Cada inicio de curso é sempre un momento ilusionante, no que todo está por estrear e se abren moitas posibilidades e esperanzas de futuro. Este luns é un día de nervios para os máis de 14.000 novos alumnos que debutan nas aulas galegas na etapa de Infantil. Ou para os 1.113 docentes que conseguiron unha praza nas oposicións deste verán, moitos deles mozos e mozas cheos de ganas, como puiden comprobar esta semana, que acaban de rematar a universidade.
Xestionamos o inmediato, pero sempre con luces longas. Por iso, neste inicio de curso, convidado por El Español a través de Quincemil e Treintayseis para compartir algunhas ideas cos seus lectores, gustaríame determe no enorme avance da educación en Galicia durante os últimos 25 anos. Estamos iniciando o primeiro curso do segundo cuarto do século XXI, polo que semella acaído.
Esta fin de semana, celebramos precisamente un acto de reivindicación do moito que temos conseguido neste ámbito co esforzo de todos e todas. Hai algún tempo lía un artigo do expresidente Fernández Laxe no que apuntaba que a educación é, de feito, a variable que máis decididamente ten contribuído a mellorar a calidade de vida dos galegos. O ensino é motor de progreso. E, se analizamos a evolución de distintos parámetros, enténdese mellor por que.
Existen estatísticas de abondo sobre recursos e resultados que nos permiten facelo. Poderíamos resumilo na taxa de abandono escolar, que caeu do 29,3% ao 10,8% e sitúa á nosa Comunidade nos mellores postos de España, aínda que quede camiño por percorrer para seguir acoutándoa. Nada hai máis inxusto que un mozo saia á rúa sen ningún tipo de titulación porque iso vai condicionar o resto do seu itinerario vital, minorando as súas opcións e perspectivas.
No inicio da etapa educativa, acadamos case o 100% a escolarización aos tres anos. E, no remate, duplicamos o número de galegos con estudos universitarios (do 21,4% ao 42,2%) e elevamos á Formación Profesional a cifras inimaxinables, con preto de 70.000 persoas nestas ensinanzas. E medrando ano a ano. En conxunto, a permanencia no sistema avanzou dos 17,3 ata os 19,3 anos.
Se falamos de recursos, o investimento en educación, e tendo en conta a inflación, é agora un 50% máis alto; o orzamento captado nos programas Erasmus multiplicouse por 24; as ratios de alumno por profesor non deixaron de reducirse (de 11,3 a 9,6), e, se botamos unha ollada aos procesos de dixitalización, pasamos de ter 13,7 estudantes por ordenador a tan só 1,7.
Fixemos todo isto, insisto, entre todos, e sen deixar de lado retos como o da mellora da convivencia escolar ou a inclusión, prioridades número un, que nos converten na comunidade autónoma que máis e mellor integra ao alumnado con necesidades educativas especiais, moi por riba da media. No ano 2000 formaban parte de aulas ordinarias o 77% destes rapaces. Hoxe a cifra supera o 93%. E somos tamén cada vez máis unha terra acolledora: hai 12 veces máis alumnado estranxeiro que no 2000: de 2.350 a 28.129 novos galegos.
Non quero abafar con cifras. Só un último apunte: mentres que nos 2000 estabamos por debaixo da media da OCDE en áreas como matemáticas e comprensión lectora no informe PISA, na actualidade superámola en todos os parámetros e somos líderes en España en ciencias (ocupamos o oitavo posto a nivel mundial), pensamento creativo e equidade, é dicir, en xeración de igualdade de oportunidades con independencia da orixe ou situación socio-económica.
Son 25 anos abrindo portas. E, como responsable do sistema educativo galego a día de hoxe, gustaríame agradecer o seu traballo a tantas e tantas persoas que, ao longo de dúas década e media, puxeron o mellor de se mesmas para acadar o obxectivo compartido de ofrecer a mellor educación posible aos nenos e nenas, mozas e mozos, para construír nas nosas aulas a Galicia do futuro que, en moitos casos, é xa presente. E iso é o que nos une.
Bo curso 2025/2026 a toda a comunidade educativa!
Román Rodríguez
Naceu no Vento, Lalín, en 1968. É licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela con premio extraordinario. Doutor en Xeografía, é máster en Desenvolvemento Local, foi profesor na Universidade de León e é profesor titular do Departamento de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela. Actualmente é conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP.
Autor dunha ducia de libros e coautor doutras case vinte publicacións da súa especialidade, amais de ter participado en corenta libros colectivos, Román Rodríguez dirixiu másteres e cursos de posgrao vinculados coa temática do ordenamento territorial en varias universidades. Foi galardoado, ademais, co Premio da Crítica de Galicia (2000), no eido da investigación.