'As liñas descontinuas'

'As liñas descontinuas' Cedida

Ofrecido por:

Audiovisual

O filme 'As liñas descontinuas' estrearase en cinemas o venres 20 de febreiro

Este drama intimista en galego sobre o encontro inesperado entre dúas vidas en tránsito está escrito e dirixido por Anxos Fazáns ('A estación violenta', 2017)

Publicada

Tras a súa estrea na Sección Oficial da 29ª edición de Tallin Black Nights Festival, a película percorreu numerosos certames nacionais onde cultivou diferentes premios; no pasado Festival Internacional de Cinema de Xixón (FICX) obtivo o Premio «DAMA» ao Mellor Guion de Película Española e o Premio RAMBAL da Asociación asturiana XEGA. Ademais, é finalista en 11 candidaturas dos Premios Mestre Mateo, converténdose nun dos filmes con máis candidaturas nesta edición, á par que Sirat.

As liñas descontinuas é un drama intimista rodado integramente en galego, protagonizado por Mara Sánchez, que regresa ao mundo actoral tras uns anos apartada; e Adam Prieto, para o que Denís supón o seu primeiro papel na interpretación. No filme, Bea é unha muller de 50 anos en proceso de divorcio e Denís é un mozo trans de 28 anos que loita contra a precariedade laboral. Un suceso inesperado lévaos a coñecerse e este encontro transformará para sempre a súa realidade.

En palabras da directora:

"As liñas descontinuas é unha película sobre a tenrura, sobre a beleza que aparece cando permitimos que as persoas que nos rodean nos atravesen. Nesta película un mozo trans e unha muller de máis de 50 anos crean un espazo no que compartir os seus medos e desexos.

Imaxinei esta historia inspirada por unha noticia real lida nun xornal. Con ese punto de partida quixen imaxinar uns personaxes e un universo propio. Esta película é unha canción de amor. Un conto. Un breve encontro.

No meu cinema gústame poñer ás persoas no centro, tento falar da construción de relacións sas, da ruptura de estereotipos e de formas de vida alternativas e sostibles. Con este filme abro espazo para temas poucas veces retratados en pantalla como son o desexo, a soidade, a autoestima e a transformación persoal dunha muller de mediana idade e dun mozo trans."