
Acto central do Día das Letras Galegas coa actuación das Tanxugueiras.
As Letras Galegas homenaxean o pasado e reivindican o futuro da música tradicional
O acto central celebrado en Malpica celebrou ás cantareiras e a poesía oral popular ademais dunha tradición que se abre ao futuro
Máis noticias: A familia galega que leva no sangue o legado musical das cantareiras
Este 17 de maio, Día das Letras Galegas, Malpica converteuse no epicentro das celebracións que este ano homenaxean ás cantareiras e á poesía popular oral galega. O acto centrla, organizado pola Real Academia Galega, contou cun pleno extraordinario e unha actuación das Tanxugueiras.
A localidade coruñesa foi a elixida como escenario para os actos principais deste día ao ser a terra das Pandeireteiras de Mens, algunhas das mulleres homenaxeadas xunto a Rosa e Adolfina Casás Rama, veciñas de Cerceda, e Eva Castiñeira, de Muxía, en representación delas mesas e de milleiros de cantareiras anónimas.
Na celebración rendeuse homenaxe a o "exemplo luminoso" das antigas cantareiras e de quenes investigaron e recolleron as cantigas do pobo e a transmitiron, pero tamén cunha ollada no futuro, representado coa actuación das Tanxugueiras e con referencias ás novas tendencias musicais que reinventan a tradición galega.
A académica Ana Boullón, na súa intervención na sesión plenaria, recalcou neste mesmo sentido que "as Letras deste ano celebran o pasado e miran para o futuro. O tradicional é moderno", nun acto que serve de unión "entre as xeracións máis vellas e máis novas, como mostra espontánea e sincera de comunicación interxeracional".
Pola súa banda, Antón Santamarina uniuse a Boullón no reclamo da música tradicional como unha oportunidade para o galego.
“As novas expresións de lecer nos festivais, nas novas foliadas, as aulas de música e baile tradicional poden converterse nunha ferramenta para a normalización lingüística”, apuntou a académica, promotora das Letras Galegas 2025.
“Non podemos disociar a sorte da nosa lírica popular da sorte da lingua. E niso é necesaria a achega de todos, no só a das cantareiras. Fai falta o compromiso da xente para superar dunha vez a enfermedad de nuestro carácter que nos lleva a abandonar todo lo nuestro, que dicía Cuevillas, e falta sobre todo o compromiso dos responsables de facer unha planificación lingüística que trate con decisión de deter e inverter esta deriva”, considerou Santamarina, quen tivo unhas palabras para recordar a tradición dentro da súa familia.
"Vivimos un rexurdimento sen precedentes que veu para quedarse”, engadiu.
O papel da muller galega e o presente e futuro da tradición
Na quenda de intervencións académica,s Boullón subliñou o papel central da muller como “un feito diferencial de Galicia”, recoñecido desde os escritos de frei Martín Sarmiento no século XVIII.
"Moito antes da invención da palabra sororidade, nas coplas xa se expresaba a complicidade entre as mulleres, nunha sociedade patriarcal que tamén empregaba as coplas para denigralas e para apuntalar os valores morais", indicou.
Este ano, as Letras Galegas poñen o foco nelas, visibilizando ás mulleres e "o valor da creación colectiva, das actividades compartidas".

A académica Ana Boullón no acto das Letras Galegas.
Ademais das cantareiras homenaxeadas, tamén se recordou a Fuxan os Ventos, Milladoiro, Mercedes Peón, Leilía, Uxía Senlle ou Xabier Díaz, que trasladaron a poesía popular das ruadas nas aldeas aos palcos.
Agora, novos nomes como Faia, Baiuca, Caamaño&Ameixeiras, Mondra, De Ninghures, Alba María, Lupe Blanco ou Xairo de Herbón e as propias Tanxugueiras seguen con este legado, como tamén o fan agrupacións de música e baile tradicional que se crearon desde a base, desde Aturuxo, da que formaron parte As Vellas de Mens, ata Xacarandaina ou as locais de Raigañas e Carcaxía.
As cantareiras homenaxeadas
Este 2025, as Letras Galegas centran a homenaxe en sete mulleres: Adolfina Casás Rama e Rosa Casás Rama, naturais de Vila da Igrexa (Cerceda); Eva Castiñeira, veciña de Agranzón, Muxía, que emigrou á Coruña a finais dos anos 60; e mais Prudencia Garrido Ameixenda, Asunción Garrido Ameixenda, Manuela Lema Villar e Teresa García Prieto, integrantes das Pandeireteiras de Mens. Formaron tamén parte deste grupo Teresa Lema Varela e Adela Rei Torrado que, malia non poderen ser formalmente incluídas na candidatura por faleceren máis recentemente, tamén de forma implícita están presentes nesta conmemoración.
Todas elas eran “mulleres fortes, rexas, criadas no medio rural e que pasaron por circunstancias difíciles na vida. Algunhas eran fillas de solteira, feito que quizais lles deu máis liberdade para o canto e o baile, pois non eran tan dependentes das convencións sociais. Varias tiveron que emigrar, a diversos sitios de Europa ou ás cidades, deixando en todo caso o seu lar tradicional, transplantadas a un tipo de vida totalmente diferente, do que non tiñan referentes. Algunhas era ágrafas e, aínda así, posuían un gran coñecemento cultural e material, e souberon transmitir o rico patrimonio do que eran depositarias, comunicado xeración tras xeración, agora para o futuro”, valorou Ana Boullón.

O académico Xesús Alonso Montero no acto das Letras Galegas.
Xesús Alonso Montero resaltou delas a súa relevancia artística da literatura popular e tamén a pegada dos versos populares de Rosalía de Castro, quen en Cantares gallegos inclúe cantigas populares. Montero citou tamén a Valle-Inclán como exemplo polas súas referencias ás coplas galegas nos seus poemas en castelán.
Unha política lingüística coa "infancia e a mocidade no centro"
A modo de peche do acto, o novo presidente da RAG, Henrique Monteagudo reclamou unha “reformulación a fondo da política lingüística que poña a infancia e a mocidade no centro”, con “mensaxes de entusiasmo, acompañadas de compromisos tanxibles” e coas cantareiras como exemplo.
Monteagudo tamén fixo referencia ás polémicas sobre o uso do galego, declarando que "a Real Academia Galega mantén sempre abertos os seus brazos á colaboración. Porque isto é tarefa da cidadanía toda e de todas as institucións, co goberno galego á fronte” nunha mensaxe de unión en torno á lingua.
No discurso de clausura, Monteagudo parafraseou a Castelao coincidindo co 75 aniversario do seu falecemento que se conmemora este 2025 e recordando que o intelectual sinalaba ao idioma como chave da identidade galega. “Elas (as cantareiras) representan –volvo ás palabras do gran rianxeiro– o pobo, que nunca nos traizoou; a enerxía colectiva, que nunca perece”, indicou.
“Non esquezamos que se aínda somos galegos é por obra e graza do idioma”, dixo volvendo novamente a Castelao antes de rematar, con humor, cun dos Cantares de Rosalía: “ Non me espliquei cal quixera / que son de esplicansa pouca / se ghrasia en cantar non teño / o amor da patria me afoga”.