El Español
Quincemil
Opinión
|
Tribuna Abierta

Sen feminismo non hai democracia

A subdelegada do Goberno en Pontevedra avoga por continuar sen descanso na loita feminista "para acadar unha sociedade con igualdade real e efectiva"
Maica Larriba
Por Maica Larriba

Este 8 de marzo as mulleres da provincia de Pontevedra ateigamos de novo as rúas reclamando vivir libres e ter os mesmos dereitos que os homes. Temos que berrar moi alto para acabar coas discriminacións que sufrimos e que algúns aínda negan.

Orgullosas, tamén celebramos todo o conquistado pero, por enriba de todo, reivindicamos o camiño que queda por percorrer para acadar unha sociedade con igualdade real e efectiva.

Sen feminismo non hai democracia nin capacidade de progreso e se algo está demostrado é que a vida das mulleres se mellora con acción política e con leis. Por iso reivindico o compromiso coa igualdade do Goberno de Pedro Sánchez, que converteu as políticas de igualdade nunha cuestión de Estado e pasou a plasmar nas leis as obrigas coas que consolidar a igualdade de xénero.

Nesta lexislatura logramos avances tan importantes como a subida do salario mínimo interprofesional en case un 50% nos últimos cinco anos, que beneficia directamente a un gran número de traballadoras. A reforma do mercado laboral incorporou as mulleres do fogar ao réxime da seguridade social e transformou en contratos fixos e a tempo completo centos de miles de “contratos basura” que maioritariamente subscribían as mulleres.

Déronse pasos importantísimos en materia de coidados e responsabilidades domésticas e non podo esquecerme da revalorización das pensións, porque a maioría de pensionistas deste país son, tamén, mulleres.

Esta mesma semana impulsamos a nova lei de paridade para que as mulleres poidamos ocupar os lugares onde se toman as decisións na mesma porcentaxe que representamos na sociedade. Somos máis do 50% da poboación e só reclamamos esa mesma porcentaxe no mundo.

Pídolles a todas as mulleres e homes que cren na igualdade que non deixen esta loita, porque estes pasos adiante non son irreversibles e existen ameazas moi serias que todas coñecemos e que poñen en cuestión moitos dereitos que tanto nos custou alcanzar.

Desde a democracia e o feminismo non o imos permitir.

Maica Larriba
Maica Larriba
Licenciada en Xeografía e Historia, especialista en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Maica Larriba (Pontevedra, 1953) é catedrática de Xeografía e Historia dende 1996, número un da súa promoción e máxima valoración do Tribunal.Foi profesora asociada de bacharelato por oposición dende 1978 ata 1996. Desenvolveu a súa actividade docente en Vigo, Redondela, Marín e Pontevedra e desempeñou cargos de dirección, secretaria e directora no instituto da Xunqueira. En canto á súa actividade política, foi concelleira de Educación e Servizos Sociais do concello de Pontevedra entre 1987 e 1995, concelleira da Universidade de Vigo en representación do Parlamento de Galicia e delegada provincial na Consellería da Presidencia da Xunta de Galicia en Pontevedra de 2005 a 2009. Desde 2018 ocupa o cargo de subdelegada do Goberno en Pontevedra.