
A paisaxe de Galicia desde a bicicleta.
Ofrecido por:
O coidado do refuxio climático galego engade o seu privilexiado litoral
A Xunta celebra o Día Mundial do Medio Ambiente de 2025 no bo camiño, pero perserverando nas medidas que sitúan a Comunidade á vangarda en España
O deste 2025 non é un Día Mundial do Medio Ambiente máis en Galicia. En cuestión de semanas, a Comunidade asumirá a xestión e ordenación do seu litoral, que se fará efectiva a partir do 1 de xullo. 2025 convértese, así, no ano que marca un antes e un despois na asunción plena e efectiva do autogoberno dos galegos sobre a súa franxa costeira, a de maior extensión de España. É dicir: máis de 2.500 quilómetros nos que reside o 60% da poboación.
A Xunta de Galicia ven despregando nos últimos meses distintas liñas de traballo para ter o maior camiño posible percorrido para cando o traspaso entre en vigor. O Executivo autónomico traballa, por unha banda, no desenvolvemento dun novo Catálogo do patrimonio cultural do litoral. Por outra, no deseño dunha gran senda peonil, que abrangue desde Ribadeo ata Tui.
En paralelo, crearase unha rede sostible e integrada de chiringuitos en contornas naturais, que deberán cumprir unha serie de pautas e recomendación, reguladas nunha futura guía de integración paisaxística; vaise impulsar a identificación de edificacións que, polos seus especiais valores - arquitectónicos, históricos ou culturais -, poidan dedicarse a usos turísticos - previa rehabilitación - ; e avánzase na análise das construcións susceptibles de integrarse na futura rede de establecementos turísticos do litoral. Por citar so algún exemplos prácticos, que discorren ao tempo que se progresa no eido puramente administrativo.

Presentación de 'O futuro é circular'.
Infraestrutura Verde
Como segundo fito deste ano, trala aprobación da Estratexia de Infraestrutura Verde de Galicia, pioneira en España, a Xunta apostou por apoiar a creación de espazos máis amables para vivir, integrados coa contorna e resistentes aos efectos do cambio climático. Pulmóns verdes que renaturalizarán as paisaxes urbanas, apostando por elementos naturais que rebaixen o peso das infraestruturas duras e grises.
O Goberno galego convocou en febreiro unha liña de axudas para apoiar aos concello na posta en marcha de solucións baseadas na natureza e no aproveitamento dos seus recursos para prever e adaptarse aos efectos asociados ao cambio climático, cun orzamento global para esta primeira convocatoria de 2 millóns de euros. Foron aprobadas 42 axudas para outros tantos proxectos presentados por 35 concellos; o Executivo galego aporta ata o 80% do importe subvencionable, cun máximo de 60.000 euros por proxecto. O investimento total mobilizado supera os 2,5 millóns de euros.

Ruta de senderismo polo litoral.
Estímase que nas áreas urbanas se xeran entre un 40% e un 70% de todas as emisións de gases de efecto invernadoiro. De aí que resulte fundamental dotar ás cidades de espazos verdes como parques, xardíns, fontes ou áreas recreativas. O obxectivo é incrementar a biodiversidade deste tipo de zonas, mellorar a súa conservación, favorecer a adaptación ao cambio climático, mellorar a calidade ambiental e crear contornas máis saudables.
Son dous dos grandes eixos medioambentais desde 2025, xunto coa aprobación da Lei do clima - que lle dará rango legal ao compromiso de acadar no horizonte de 2040 a neutralidade climática -. Un ano no que o Orzamento da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático se incrementou un 10,3% - o maior crecemento de todos os departamentos da Xunta -. Son case 490 millóns de euros en total para levar a cabo unha folla de rota que busca preservar o refuxio climático que é Galicia, indiscutiblemente situada á vangarda na loita contra o quecemento global.
Refuxio Climático
De feito, como anunciou a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, o pasado outubro, cando avanzou por primeira vez as liñas mestras do seu departamento para este 2025, foi creada a marca Galicia Refuxio Climático, que identifica á nosa Comunidade como un territorio seguro e resiliente ante os riscos derivados deste fenómeno, vencellado co quecemento global.

