Xoan Allegue, presidente de Martín Códax.
Xoan Allegue, presidente de Martín Códax: "Ir da man da cultura galega axúdanos a manter os pés na terra"
As bodegas fundadas en 1986 en Vilariño, Cambados, recibiron o Premio da Cultura Galega 2025 que otorga a Xunta de Galicia en recoñecemento ao seu compromiso coa creación artística e a música galega
Información relacionada: Bodegas Martín Códax, Premio da Cultura Galega 2025 por su apoyo a la música en Galicia
O pasado 9 de abril, as Bodegas Martín Códax recollían o Premio da Cultura Galega 2025 en recoñecemento ao seu compromiso coa creación artística e ao seu apoio continuado ao tecido musical galego.
Convertíase, así, na primeira empresa en obter este galardón que, segundo o xurado, se lle outorgaba polo seu papel como axente dinamizador da cultura en Galicia, especialmente pola súa implicación coa música a través de iniciativas xa consolidadas como Os Xoves de Códax, os Premios Martín Códax da Música ou o Outono Códax Festival.
Unha actividade en "coherencia" co espírito de Martín Códax desde o seu nacemento e co feito de ser algo máis ca unha empresa, achegando o seu gran de area á sociedade e entendendo a cultura non como un complemento, senón como parte da súa identidade.
O premio recolleuno, da man do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, o máximo mandatario das Bodegas Martín Códax, Xoán Allegue, que celebrou o galardón como o recoñecemento a un labor que marcou a súa traxectoria, dende a súa fundación en 1986 en Vilariño, Cambados, ata hoxe.
Recibir este Premio da Cultura Galega en Música supón un recoñecemento moi simbólico. Que significa para vostede que se distinga precisamente a maneira na que Martín Códax entendeu a cultura: non como un complemento, senón como parte da súa propia identidade?
Bodegas Martín Códax.
Nós interpretamos que nos recoñecen e moi contentos de que así o fagan. Recoñecen, por un lado, a coherencia dende a fundación dos primeiros viticultores que formaron Martín Códax, este fío condutor coherente que foi o impulso da cultura galega como unha mostra de orixe, é dicir, que mellor denominación de orixe que a propia cultura.
E, por outro lado, tamén o collemos como un premio a como entendemos a nosa relación coa sociedade. Ademais de ser unha empresa, as empresas medímonos en algo máis que en datos económicos: tamén coa nosa pegada e o noso aporte á sociedade. Nese sentido, desde os inicios foi así. Todo isto vén a recoñecelo e estamos moi contentos.
Martín Códax leva anos impulsando a música desde Galicia e desde o territorio. Por que cre que unha bodega pode converterse tamén nun axente cultural relevante, e que responsabilidade sente unha marca galega cando decide apoiar de forma estable os seus creadores?
Somos unha bodega, e o corazón do noso negocio é a venda do viño. Pero somos unha bodega de base cooperativa, e iso nótase porque nos dá moitísima implicación coa sociedade, moitísimos proxectos, e a responsabilidade de que, cando vendes o viño por aí, estás levando Galicia.
Cando á xente lle gusta o produto que fas, por aí fóra os viños galegos son moi recoñecidos, o albariño é moi recoñecido, pois ir tamén da man da cultura galega axúdanos a manter os pés na terra e, ademais, apoiar ese talento que, ademais do viño, está en moitas outras cousas.
É dicir, o viño é cultura, e que mellor xeito de demostralo que indo da man da cultura: primeiro foron uns premios de poesía, despois música antiga, e agora sempre actualizándonos pero sen perder ese fío condutor de apoio cultural.
E ata aquí estamos, desde aqueles viticultores, este proxecto colectivo continúa a reinterpretarse do mesmo xeito.
Entre os eventos que seguramente tiveron máis significación nos últimos anos están Os Xoves de Códax, nesa marabillosa terraza, que é unha iniciativa na que se suma o ingrediente da solidariedade. Como nace este proxecto?
Os Xoves de Códax
A idea nace porque, ademais, a música marida moi ben co viño porque son cousas para compartir, o viño é un momento para compartir, e a música tamén. Nese momento xurdiu esa posibilidade de facer os Xoves de Códax. Estamos sempre moi agradecidos ao éxito que ten entre o público. Oxalá puideramos atender a máis xente, pero temos un aforo limitado. Pasaron moitísimos artistas pola terraza dos Xoves.
Xurdiu esa idea solidaria co ánimo de devolverlle un pouquiño á sociedade, dar visibilidade a todos os proxectos solidarios tan necesarios que nos conectan coa terra. Somos un proxecto colaborativo e se podemos axudar a que iniciativas tan necesarias e tan bonitas como as que levan a cabo esas asociacións teñan voz e visibilidade, moi contentos e moi orgullosos, e tamén de que o público acompañe para que así sexa.
Hai moitos proxectos que destacar, como os Premios Martín Códax da Música ou Outono Códax Festival, que forman parte tamén deste vínculo. Algún proxecto novo de cara ao futuro?
Estes funcionan moi ben e estamos moi contentos tanto coa Asociación Músicas ao Vivo, que son os que organizan realmente os Premios da Música e encántanos que nos deixen participar con eles, igual que co Festival de Jazz. E claro que si, sempre están xurdindo novas iniciativas.
A bodega, a sociedade, está todo sempre actualizándose, e a aposta cultural tamén. Empezamos cos premios de poesía e, fíxate, hoxe estamos con jazz, estamos con música ao vivo, estamos cos premios de música, e claro que si, a cousa vai ser sempre ir reinterpretando un pouquiño e actualizando esta aposta, que sexa coherente pero actualizada.
Outono Códax Festival
Despois deste premio, cal lle gustaría que fose o seguinte paso de Martín Códax no seu compromiso cultural: seguir acompañando a música galega, abrir novas vías de apoio á creación ou proxectar aínda máis a cultura galega fóra das nosas fronteiras?
A nosa etiqueta leva a cantiga galega do século XIII por todo o mundo. É a mesma etiqueta aquí que en Taiwán, que en Xapón, e é un xeito de proxectala. Non cabe dúbida de que se pode evolucionar, pero agora mesmo estamos moi contentos.
A repercusión de todos estes proxectos seguramente fará que xurdan novos. Hai dous anos fixemos unha exposición que tivo moitísimo éxito e que rotou polas cidades galegas, de Ruth Matilda Anderson; outra aposta cultural diferente, moito máis plástica.
Claro que si, non pechamos a porta a novas colaboracións. Estudaremos e, seguramente, o equipo será capaz de presentarnos algo novidoso, porque sempre se está superando.