrevista para agradecer ao Concello de Santiago, USC, Xunta e Deputación Da Coruña polo respaldo para que Compostela Street sexa posible.