Representantes institucionais fronte á Catedral.
Unha marca que non tería sentido sen todo o traballo que hai detrás, e que permite, por exemplo, que as emisións netas de gases de efecto invernadoiro se reduciran en Galicia en 2023 nun 61,7% con respecto a 1990 ano de referencia a nivel comunitario para as políticas climáticas. A diferencia entre as emisións e as absorcións dos distintos gases considerados de efecto invernadoiro - as chamadas emisións netas - volveu situar á comunidade galega á cabeza de España neste eido, cunha diminución que equivale a case cinco veces o descenso rexistrado a nivel nacional (que foi do 12,6%).
Este bo comportamento tamén ten continuidade cando se analizan por separado as emisións e as absorcións contabilizadas durante o período de referencia. En 2023, Galicia volveu ser a comunidade española con maior capacidade de absorción, captando - grazas aos cambios de uso do solo e á silvicultura - un total de 8,9 millóns de toneladas de CO2 equivalentes. O que supón un 57% máis do que absorbía en 1990.
Unha tendencia que avala o gran obxectivo de acadar a neutralidade climática en 2040, ambicioso pero realista meta que se marca a Xunta, que tamén nesta primeira metade do ano en curso aprobou unha nova planificación de accións transversais fronte ao cambio climático ata 2030: preto dun centenar de medidas coas que se prevé mobilizar un investimento estimado en 1.767 millóns de euros.
O II Plan rexional integrado de enerxía e clima (PRIEC) 2030 será a ferramenta que guíe as políticas climáticas da Xunta nos vindeiros anos, implicando no proceso a todos os departamentos autonómicos para que contribúan a acadar os obxectivos climáticos desde as súas respectivas competencias. O plan articúlase en torno a 34 liñas de actuación que, á súa vez, abranguen 93 medidas específicas. Entre as máis novidosas e destacables, o fomento de transportes máis eficientes e sostibles, como os de uso colectivo en zonas metropolitanas ou o transporte a demanda no rural, ou o reforzo e mellora dos sistemas de saneamento e drenaxe para garantir a calidade das masas de auga fronte aos riscos derivados de inundacións, desbordamentos e outros efectos asociados a fenómenos meteorolóxicos extremos.
Son, asimesmo, liñas de acción que gardan coherencia coas trasladadas ao Goberno central para optar ao Fondo Social polo Clima da Comisión Europea, do que corresponden a España uns 9.000 millóns de euros.
Outras accións
No eido medioambiental, son múltiples as accións despregadas polo goberno galego no que levamos de ano, e que resulta acaído poñer en valor ao conmemorar o Día Mundial do Medio Ambiente.
No caso de Augas de Galicia, unha das liñas máis destacadas, especialmente tralos tráxicos sucesos acontecidos na Comunidade Valenciana, consiste na elaboración do novo Plan para a xestión do risco de inundación na demarcación hidrográfica de Galicia Costa (2028-2033), que identifica 565,7 quilómetros de ríos inundables en caso de eventuais episodios de chuvia intensa e crecidas; e recolle a toma de decisións necesaria para mellorar a capacidade de predición ante este tipo de fenómenos. O plan recolle un total de 172 áreas con risco potencial significativo de inundación (Arpsis), dous máis que o anterior; unha catalogación imprescindible para determinar os puntos máis sensibles ante eventos de chuvia extremos ou eventuais episodios de asolagamento. Por outra banda, a Xunta destina este ano un orzamento de 8,5 millóns de euros a convocar diferentes liñas de apoio co obxectivo común de mellorar o funcionamento dos sistemas de abastecemento e de saneamento de augas, o cal tamén redunda nun maior coidado do medio ambiente.
No caso dos residuos, ademais de poñerse en marcha oficinas de economía circular para prestar asesoramento a empresas e concellos, o Executivo galego desprega este ano axudas por un importe total de 10,7 millóns de euros a preto de 170 entidades locais para apoialas na compra de material e no impulso de proxectos e iniciativas, co obxectivo común de mellorar e avanzar na recollida selectiva dos distintos fluxos de residuos domésticos.
A Dirección Xeral de Patrimonio Natural conta cun investimento de 18,5 millóns de euros para impulsar un plan de acción integral na rede galega de parques naturais co obxectivo de contribuír á preservación, conservación e mellora destes espazos protexidos, ao tempo que pon en valor o seu papel como elemento clave para incrementar a resiliencia de Galicia fronte ao cambio climático e os seus efectos. No caso do Parque Nacional, a ‘xoia da corona’ natural da nosa Comunidade, son máis de 7,1 millóns de euros en actuacións para conservar e protexer os valores ambientais, naturais, culturais e etnográficos. En canto ao coidado dos espazos naturais das sete reservas de biosfera galegas, así como os traballos previos para impulsar a oitava, suman un investimento de preto de 5 millóns de euros no período 2023-2026.
A maiores, déronse importantes pasos para instalar parques caninos en todas as cidades galegas - sendo o de Ferrol o proxecto máis maduro - e anunciouse que Curtis acollerá o primeiro Centro de Protección Animal de Galicia, que dará servizo a concellos de menos de 5.000 habitantes.

Alfonso Rueda visitando un refugio canino.
Asimesmo, o Consello da Xunta coñeceu un informe no que se deseña un proxecto para converter o Camiño de Santiago nun refuxio climático a través da plantación de especies arbóreas autóctonas. En paralelo, o goberno galego colabora co Concello de Ourense, da man da Universidade, para o deseño e execución dun proxecto piloto de refuxio climático. A cidade das Burgas, que se caracteriza por marcar as temperaturas máis altas das sete urbes, será a primeria na que se recorra á plantación de árbores e a outras solucións naturais para combater os efectos do quecemento global.
Estrela do Clima
Son algúns exemplos do labor que está desarrollando a Xunta no eido climático, coa Consellería de Medio Ambiente ao fronte, para seguir coidando do privilexiado refuxio no que se erixe Galicia nunha contorna onde cada vez máis se dan episodios extremos nos que se perciben os efectos do quecemento global.
Que o camiño escollido é acertado aválano feitos como a consecución - única para España - da Climate Star concedida pola Climate Alliance, recentemente, en Austria. Froito do liderado da Xunta ao coordinar as entidades locais galegas. Imprescindibles nos obxectivos climáticos, como as empresas: máis de 200 xa se adheriron a Alianza Galega polo un Clima. Un clube en expansión nunha Galicia cada vez máis concienciada.